Os partidos terán que pronunicarse sobre as axudas aos medios

O Parlamento de Galicia vai debater unha Proposición non de Lei para vincular as axudas aos medios á creación do emprego estable e ao uso real do galego...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 29/01/2008 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O Sindicato de Xornalistas, promotor da iniciativa, alerta que "que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; mais cando é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua". Cómpre lembrar que o actual goberno leva repartido máis de 6,6 millóns en subvencións a dedo aos empresarios da comunicación.

A continuación reproducimos o comunicado do Sindicato de Xornalistas:

"O Parlamento de Galicia debaterá proximamente unha proposta para que as axudas da Xunta aos medios estean vinculadas á loita contra a precariedade laboral e ao uso real do galego. O texto da proposta explica que a presentación da mesma é produto da mobilización que organizou recentemente o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) baixo o lema 'A miña precariedade é a túa desinformación'.

O SXG defende que, no caso de existir, as subvencións aos medios non poden servir para financiar a explotación laboral de moitos traballadores, como sucede na actualidade.

O DOG non se cumpre

A Proposición recolle a denuncia do Sindicato de que na actualidade os cuantiosos cartos públicos que conseguen as empresas serven para financiar "as xornadas laborais abusivas, os contratos en precario, o abuso de persoal en prácticas e o aumento da porcentaxe de falsos autónomos".

O Sindicato alerta que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; mais cando é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua.

Gracias aos que participaron na protesta

O SXG quere felicitar aos centos de profesionais que participaron na protesta do 5 de novembro. Mesmo pequenos actos como levar unha camiseta co lema "a miña precariedade é a túa desinformación" poden dar algún resultado, o que demostra que a organización sindical e a mobilización é a única vía para reducir a lacra da precariedade.

Dúas propostas

Por último, a organización agradece á deputada nacionalista Modesta Riobó a presentación da "Proposición non de Lei sobre as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión" . A raíz da súa inciativa os grupos parlamentarios deberán votar sobre estes dous puntos, indica o Boletín Oficial do Parlamento no seu número 460:

"1º) Que se vinculen as axudas económicas do Goberno Galego destinadas aos medios de comunicación á loita contra a precariedade laboral dos seus profesionais, introducindo na convocatoria de axudas cláusulas que penalicen ás empresas con altos índices de precariedade ou concedendo máis puntuación ás empresas demostren ter creado emprego estable no último exercicio.

2º) Que estas axudas económicas estean condicionadas ao uso real da lingua galega nos medios de comunicación, tendo os medios que xustificar un aumento do uso do galego en todas as seccións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Galicia Confidencial » Blog Archive » Cumprirá a Xunta o acordo da Cámara?

[...] Por primeira vez na curta historia do Parlamento galego aprobouse unha iniciativa, coa unanimidade dos tres grupos, para vincular as axudas aos medios á estabilidade laboral. Esta Proposición Non de Lei aprobada en comisión ten a súa orixe nunha protesta organizada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia baixo o lema “A túa precariedade é a miña desinformación“… [...]

2 Zutabe

O normativa en canto á lingua nos medios debería ser moito máis estrita. E o que non se pode tolerar é cando entrevistan a alguén que lles está a falar en galego que reproduzan as súas palabras en español. Iso pasa demasiado a miúdo é debería ser denunciable.

1 Antón

Se unicamente entra nesa proposición non de lei a cuestión laboral -importante e necesario- e o de cumprir realmente coa utilización da lingua galega no caso das axudas para a promoción da lingua, entón quedaría moi coxo todo.
Cómpre que se faga unha reconsideración global da relación da Xunta cos medios de comunicación privados. E en concreto, plantear unha proposta alternativa respecto das axudas económicas, en base a que se constitúan como axudas indirectas, e en base a criterios que non fagan que se lle dea máis a quen máis ten (e non precisa por tanto de axudas).
O Colexio de Xornalistas presentou no seu día unha proposta global, con criterios moi concretos. O máis novidoso era que as axudas ian dirixidas a proxectos que presentasen cada ano os medios, non automáticamente a cada un deles en función da súa maior ou menor capacidade de presión.
As axudas son para manter a pluralidade de medios, e para forzar que os medios non teñan excusas para non cumprir con canto favorece que se cumpra o dereito dos cidadáns a unha información veraz.