Na análsie mediática do asasinato de Jimmy, o seareiro deportivista guindado ao Manzanares na mañá do 30-N, abrollou con forza dende Madrid xa nos primeiros momentos unha teoría da equidistancia: Riazor Blues e Frente Atlético eran todos extremistas, uns de dereita e outros de esquerda e partillaban os mesmos medios violentos. Mesmo algúns (e non sempre só os media da dereita madrileña) atrevíanse a formular a tese de que o principal responsábel era o proprio morto, por viaxar a Madrid. O presidente da Liga de Fútbol Profesional, antigo militante da extrema dereita inconstitucional, chegou expresar o que moitos pensaban: “Teríamos suspendido o partido se o morto fose un seareiro normal”. Despois cesaría Lendoiro do seu cargo na devandita Liga, simplesmente por se achegar ao enterro de Jimmy expresar as súas condolencias, como adoitamos facer a inmensa maioría dos galegos, sexa de quen fór o velorio.