Compra de madeira ilegal en Galicia, empresarios e ecoloxistas fan fronte común

As alertas de Greenpeace sobre casos de importación de madeira ilegal fixo que, logo do cambio na Consellería de Medio Rural, a Xunta estea a cumprir coas súas competencias no tema. Os empresarios aseguran que non afecta gravemente ao mercado e que é cuestión de formación mentres, os ecoloxistas piden maiores controis e responsabilidade ás autoridades.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A importación de madeira cara a Unión Europea supón un negocio redondo en canto que os países da Unión son deficitarios nesta materia prima. E non só para a construción ou para a elaboración de mobles e demais derivados, como tamén é a pasta de papel. Hai sectores como o naval, sobre todo o adicado á construción de barcos de luxo, transatlánticos e outras embarcacións polo estilo, que precisan de madeiras “preciosas” para incrementar o valor engadido destes buques.

Madeira lista para ser procesada
Madeira lista para ser procesada | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

O problema vén cando a madeira importada procede de lugares en conflicto e é vendida con interese de manter ese conflito. A esta madeira importada chámanlle “madeira de sangue”. Tamén a madeira procedente de talas en lugares protexidos ou de árbores en vías de extinción están dentro do mercado ilegal desta materia. Xa no mes de febreiro Galicia Confidencial recollía as primeiras informacións sobre como Galicia se convertera nun porto de entrada deste comercio ilegal e con riscos para a saúde da flora autóctona.

IMPORTACIÓN E REGULACIÓN

A situación estaba sendo alarmante dado o rápido avance en deforestación en países tropicais ou con selvas de grande extensión. Nalgúns casos, a tala desta madeira e a súa venda servíu para o finanzamento de grupos armados ou de gobernos que tiñan un orzamento baixo para mercar armas e poder combater guerrillas internas ou mesmo conflictos armados con outros países. Un caso é Myanmar, a antiga Birmania, onde tanto o goberno como grupos armados aproveitaron o diñeiro da venda de madeiras “preciosas” para financiarse. No caso desta venda de madeira para fornecer exércitos en conflito chámaselle “madeira de sangue”.

Todo isto trouxo que por exemplo a Unión Europea crease un marco legal para que os países membros obrigasen a importadores e exportadores a seguir o Regulamento da Madeira da UE (EUTR), mediante a  certificación de Cadea de Custodia PEFC. A certificación quere asegurar que a madeira cortada e vendida segue os criterios de sustentabilidade ademais de ser “unha ferramenta para asegurar o uso de materias primas legais e sustentables”.

“Desde o ano 2013 España e en concreto a Xunta deberían ter establecido unha serie de controis para que as empresas apliquen un sistema chamado “dilixencia de vida” que de análise, avaliación e mitigación de riscos por traer madeira ilegal” di Miguel Ángel Soto, de Greenpeace. “A finalidade é saber quen e como vende a madeira, que non está nunha zona de alto risco, que a empresa vendedora non ten problemas coa xustiza”. O papel da Xunta de Galicia obrígaa a certificar que as empresas importadoras están cumprindo con ese procedemento.

Desde o Clúster da Madeira de Galicia, o seu portavoz, José Carballo sinala o apoio ás iniciativas contra o tráfico de madeira ilegal, “non está xustificado que nigún industrial ou axente que importe madeira hoxe en Galicia o faga de maneira sen unha perfecta trazabilidade da orixe e certificación”. “A cadea da madeira dá traballo en Galicia a 70.000 persoas, por iso non podemos confundir a cadea da madeira con prácticas, chamemos escuras mentres non se aclare este punto”.

“No último ano vimos que a Xunta non tiña intención de facer estes controis, desde 2013 hai un real decreto que explicaba como tiñan que facelo” di Miguel Ángel Souto que tamén apunta o feito de Greenpeace teren denunciado tres casos en Galicia sobre uso de madeira ilegal. “Por poñer un exemplo, a madeira de ipe sofre unha fraude masiva en Brasil e hai fabricantes de chan de madeira  que trae ipe”. Soto sinala que en Brasil se deron casos de empresarios da madeira presuntamente implicados en matanzas por impedírenlles cortar madeira en determinadas zonas. “Isto mesmo a lei de Montes de Galicia prohibe importar madeira chegada dun contexto de violencia”.

DENUNCIAR

José Carballo, desde o Clúster confirma que “se calquera organización ou persoa ten coñecemento de prácticas ilegais na importación da madeira, ten obriga de denuncialo, pois insisto, non está xustificado usar madeira sen orixe controlada”, Carballo insiste que “hai madeira abondo que cumpre as normas sen ter que correr riscos ninguén”. “O risco non está nos industriais locais de Galicia, senón nos importadores, e aquí importamos moita madeira, desde países europeos ata americanos e todo tipo de madeira, e toda esta importación non ten sospeita porque procede de países sustentables”.

Segundo Greenpeace a Xunta de Galicia non ten intervido de maneira contundente contra a entrada de madeira ilegal. “Fomos directamente á Fiscalía de Medio Ambiente preguntando que por que non se cumpría a lei” di Soto, que sinala tamén silencio durante un tempo ata os últimos cambios na Consellería de Medio Rural. “Hai pouco desde o Clúster da Madeira declararon que estaban ao noso favor e as autoridades comezan a actuar, penso que o fiscal de Medio Ambiente lles teña dito algo”.

A cantidade de madeira ilegal que pode estar circulando segundo estimacións da ONU, pode estar entre o 15 e o 30%. “Se o transformamos en cartos, poderían ser 15.000 millóns de dólares por ano en roubo de madeira”. Sobre se estas accións de tala ilegal teñen como consecuencia a plantación de especies como o eucalipto en países afectados, Miguel Ángel Soto di “a tala ilegal busca o beneficio económico directo, logo virá a queima dos terreos para transformalos en pasto ou terro para cultivo de soia”.

José Carballo apunta desde o Clúster que a existencia dalgún empresario, almacén ou empresa que importe madeira ilegal “por ignorancia do regulamento da UE, por este descoñecemento, pode que se compre esa madeira, máis agora a Cadea da Madeira estamos en contacto cos tres organismos da Xunta con competencias no tema, deixaron isto en mans da Fiscalía e do Seprona”.

“O que queremos é que o comercio da madeira sexa lícito, polo menos lícito, logo se é sustentable pois mellor, pero ata o de agora houbo administracións que miraron para outro lado” di Miguel Ángel Soto que apunta tamén “que é necesario a formación ás empresas da maneira que en Galicia son PEMES maioritariamente”. Neste sentido o Clúster tamén apunta a “que tamén acordamos dar formación ás PEMES que por descoñecemento faga algo que non estea ben”. “Se o comercio da madeira en Galicia deixa ao ano 2.200 millóns de euros, o diñeiro da compra ilegal é mínimo” asegura Carballo. 

Polo de agora, segundo os profesionais da madeira o impacto económico é minimo. Segundo os ecoloxistas, ata o de agora as autiridades miraban para outro lado. Para o Clúster da Madeira de Galicia a formación dos empresarios é necesaria para evitaren situacións que impliquen delicto. En tal caso, aínda queda por saber como pode chegar esa madeira a Galicia e quen vende.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta