REPORTAXE.- As privatizacións chegan ao mosteiro de Celanova

Os orzamentos para o vindeiro ano 2010 amosáronnos a política ultraliberal do Goberno popular, que deu luz verde á vaga de privatizacións nos servizos públicos básicos, como a sanidade ou o ensino. Nembargante, o concello de Celanova, rexido polo popular Antonio Mouriño, deu un paso máis alá para atreverse a acometer a privatización do patrimonio histórico-cultural máis senlleiro desta vila ourensá, o mosteiro de San Salvador, para convertelo nun hotel de luxo...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/11/2009 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O mosteiro benedictino, erixido a mediados do século X, foi cedido ao concello de Celanova para o seu uso público trala desamortización de Mendizábal. Desde este momento, o edificio foi destinado para albergar servizos básicos como as dependencias consistoriais, a cátedra de latinidade, o cuartel da Milicia Nacional, a cárcere do partido e a escola primaria. Dezasete décadas despois, o Goberno municipal deu un ultimato para desaloxar estas dependencias, que na actualidade ocupan o Instituto de Ensinanza Secundaria, un Centro Social, o salón de actos municipal e diversas aulas de conferencias e exposicións, e ceder a súa xestión a unha empresa hoteleira privada.

A transcendencia histórica que esta decisión política carrexa para os actuais e futuros habitantes de Celanova fai dubidar da súa lexitimidade a veciñanza e oposición. Mais aínda, cando se tenta levar a cabo sen efectuar ningún tipo de consulta pública e sen atender as opinións dos dous milleiros de veciñas e veciños que asinaron en contra do proxecto, segundo manifestaron membros da Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova en conversas a GC.

A magnitude desta inxente operación especulativa -que comprende a construción  doutro instituto a un quilómetro da vila- xa fixo que o pasado mes de outubro o asunto chegase ao Pleno do Parlamento da man dunha interpelación do deputado e deputadas nacionalistas Alfredo Suárez Canal, María Tereixa Paz Franco e María do Carme Adán Villamarín. Na sesión parlamentaria os deputados preguntaron polas razóns que levaron ao concello a "construír un hotel de luxo no Mosteiro e trasladar o IES a un novo recinto", pois entenden que  é "un contrasentido en épocas de restrición de recursos públicos", e máis intensamente "no ensino -libros, comedores, peche de unidades-"; engadiron os membros do Grupo Parlamentario do BNG.

Explicacións do concello

Ante a incipiente mobilización veciñal e o apoio expreso ao uso público do mosteiro de intelectuais, catedráticos e escritores, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Etelvino Blanco Antón Riveiro Coello, Henrique Alvarello ou  Baldo Ramos, así como de asociacións cívicas -Anacos da Cidade-, o Goberno municipal tentou contrarrestar a situación mediante o envío a tódolos habitantes dun bando de dous folios a dúas caras no que se xustifican as razóns para construír o hotel de luxo e máis un novo instituto. Estes argumentos baséanse principalmente no "beneficio educativo" do novo centro, que paliará os "diversos problemas arquitectónicos que dificultan poder cumprir coa normativa escolar do actual instituto", e mais na necesidade do hotel de luxo "para desenvolver un proxecto turístico global en Celanova", segundo reza a batería de argumentacións asinadas polo alcalde da localidade, Antonio Mouriño.

Para o claustro de profesores do IES de Celanova os devanditos "problemas arquitectónicos" xa foron solucionados no pasado. Segundo un escrito feito público polo claustro de profesores a "administración educativa leva investido inxentes cantidades nos últimos anos: arranxo do tellado, cableado ADSL, equipamento e, sobre todo, un polideportivo -soterrado por respecto ao patrimonio- para uso dos nosos alumnos en horario lectivo, que andou preto dos ¡tres millóns de euros! e que, sorprendentemente, permanece pechado, mentres que Educación paga autobuses para trasladar ao alumnado de Educación Física ao outro pavillón da vila". Agora, que o traslado se fai inminente, profesores, pais e alumnos pregúntanse pola razón de ser do pavillón escolar. O mesmo lle ocorre a veciñanza en xeral que se pregunta se verdadeiramente o turismo de luxo será a utopía que evite a emigración masiva da xuventude celanovesa, ou se polo contrario a privatización do núcleo identitario do pobo, a carón do cal xermolou e se desenvolveu a vila de Celanova, profundizará a distopía do seu exterminio como grupo social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

10 anonimo

Hai que facer as cousas cun pouco de sentidiño, coido que un hotel de luxo pode erguerse en calqueira sitio partindo de 0 (coma en Allariz) sin necesidade de botar abaixo un Instituto que costóu tanto deixar ben. De non ter outro uso está ben para rehabilitar (S Estevo, Monforte) pero gastar un pastón en facer un IES novo, coma se gasta en transporte habendo pavillón, é un despropósito. E non é a solución, tampouco un Parador en Muxía vai solucionar os problemas da Costa da Morte.

9 COCOTE

A CELANOVA LE HACE FALTA UN EMPUJÓN, Y ESE EMPUJÓN HAY QUE BUSCARLO. LA AUTOVÍA CELANOVA-ORENSE Y ESTE PROYECTO MUNICIPAL PUEDEN SER PARTE DEL TRATAMIENTO QUE NECESITA CELANOVA PARA CURARSE. ESO DE OPOSIÓN A "TODO LO QUE SE MUEVA" NO TIENE SENTIDO. HAY QUE PLANTEAR UNA BATALLA POR EL BIEN DE LAS PERSONAS Y NO HACER ESA DEFENSA NUMANTINA DE " LO DE ANTES" .¿QUE SERÍA DE NOSOTROS SIN LAS INICIATIVAS DE NUESTROS ANTEPASADOS. NO BUSCAR MOLINOS DE VIENTO CONTRA LOS QUE PEGARSE. ¡VIVA GALICIA ¡ ¡ VIVA ESPAÑA !

8 Veciña

A utopía de evitar a despoboación...eu estudiei nese instituto e a día de hoxe dentro desas paredes están os mellores recordos que teño da miña vila e unha das poucas razóns q me quedan para querer criar aos meus fillos aquí.
Decadencia e sen sentido, Celanova quedou parada a principios dos 90, cando xa se falaba dun pabellón nas Triguerizas...construído 20 anos despois para ter unha porta pechada.
E agora van construír un hotel de luxo na única parte do mosteiro q se usa para algo útil e digno, mentres o resto está caendo...
Se é q chegan a rematalo, haberá un oasis de luxo no medio dun deserto q non creo q ninguén queira visitar.

7 Ex-alumno

mouriño porque non te vas ti ao monte onde queres levar o instituto... e non volvas xamais

6 Hixinio

Que curioso,os responsabeis da despoboación queren atraer turismo.E urxente desaloxar do poder a estes patéticos vendedores de fume