Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 18:32
O triatleta Javier Gómez Noya felicitouse por disputar en casa o Campionato do Mundo Multideporte de Pontevedra, do 27 de abril ao 5 de maio, que reunirá os mellores especialistas de Dúatlon, Acuatlón, Tríatlon Cros, Aquabike e Tríatlon longa distancia e onde buscará o triunfo como en cada competición na que participa.
"Para min é un luxo competir en casa. Gardo moi bo recordo de todas as experiencias que tiven competindo en Pontevedra e seguro que será un gran espectáculo. Animo a todo o mundo a que se achegue a vernos. Se eu non competise, tampouco o perdería como espectador", comentou na presentación do patrocinio de Banco Santander como 'Title Patrocinador' do campionato en conexión directa desde Nova Zelandia.
O embaixador da iniciativa '123aCorrer' de Banco Santander Javier Gómez Noya, que cumpre este luns 36 anos, confesou que emocionalmente competir en Pontevedra "é algo moi bonito, e máis nunha cidade que se envorca sempre co deporte".
"Se este Mundial fose en calquera outro lugar non competiría. O meu adestramento é agora moi diferente, pero é a miña cidade e quero tentar loitar pola vitoria. Como en todas as carreiras ás que saio, eu sempre saio a gañar. É un obxectivo complicado, unha distancia sobre a que non competín nunca, fixen máis curtas e máis longas, pero espero ser capaz de render a un bo nivel", dixo o pentacampeón do mundo.
Ao acto de presentación na oficina de Banco Santander na Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado acudiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a Directora da Territorial de Banco Santander, Charo García Alonso; e a Directora de 123aCorrer de Banco Santander, Virginia Martínez Murguía.
Actualmente, Javier Gómez Noya adéstrase en Nova Zelandia e a semana que vén volve competir. "Estou con ganas de probarme. Para min é unha carreira de preparación. Un dos meus obxectivos son os Xogos Olímpicos e non só teño que render en distancias curtas. Esta é unha época de moito adestramento e moito traballo", comentou.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores dixo que este Mundial supón unha axuda "moi importante non só para Pontevedra senón tamén para Galicia". "Imos contar con 4.000 deportistas de todo o mundo e iso implica un esforzo grandísimo de organización e económico e o apoio de Banco Santander é fundamental para que os campionatos se celebren con todas as garantías. Estamos a pór Pontevedra no mapa e espero que este campionato sexa un éxito. Falamos dun retorno inmediato de millóns de euros e un retorno posterior que fará que a xente volva a Pontevedra nun futuro", indicou.
A Directora da Territorial de Banco Santander en Galicia, Charo García Alonso, sinalou que para Banco Santander é unha "oportunidade única" levar Pontevedra a "nivel mundial" e unha demostración do apoio da entidade bancaria a Galicia. "Estamos a patrocinar de forma intensa os deportes e con esta aposta queremos achegarnos de forma activa á cidade de Pontevedra", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.