Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Xesús Veiga | Compostela | 12/11/2011
Jordi Barbeta, analista político de La Vanguardia, escribía hai poucos día un lúcido artigo –“¡Socorro, quedan 11 días!”- sobre o desenvolvemento da confrontación televisiva entre Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy.Non cabía agardar unha excelencia discursiva en dous políticos cuxa brillantez é inversamente proporcional aos trienios acumulados no goberno das administracións públicas.E moito menos cando un deles –o candidato do PP- non quería saír do guión que, previsibelmente, o vai levar á Moncloa:todas as desgrazas que padece actualmente o corpo social é debido á xestión deficiente do goberno Zapatero.Todo o demais carece de importancia:a cobiza dos banqueiros é unha lenda urbana; as hipotecas lixo foron unha anécdota sen maior transcendencia;a política da señora Merkel é un exemplo de compromiso social na construción do espazo común europeo.
Os silencios rexistrados no debate foron estrondosos.Das políticas promovidas polos máximos dirixentes da UE non se falou a pesar de que o candidato socialista fixo, case ao principio, unha emenda á totalidade do que defendeu como membro do goberno (pedindo un aprazamento ate o 2015 da esixencia dun déficit do 3% do PIB e un novo “Plan Marshall” para o territorio europeo).E da corrupción nin media palabra.Ben mirado, todo tiña a súa lóxica.Para qué discutir sobre os ditados de Merkel e Sarkozy se aquí houbo unha reforma da Constitución a fume de carozo para que o tándem acougara durante un certo tempo.E cómo reflexionar sobre “Gürtel” sen entrar en “Campeón”.A conclusión non pode ser mais desalentadora:unha grave doenza do sistema democrático –a corrupción- nin orixina penalización entre os que a practican nin sequera merece un minuto de atención ante unha audiencia millonaria que polo menos merecía escoitar unha solemne petición de desculpas polas falcatruadas cometidas na administración dos recursos colectivos.