Galegas na Diáspora, o colectivo creado polas galegas de Buenos Aires para exercer a loita feminista

Dende a capital arxentina, este grupo de mulleres fillas e netas de migrantes galegas chaman "á loita contra a alianza entre o patriarcado e o capitalismo que nos quere dóciles, submisas e caladas", relatan no seu manifesto.

Por Galicia Confidencial | Boas Aires | 11/07/2019 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

A Galicia de Buenos Aires tamén se mobiliza a favor da loita feminista. Hai un ano naceu o Colectivo Feminista Galegas na Diáspora recoñecéndose "irmandadas coas reivindicacións polos dereitos das mulleres e disidencias sexuais en reacción á sociedade patriarcal contemporánea". Así se presentan este grupo de rapazas e baixo estas premisas defenden a igualdade. Xurdiron ao calor de "O Verdegaio lilá", unha versión feminista dunha canción tradicional galega que coincidiron en cantar para o 8M do 2018. "Desde esa emoción xurdiu a inquedanza e a conciencia de compartir orixes e ideas", escriben no manifesto.

Colectivo Feminista Galegas na Diáspora
Colectivo Feminista Galegas na Diáspora

Estas cantas mulleres atoparon lazos entre elas que as xuntaron forte: úneas unha dimensión migrante e interxeracional, porque son migrantes, fillas e netas de migrantes; e úneas tamén a dimensión internacional. Ao coñecérense, axiña crearon unha organización feminista "independente e apartidaria", con raíces en Galicia, o país co que a maioría se identifica en orixe ou por afinidad cultural. Contan que non están ligadas a ningunha institución, pero si están "agradecidas de ser recibidas naqueles espazos que nos dean a benvida para traballar en conxunto, como a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, que nos cedeu espazo para os encontros ata a data".

"Galegas na Diáspora somos, ante todo, un colectivo sororo de contención. Somos unha

organización diversa, inclusiva, horizontal e autoxestionada. Organizámonos de xeito independente e asembleario. Buscamos xerar un espazo de traballo común, de debate e de loita en revisión continua e construción colectiva en rede coa loita feminista internacional", relatan as súas creadoras.

De aquí en diante, o colectivo ten preparadas varias actividades na cidade de Buenos Aires. Por unha banda, cada pouco tempo convocan asembleas, ás que dan en chamar aquelarres. Pola outra, organizarán actividades abertas mixtas, ao igual que actividades de formación e divulgación dos dereitos humanos fundamentais con perspectiva de xénero. "Desde Galegas na Diáspora reivindicamos a igualdade de xénero, social, política e laboral. Reivindicamos unha sociedade libre de opresións, de explotación e de violencias machistas". Avogan polo dereito ao aborto legal, seguro e gratuíto. Loitan contra o patriarcado como sistema de dominación. "Chamamos á loita contra a alianza entre o patriarcado e o capitalismo que nos quere dóciles, submisas e caladas".

O seu manifesto remata cun berro escrito que xa calquera pode imaxinar como soa: "Querémonos vivas e libres!

Polo dereito ao aborto legal, seguro e gratuíto!

Non estamos soas, estamos organizadas!"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gourmela

Independente e apartidaria, moi ben, logo que non choren cando ninguén do ppsoecsvox lles lembre con maalas formas e nula axuda que son mujeres gallegas... Hoxe por hoxe todos sabemos onde está o feminismo militante en Galiza e o partido que o defende. Comeza por B...

1 anonimo

Eso de " mulleres dóciles sumisas e caladas" sería na edade media, pero hoxe ...