Por Galicia Confidencial | Galicia | 09/11/2006 | Actualizada ás 13:11
O desenvolvemento e a converxencia das tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) establece un novo escenario que permite superar, cando menos en parte, as tradicionais barreiras xeográficas e temporais, de tal modo que rexións do mundo até agora periféricas poden ocupar posicións nucleares no contexto mundial. Para a sociedade galega isto podería significar, por primeira vez na súa historia, non partir dunha posición de franca desvantaxe no obxectivo ambicioso, pero realizable, de posicionarse en lugares de vangarda na chamada Sociedade da Información.
Galicia debería fortalecer as súas opcións neste novo escenario e aproveitar as oportunidades existentes, cando menos nun intento de reducir a fenda dixital entre a nosa sociedade e aquelas mais "info-avanzadas". A situación actual non é moi favorable na medida en que os indicadores de desenvolvemento da Sociedade da Información en España sitúan a Galicia ao final da lista das comunidades autónomas, polo que o traballo que queda por facer é enorme.
A Comisaria Europea de Política Rexional, Danuta Hübner, na súa reciente visita a Galicia, comprometeu, ante o Presidente da Xunta de Galicia, o seu total apoio económico para o financiamento de proxectos globais de modernización e de incorporación de tecnoloxías da información á nosa sociedade, que supoñan mellorar o marco competitivo actual e a nosa posición de desvantaxe nos índices de sociedade da información europeos. Trátase dunha iniciativa absolutamente necesaria, que debe ser correspondida polas nosas administracións públicas.
Tamén a participación da sociedade civil en iniciativas no ámbito da sociedade da información é moi baixa. Esta atonía civil sen dúbida contribúe a aumentar a fenda dixital. Por iso, o imprescindible liderado que compre exerzan as administracións públicas non fai menos necesaria a implicación da sociedade civil galega, formada por empresas, universidades, institucións e persoas, preocupadas polo futuro do seu País.
Nesta liña, e a través deste documento, unha parte significativa dos axentes relacionados coas TIC en Galicia queremos expresar a nosa aposta decidida e firme polo desenvolvemento da Sociedade da Información. Os asinantes deste documento somos profesionais que desenvolvemos a nosa actividade en institucións, empresas e sociedades tanto do eido tecnolóxico como de múltiples sectores productivos.
Non pretendemos suplantar ás administracións públicas senón unir as nosas forzas e o noso empeño baixo o necesario liderado e impulso destas, especialmente da nosa Administración Autonómica. Para iso formulamos o seguinte decálogo de propostas estratéxicas:
1.- A Sociedade da Información (SI) debe converterse nun obxectivo prioritario para Galicia e para iso é necesario, dunha banda, un pacto entre todas as forzas políticas representadas no seu Parlamento e, doutra, a máxima implicación do Goberno da Xunta de Galicia
2.- Os esforzos a prol de desenvolver a SI en Galicia deben potenciarse e nuclearse nunha unidade administrativa dedicada exclusivamente neste eido, con capacidade orzamentaria e de xestión, no máis alto nivel posible dentro da estructura da Xunta de Galicia, dado o seu carácter transversal
3.- Dita unidade debe ser dotada dos recursos económicos e técnicos e de recursos humanos de alta cualificación, suficientes para recuperar o tempo perdido e facer posible e crible o seu labor
4.- Expresamos os nosos parabéns ante a inminente presentación do Plan Estratéxico de Desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, un instrumento necesario para empurrar no eido da SI; un Plan que debe fomentar a participación do tecido económico e social galego na súa execución e centrarse en accións concretas e avaliables mais ca no diagnóstico da situación actual
5.- Debe chegarse ó 7% do investimento na SI en relación ó PIB galego no ano 2010, en liña cos compromisos adquiridos a nivel do Estado, realizándose para iso e xa desde o 2007 un investimento crecente e nunca inferior á media do orzamentos públicos destinados polo resto das comunidades autónomas
6.- Compre aumentar considerablemente a inversión en formación en TIC en todos os niveis educativos e tamén na formación permanente dos traballadores como elemento indispensable para un desenvolvemento crecente e sostible da SI en Galicia
7.- Debe potenciarse a comunicación por medios electrónicos entre as administracións e os cidadáns e as cidadás, difundindo instrumentos (identidade dixital) e ofrecendo novos servizos na sanidade, na educación, na xustiza e no eido tributario; garantindo sempre a interoperabilidade e a eficiencia do investimento nas infraestructuras e servizos públicos
8.- Debe priorizarse o sector galego das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións implicado na creación de produtos, servizos e contidos, con particular énfase na intensificación do I+D+i e na cooperación e establecemento de sinerxías entre os distintos axentes implicados
9.- Deben poñerse en marcha medidas que melloren a competitividade das empresas galegas, mediante a utilización e o acceso á Sociedade da Información por parte das pemes galegas, como medio para o incremento da súa eficiencia e produtividade
10.- É imprescindible asegurar a accesibilidade de todos os cidadáns e cidadás aos servizos de banda ancha.
Como ferramenta de seguimento destas e outras iniciativas (particularmente as que se establezan no Plano Estratéxico da SI) e, mais en xeral, como elemento de planificación e observación dos indicadores relativos á Sociedade da Información na nosa comunidade, considérase importante dispor dun Observatorio da SI en Galicia, en liña coas comunidades autónomas e as rexións europeas.
Con este manifesto o foro e-Gallaecia, como unha singular experiencia de éxito na colaboración transversal entre universidades, administracións públicas, empresas e outros axentes da sociedade civil, quere tamén poñer á disposición dos nosos gobernantes todo o capital intelectual que atesoura entre os seus Protectores e Mentores para colaborar con eles en cantas actuacións consideren oportunas e necesarias para o mellor desenvolvemento da denominada Sociedade da Información en Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2006.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.