Jimmy Choo contra Manolo Blahnik

Mentres agardo pola miña compañeira paseo vendo os escaparates dalgunhas das centos de tendas do centro comercial no que estou. Paro diante dun deles, unha zapatería, pregúntome quen pode mercar a mercancía que se exhibe, o prezo dos zapatos que se mostran oscilan entre os 400 e mais de 1.000 euros, ao cambio. Tamén hai bolsos de muller, de prezos aínda mais elevados.

Por Emilio Martinez | Vigo | 07/03/2012

Comparte esta noticia

A tenda é dun dos deseñadores que causan furor no mercado do luxo: Jimmy Choo. Tacóns de agulla, plataformas, colores increíbles… Ao meu carón escoito unha conversa. Non sei o que están a falando, non entendo o árabe, pero supoño que comentan sobre os zapatos que me teñen sorprendido. Deduzo que son tres mozas novas de compras. O deduzo, non o podo afirmar, porque só podo observar nunha mirada de rápida apenas os seus ollos, con pestanas, cellas e sombras de revista de moda. As mozas entran na tenda e quedo un ratiño mirando dende fora. Mentres proban uns zapatos debaixo da tela preta podo observar o baixo duns vaqueiros e unhas zapatillas deportivas. E hora de buscar á miña compañeira, desfago o camiño e entre ducias de mulleres vestidas integralmente de negro apenas teño interese polo que se me ofrece nas tendas de marcas de luxo de prezos desorbitados, con deseños e colores que contrastan tan fortemente coa vestimenta das súas potencias compradoras. Os contrastes van ser o que mais me chame a atención deste país do Golfo Arábigo (eiquí mellor nunca referirse a Golfo Pérsico) no que vou estar durante unhas poucas semanas. Mentres camiño pregúntome si no centro comercial tamén haberá unha tenda de zapatos de Manolo Blahnik, os “manolos” polos que Carrie Bradshaw perdía a cabeza na serie Sexo en Nova Iorque. Tal vez nunha próxima visita ao centro poda constatar si existe diferenzas entre as compradoras dunha e outra marca.

 
Non é doado para un occidental chegar a comprender unha sociedade dominada polos usos e as costumes islámicas, onde predomina a segregación por sexo e no que a muller ten limitada ata situacións increíbles a súa presenza na vida económica, social ou política. Con diferenzas dende logo entre uns países e outros pero medrando en moitos países árabes prácticas onde a muller nos espazos públicos debe ocultar o seu físico ante calquera mirada allea. Pensar en que elo é froito única e exclusivamente dunha decisión persoal e cando menos dubidoso, porque a realidade é que naqueles lugares nos que non existe unha obrigatoriedade de usar determinado tipo de prendas, sexa nikap, chador, ou burka, baixo a risco de que non facelo pode supor enfrontarse á violencia de diversas policías relixiosas, existe unha presión social que é difícil vencer.
 
Desta situación, das contradicións sociais e os anhelos de maior liberdade fala un interesante comic recentemente publicado: “O coche de Intisar. Retrato dunha muller moderna en Iemen” froito do traballo conxunto do escritor Pedro Riera e o dibuxante Nacho Casanova. Sen dúbida, aínda que a protagonista do comic sexa un persoaxe de ficción froito da suma de vivencias de mulleres ás que o guionista da obra coñeceu en Iemen as historias narradas reflicten moi ben as pequenas loitas diarias por conservar espazos de liberdade e, en grande medida, a dignidade e o dereito á individualidade.
 
“O coche de Intisar” únese a outras obras imprescindibles para coñecer atraveso da banda deseñada a realidade da sociedade musulmán e a a súa versión radical froito do fundamentalismo. A magnífica “Persepole” (publicada orixinalmente entre 2000 e 2003), levada ao cine en 2007, recentemente traducida ao galego, igual que  outras obras da iraní  Marjane Satrapi, é imprescindible para coñecer a consolidación do réxime dos aiatolas en Irán e o retroceso social que significou, levando ao país ata extremos que mais teñen que ver co medioevo que co século XX ou XXI.
 
En 2010 publicouse en Estados Unidos outra novela gráfica de interese “O Paraíso de Zahra”, editada en España ao ano seguinte, de Amir e Khalil (nomes supostos ao evitar os autores unha publicidade que lle trouxera consecuencias nefastas). En “O Paraíso de Zahra” nárrase a busca dun mozo desaparecido en Teherán durante as revoltas de xuño de 2009 e que continuaron por distintas razóns nos anos seguintes e que non será difícil que se reproduzan no futuro a medida que o réxime teocrático tente dar mais voltas de torca na tentativa de afogar, aínda mais, calquera tentativa de apertura e achicando os mínimos espazos de liberdade.
 
Algúns anos mais ten o tebeo “O caso do velo”, de 2006, obra de René Pétillon. A diferenza das obra anteriores “O caso do velo” non transcorre nun país islámico senón nos barrios de maioría musulmán de París, e o acercamento faise en clave de humor, aínda que non por iso deixa de que o lector ou lectora non perciban a complexidade da situación, neste caso unha situación que ven podería ter como pano de fondo as rúas de Madrid, Barcelona ou incluso unha vila galega.
 
Pasaron os días e teño que voltar ao meu traballo en Vigo. Son case seis horas de vo. Perto do meu asento unha rapaza pasa a meirande parte do tempo lendo no seu libro electrónico. Como aquelas mozas do centro comercial viste o nikap. Fago escala en Londres, por diante teño un par de horas de espera. Mentres busco nunha tenda do aeroporto un xornal ou algún CD a bo prezo descubro uns ollos coñecidos. É a rapaza do libro electrónico. Xa non viste nikap, senón a inconfundible roupa de Desigual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.