Por Galicia Confidencial | Galicia | 11/06/2007 | Actualizada ás 20:13
Os resultados electorais do día 27 de maio expresan en moitos concellos galegos unha vontade de gobernos de coalición ao non producirse maiorías absolutas por parte de ningunha das forzas políticas concurrentes, nestes concellos.
O PSdeG-PSOE e o BNG, respectuosos con esa vontade cidadán de gobernos plurais para estes concellos e sensíbeis á necesidade de propiciar a súa estabilidade política, establecen o presente acordo para a gobernación dos concellos.
Os gobernos municipais derivados deste acordo basearanse na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas as dúas forzas na acción de goberno, así como na concepción do Goberno como órgano unitario.
O reparto de tarefas e responsabilidades nos distintos ámbitos institucionais estarán en relación coa representatividade acadada por cada unha das forzas políticas acordantes. As direccións nacionais do BNG e PSdeG-PSOE constitúense en garantes destes acordos no
ámbito de Galicia. Asumindo, por tanto, as responsabilidades que se deriven das actuacións locais que infrinxan os acordos devanditos.
As direccións nacionais do PSdeG-PSOE e o BNG expresan, asimesmo, a súa vontade de asegurar a gobernabilidade das Deputacións, comprometéndose a iniciar negociacións con este obxectivo.
Estes acordos das forzas asinantes para garantir gobernos de coalición nos concellos que fagan realidade o cambio, baséanse nos seguintes
PRINCIPIOS E CRITERIOS PROGRAMÁTICOS:
1.- O PSdeG e o BNG suscriben o presente acordo de gobernación comprometéndose a impulsar na acción municipal gobernos cimentados na proximidade aos cidadáns e aos seus problemas, gobernos fortes para ofrecer un maior nivel de benestar. Comprometémonos a demandar para os concellos un modelo de finanzamento capaz de garantir a suficiencia económica necesaria para xestionar a súas competencias.
2.- Concebimos os concellos como pezas fundamentais para a vertebración do País. Neste sentido, o BNG e o PSdeG impulsarán unha nova organización administrativa do territorio galego baseada en comarcas e áreas metropolitanas.
3.- Concellos comprometidos co desenvolvemento rural e co equilibrio territorial e medioambiental, concellos que aposten por un modelo de crecemento sustentábel, respectuoso co medio e coas persoas.
4.- Pularemos por políticas de ordenación territorial e planificación urbanística inseridas nunha concepción galega global e destinadas ao desenvolvemento sustentábel, equilibrio territorial, urbanismo racional e debida protección do ambiente, da paisaxe e do litoral. Neste sentido comprometémonos a que os concellos vinculados a este acordo adaptarán os seus planos xerais á nova lexislación, facendo unha reserva de solo para vivenda de promoción pública do mínimo do 30%, nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e do 40% nos concellos restantes, adaptando as súas políticas ao previsto na Lei en desenvolvemento.
5.- Os concellos son instrumentos fundamentais para a mellora da calidade de vida e a conquista do benestar e a igualdade. Neste sentido serán liñas de actuación prioritarias as políticas de promoción económica e creación de emprego, de desenvolvemento de programas de benestar social, de defensa do medio ambiente, de igualdade entre homes e mulleres, as políticas sociais de vivenda, así como de dotación de equipamentos educativos, sanitarios, culturais e deportivos.
6.- Comprometémonos a manter a máxima colaboración das institucións locais co Goberno Galego en todos os eidos.
7.- Comprometémonos a que os concellos sexan institucións xestionadas de xeito democrático e transparente e abertas á participación cidadá. Promoveremos fórmulas para que os veciños e veciñas sexan partícipes das decisións das corporacións locais, dotando a todos os concellos de Regulamentos e Consellos de Participación Cidadá. Asumimos o firme compromiso dos gobernos municipais cos valores éticos e co interese público.
8.- Os concellos serán axentes activos na promoción da cohesión social, a identidade cultural e a extensión de usos do noso idioma. Neste sentido, os gobernos municipais vinculados a este acordo cumprirán e farán cumprir a lexislación en materia lingüística, empregando a nosa lingua de forma sistemática en todas as súas comunicacións orais e escritas e promovendo o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administración local. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a seren atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.
Para a conformación de maiorías de goberno que garantan a aplicación dos principios e criterios programáticos denantes enunciados, o PSdeG-PSOE e o BNG acordan:
1º.- Dar o seu voto na sesión de investidura, ao candidato/a da forza máis votada en cada concello das asinantes do pacto, nos casos en que ese apoio sexa necesario para garantir o acceso á alcaldía.
2º.- Nos restantes concellos facilitar, en calquer caso, a investidura do candidato/a da forza máis votada das asinantes do pacto, mediante a abstención se fose preciso, para evitar que se puidese alterar o pactado neste acordo ao ser votados por outra forza.
