A obra colectiva máis fascinante sobre Galicia, anterior á Historia de Galiza publicada en Bos Aires e coordeada por Otero Pedrayo ou a ulterior Enciclopedia gallega, é sen dúbida para min, a Geografía General del Reino de Galicia de Carreras y Candi, editada en Barcelona nos anos 30. Neste volume aparece unha detallada descrición dos concellos galegos, agrupados en cadanseu partido xudicial. A enseña heráldica de cada “ayuntamiento” introduce o texto como un brasón fachendoso que avisa das excelencias do lugar. Non esquenzamos que nos tolos anos 20 comezou de verdade a promoción turística de Galicia. Esta magna obra anunciaba o papel que estas entidades, nun comezo artificiais, xogarían até hoxe na consolidación dun determinado sistema de control e coerción. A realidade da Restauración borbónica foi implacable. A través do ordeamento en partidos xudiciais, a Modernidade entrou nas vilas-capitais, cos seus cárceres, cos seus xulgados, cos seus mercados municipais, matadoiros, cos seus cuarteis da Garda Civil e demais escenografías arquitectónicas. O caciquismo valeuse do “Ayuntamiento” e do “segredario” como man de moer do sistema, como tan ben se reflexaba nas viñetas de Castelao ou nas popularísimas obras teatrais do veterinario ourensán Prado Lameiro.
Esta realidade municipalista non sempre foi do agrado do Partido Galeguista de preguerra. Non esquenzamos que dentro do núcleo duro dese movemento tiñamos a todo un catedrático de Xeografía como Ramón Otero Pedrayo e a todo un funcionario provincial de Estatística, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Pouco se ten falado desta vertente profesional, tan numérica, do artista rianxeiro, como tampouco se ten aproximado demasiado ao labor no eido da Facenda do mártir Alexandre Bóveda. O certo é que por amor e formación estes intelectuais-políticos coñecían moi ben o territorio e a realidade que pisaban, nun intre no que remanecía o poder da bisbarra e da parroquia como marcos de sociabilidade, malia a imposición do marco administrativo levado a cabo polo Estado liberal. Resulta curioso como estes galeguistas, nun principio inspirados naquela Mancomunitat catalá, deixaron de lado calquer veleidade de fusión municipalista, e tiraron polo recoñecemento legal deses pequenos átomos que eran as parroquias. Daquela, mesmo en América, a vila ou parroquia de orixe seguía a ser o principal referente identitario, como o demostran os nomes das asociacións de emigrantes en ultramar, fosilizados nesas escolas de indianos esborralladas e/ou reconvertidas en locais sociais.
O galeguismo político de preguerra recoñecía a Galicia coma unha potencia atómica. O feijoonismo, pola contra, aposta máis pola fusión nuclear, é dicir, de núcleos de poboación, de concellos, despois do atronador éxito da fusión das caixas. Xa se sabe que a dereita totalitaria sempre viu con bos ollos a concentración obrigada da poboación, o reasentamento, para diminuír custes, maximizar beneficios e controlar á xente. O hábitat disperso é unha auténtica putada para as ditaduras, que sempre empregan dous conceptos para lexitimar a súa angueira de coerción: racionalización dos recursos e modernización.
Hoxe o noso compañeiro arqueoastrónomo César González deu unha conferencia maxistral en Compostela co gallo do seu ingreso como cientifico titular no CSIC. Na súa intervención falounos das simulacións que fan os astrofísicos para estudar os procesos de destrución e fusión de galaxias. Algo semellante ás investigacións desenvoltas polos físicos nucleares. A charla de César deixoume un aquel no corpo e fun de cabeza á wikipedia a ver que era iso da fusión nuclear: “ proceso polo cal varios núcleos atómicos de carga semellante se unen e forman un núcleo máis pesado. Ao mesmo tempo libera ou absorbe unha cantidade enorme de enerxía, o que permite á materia entrar nun estado plasmático”. Este debe ser o mesmo estado en que se atopan moitos alcaldes e alcaldesas trala campaña desatada polo presidente Feijoo a prol dunha reformulación territorial do municipalismo galego. Pero sigamos lendo: “No caso máis simple de fusión, no hidróxeno, dou protóns deben achegarse dabondo para que a interacción nuclear forte poida superar a súa repulsión eléctrica mutua e obter a posterior liberación de enerxía”. Nalgúns casos de concellos galegos colindantes antóllaseme imposible superar a “repulsión eléctrica mutua” entre determinados alcaldes. Algo semellante debe acontecer no BNG, que sempre semella ir contra os tempos. En tempos de fusión, eles van e dálles pola segmentación atómica. Non me estrana, tendo en conta os norcoreanos bos e xenerosos que controlan o teléfono vermello dentro do partido. Todo dependerá de se prenden o botón nuclear. E daquela, se é así, estourará, como dicía un vello de Cerasia, “ a bomba Antonia”.