3º.- O PSdeG-PSOE e o BNG acordan impulsar a formación de gobernos de coalición nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo conforme aos seguintes criterios, salvo acordo noutros termos das dúas forzas no ámbito local:
a) Ostentará a alcaldía a forza máis votada, das asinantes do pacto, nese ámbito territorial.
b) Na segunda forza, recairá e a Tenencia de Alcaldia única.
c) As áreas de responsabilidade distriburanse en proporción á representatividade de cada forza política en cada ámbito.
4º.- Nos demais concellos incluídos no acordo impulsarase un proceso de diálogo no ámbito local para propiciar gobernos de coalición ou acordos de gobernabilidade, orientados polos mesmos principios anteriores.
CRITERIOS PARA O FUNCIONAMENTO DOS GOBERNOS DE COALICIÓN:
Principio de unidade de xestión e de solidariedade: O goberno municipal, como órgano único e colexiado, actuará con cohesión, lealdade e apoio mutuo, responsabilizándose de xeito conxunto e solidario do funcionamento do concello; partindo do diálogo e co compromiso cun programa municipal común. Cada formación política manterá a súa autonomía de actuación no que exceda á xestión municipal.
Principio de autonomía: O Alcalde efectuará unha delegación xenérica de competencias aos concelleiros/as que contemplará todas as facultades, dereitos e deberes na materia ou área delegada agás as indelegábeis, co obxecto de garantir a capacidade de xestión na súa área, dentro do marco das liñas programáticas básicas e no sometemento ás normas xerais e ás decisións corporativas, que garantizan o funcionamento unitario do goberno municipal.
Principio de eficacia: Na acción de goberno primará a axilidade, eficiencia e eficacia, para así acadar un nivel óptimo de prestación de servizos e de mellora de calidade de vida dos cidadáns.
En Santiago de Compostela, a 11 de xuño de 2007.
Emilio Pérez Touriño Anxo Quintana González
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE Portavoz Nacional do BNG
*****************************************
ACORDO POSTELECTORAL PSdeG-PSOE/BNG PARA A GOBERNACIÓN DOS CONCELLOS E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA (2003)
O 25 de maio de 2003 os cidadáns e cidadás de moitos concellos de Galicia decidiron co seu voto que o goberno dos seus concellos se sustentase nunha maioría plural, ó non outorgar a maioría absoluta a ningunha das candidaturas concorrentes
Esta vontade expresada polos cidadáns galegos nas urnas esixe das forzas políticas de progreso un esforzo de diálogo e entendemento para respectar a vontade popular e contribuír responsablemente á estabilidade e a gobernabilidade das corporacións locais, promovendo e impulsando maiorías alternativas, ó Partido Popular, de orientación progresista.
Este sentido da responsabilidade institucional éo compromiso mutuo de impulsar desde os concellos políticas positivas de mellora das condicións de vida dos seus cidadáns é o que anima ó PSdeG-PSOE e ó BNG a establecer as bases do presente acordo de gobernación das institucións locais.
COMPROMISOS PROGRAMÁTICOS
O PSdeG-PSOE e o BNG subscriben o presente acordo de gobernación, comprometéndose a impulsar na acción municipal:
Gobernos cimentados na proximidade ós cidadáns e ós seus problemas, no compromiso inequívoco co noso país, con Galicia e os seus intereses, e tamén na solidariedade, na procura dun maior nivel de benestar e cohesión social, cun horizonte de igualdade cos territorios e os sectores sociais máis necesitados.
Concellos fortes para ofrecer un maior nivel de benestar. Comprometémonos a reclamar para os concellos un modelo de financiamento capaz de garantir suficiencia e dinámica bastante para xestionar as súas competencias. Os municipios deben asumir aquelas novas competencias nas que a súa xestión resulte máis eficaz desde o ámbito local. Trátase dun compromiso por facer efectivo o principio de subsidiariedade, dotando ós concellos do financiamento necesario para o exercicio das mesmas.
Concellos que traballen pola mellora da calidade de vida dos cidadáns impulsando políticas activas de benestar social que garantan o acceso da poboación ás infraestructuras básicas, ós servicios educativos, sanitarios, sociais, culturais e deportivos, universais e de calidade. Concellos que fagan do acceso a unha vivenda digna un dereito real e efectivo para todos os seus cidadáns.
A garantía dos gobernos de coalición PSdeG-PSOE/BNG nos municipios leva consigo a responsabilidade da transformación política dos concellos. Valoramos o ámbito local como un espacio de privilexio para o compromiso cidadán e a participación social. Impulsaremos unha política de participación democrática, transparente e eficaz, fomentando a organización social e a participación popular na conformación da vontade política; xestionando a administración municipal con eficacia, axilidade e modernidade.
Concellos comprometidos coa vertebración política de Galicia e a promoción e potenciacións dos seus sinais de identidade colectivos. Potenciaremos o súo do galego en todas as actividades públicas e sociais, cumprindo rigorosamente coa lei de Normalización Lingüística e contribuiremos á difusión e posta en valor da cultura galega, ao coñecemento da nosa historia e a recuperación do noso patrimonio colectivo. Entendemos a nosa identidade cultural e lingüística como un factor de enriquecemento colectivo correspondéndolle ós concellos a súa promoción e o contacto intercultural.
Concellos comprometidos co medio ambiente, co desenvolvemento rural e co equilibrio do territorio. Concellos que aposten por un modelo de crecemento sustentable respectuoso co medio e coas persoas.
Facer dos concellos espacios máis habitables e solidarios, incidir nunha transformación progresiva e sostida, dar resposta efectiva ás demandas dos veciños. Municipios que aposten pola posta en valor do noso patrimonio urbanístico e por unha planificación do espacio municipal no que as necesidades e o protagonismo das persoas estean por riba de calquera outra consideración.
Concellos que impulsen políticas de promoción económica e de fomento do emprego, que actúen como axentes dinamizadores do desenvolvemento socioeconómico da comunidade á que serven.
E, para o desenvolvemento destes plantexamentos programáticos, ambas formacións DECLARAN:
1.Os gobernos basearanse na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas as dúas forzas na acción de Goberno, así como na concepción de Goberno como órgano unitario.
2.Os acordos subscritos polo PSdeG-PSOE e o BNG fundaméntanse nunha concepción da relación entre ambas forzas como unha relación en pé de igualdade baseada no respecto á autonomía de cada organización.
3.O reparto das tarefas e responsabilidades nos distintos ámbitos institucionais estará en relación coa representatividade acadada por cada unha das forzas políticas acordantes.
4.As direccións nacionais de PSdeG-PSOE e BNG constitúense en garantes de estes acordos no ámbito de toda Galicia. Asumindo, por tanto, as responsabilidades que se deriven das actuacións locais que infrinxan os acordos devanditos.
É por esto que, na procura e defensa dos fins citados e en concordancia cos compromisos adquiridos, acadamos os seguintes ACORDOS:
1.Apoiar a elección do candidato ou candidata a presidir os concellos e a Deputación da Coruña propostos pola organización asinante que ten maior representatividade.
2.Garantir a estabilidade dos gobernos dos concellos mediante coalición ou acordo de gobernabilidade.
Nas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo o PSdeG-PSOE e o BNG impulsarán a negociación para a formación de gobernos de coalición sobre as bases programáticas antes enunciadas.
Nos restantes concellos incluídos neste acordo, o PSdeG-PSOE e o BNG impulsarán un proceso de diálogo no ámbito local para propiciar gobernos de coalición ou acordos de gobernabilidade.
3.Constituirase unha Comisión Paritaria de Negociación de programa, Goberno e organización da Deputación Provincial da Coruña, a partir do recollido no documento adxunto.
4.O seguimento global dos acordos corresponderalle á Comisión de Seguimento que a tal fin crearán as direccións de ambas formacións. Do mesmo xeito procederase nas distintas localidades.
Asinado en Compostela, a 11 de xuño de 2003
EMILIO PÉREZ TOURIÑO ANXO QUINTANA GONZÁLEZ
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE Coordinador Executivo do BNG
Anexo I
PROCEDEMENTO DE ELECCIÓN DE ALCALDES
Acordamos apoiar ou favorecer a elección do candidato ou candidata á alcaldía da lista máis votada das organizacións que subscriben este Acordo.
O PSdeG-PSOE comprométese a apoiar ó candidato/a do BNG á alcaldía nos concellos de Corcubión, Carnota, Sada, Carballo, Boiro, Rois, Teo, Arzúa, Pontecesures, Ponteareas, Pontevedra, Bueu, Moaña, O Grove, Monforte, Fene, Mugardos e Porqueira.
O BNG comprométese a apoiar ó candidato/a do PSdeG-PSOE á alcaldía nos concellos de Pontedeume, Carral, Ames, Santiago de Compostela, Lousame, Muros, Malpica, Baiona, Mos, Vigo, A Guarda, Viveiro, Ribadeo, Verea, Baltar, Verín, Ribadavia, Cabanas, Cariño, Neda, Betanzos, Cambre, Porto do Son, Cotobade, Vilaboa, Marín, Nigrán, Redondela, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Illa de Arousa, A Fonsagrada, Guitiriz, Sarria e Piñor de Cea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.