Mexillóns, ameixas e berberechos das rías galegas, potenciais transmisores de hepatite E a humanos

Científicos identifican unha "prevalencia significativa" do virus da hepatite E en moluscos bivalvos das rías de Ares-Betanzos e Vigo, cuxa fonte de infección poderían ser granxas porcinas próximas. Advirten de que os procesos de depuración aos que se someten os moluscos destinados ao consumo humano “non son completamente efectivos para a eliminación viral”.

Por Alberto Quian | Madrid | 08/08/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A hepatite E é unha enfermidade hepática que afecta a uns 20 millóns de persoas cada ano no mundo, causando 3,3 millóns de lesións hepáticas agudas, arredor de 56.000 mortes e enormes perdas económicas relacionadas coa atención médica, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Mexillóns galegos
Mexillóns galegos | Fonte: juantiagues en Flickr - CC BY-SA 2.0

O organismo de Nacións Unidas sinala a vía fecal-oral como a principal canle de transmisión do virus da hepatite E (VHE), polo consumo de auga contaminada por feces. Pero existen outras vías de transmisión, como a inxesta de carne ou produtos cárnicos pouco cociñados derivados de animais infectados (como o fígado de porco), a transfusión de hemoderivados infectados e a transmisión maternofetal. Agora, científicos galegos e portugueses sinalan os moluscos bivalvos das rías galegas como potenciais transmisores do virus.

Os investigadores analizaron 168 mostras de mexillóns, ameixas e berberechos das rías de Ares-Betanzos e Vigo. “Os resultados obtidos demostran unha prevalencia significativa do virus da hepatite E en moluscos bivalvos de rías galegas, o que reforza a hipótese de que os moluscos poden ser unha potencial ruta para a súa transmisión a humanos”, afirman os científicos.

Sábese que existen, polo menos, catro xenotipos deste virus: o 1 e o 2 só se atoparon no ser humano, mentres que o 3 e o 4 circulan en varios animais (entre eles os porcos, os xabaríns e os cervos) sen causarlles enfermidade, e infectan ocasionalmente o ser humano. Nas mostras analizadas de moluscos das rías detectouse o xenotipo 3 e “estaban estreitamente relacionados coas cepas do subxenotivo E, que é de orixe porcina”.

Polo tanto, existen indicios de que os moluscos estarían sendo contaminados desde granxas de porcos, converténdose estes bivalvos nun elo máis na potencial transmisión do virus aos humanos.

“A evidencia obtida neste traballo reforza a idea de que as granxas porcinas teñen unha forte influencia na aparición da contaminación polo virus da hepatite E, especialmente na ría de Vigo”, onde se atoparon máis mostras infectadas, clarifican os autores.

Precisamente é na comarca viguesa onde se contabilizan máis exemplares de porcos preto dos puntos onde se tomaron as mostras de moluscos analizados, case seis veces máis que os que se crían en granxas porcinas ao redor da ría de Ares-Betanzos. Isto explicaría a maior prevalencia do virus atopada nos moluscos da ría de Vigo e reforza a hipótesese dunha “posible orixe porcina do virus da heptatie E detectado” en mexillóns, ameixas e berberechos de Galicia.

“Os resultados obtidos demostran unha prevalencia significativa do virus da hepatite E” nos moluscos bivalvos, mostrando, “a diferenza de investigacións previas, un nivel importante de contaminacións mixtas con outros virus entéricos [dixestivos] que poderían fortalecer a gravidade de posibles brotes transmitidos por alimentos”, advirten os investigadores.

Un estudo previo realizado por estes mesmos científicos identificara o VHE en mexillóns galegos cunha prevalencia do 14,8 %. Porén, neste novo traballo detectouse nunha maior porcentaxe, até o 24,4 %, “malia que as áreas de cultivo se sitúan máis lonxe dos asentamentos urbanos” que no estudo anterior.

En concreto, na ría de Ares-Betanzos confirmouse unha prevalencia do 20 %, mentres que na de Vigo os exemplares da mostra analizada infectados foron o 29,4 %.

Os investigadores tamén observaron diferenzas na contaminación entre as diversas especies de bivalvos. Así, o 28,5 % das mostras de mexillóns das bateas e o 37,1 % dos salvaxes deron positivo en hepatite. As ameixas e os berberechos mostraron prevalencias do virus máis baixas: 16,1 % e  9,3 %, respectivamente.

“Estas diferenzas poden deberse á diferente localización dos puntos de mostraxe e a influencia das correntes ou outras variables hidrográficas, aínda que se necesitan máis estudos para confirmar estas hipótesis”, aclaran os autores do estudo.

Esta prevalencia do VHE en moluscos galegos é “considerablemente maior” que a reportada noutros estudos realizados en países europeos, agás nunha área de Escocia onde se detectou unha prevalencia de ata o 92 %, nunha zona situada preto dun matadoiro de porcos.

No caso galego, os investigadores lamentan que “desafortunadamente, ata onde sabemos, aínda non se realizaron enquisas sobre o virus da hepatite E en gando porcino en Galicia para confirmar experimentalmente o vínculo entre os mariscos e as secuencias porcinas”.

Os científicos alertan, ademáis, de que os procesos de depuración aos que se someten os moluscos destinados ao consumo humano “non son completamente efectivos para a eliminación viral”, de xeito que “poden ser unha ruta potencial para a transmisión do virus da hepatite E a humanos”.

Aínda que recoñecen que “se necesitan máis estudos para confirmar tal hipótese e determinar con precisión a importancia da detección do virus da hepatite E en moluscos”, consideran que os datos obtidos neste estudo “poderían ser útiles para mellorar a avaliación do risco de transmisión da hepatite E” a través destes bivalvos e poden axudar a establecer “medidas apropiadas para reducir o risco de enfermidades asociadas” ao seu consumo.

Os resultados do traballo veñen de publicarse na revista científica Viruses, nun artigo titulado ‘Detection of Hepatitis E Virus in Shellfish Harvesting Areas from Galicia (Northwestern Spain)’, asinado por Enrique Rivadulla, Miguel F. Varela e Jesús L. Romalde, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e João R. Mesquita e Maria S.J. Nascimento, do Instituto de Ciências Biomédicas Abel Salazar (ICBAS), Epidemiology Research Unit (EPIUnit) do Instituto de Saúde Pública e o Laboratório de Microbiologia da Universidade do Porto.

SÍNTOMAS E TRATAMENTO

O período de incubación tras a exposición ao VHE oscila entre dúas e dez semana, cunha media de 5 a 6 semanas. As persoas infectadas empezan a excretar o virus desde poucos días antes ata unhas tres a catro semanas despois do inicio da enfermidade.

Os signos e síntomas característicos da hepatite E, segundo a OMS, son unha fase inicial con febre leve, diminución do apetito, náuseas e vómitos, que dura poucos días; algunhas persoas poden ter tamén dor abdominal, prurito (sen lesións cutáneas), erupcións cutáneas ou dores articulares, ictericia (coloración amarelada da pel e a esclerótica dos ollos) acompañada de ouriños escuros e feces claras, e un lixeiro aumento do tamaño do fígado, con dor á palpación. Estes síntomas duran normalmente entre unha e seis semanas.

En raras ocasións, a enfermidade aguda convértese nunha hepatite fulminante (insuficiencia hepática aguda) que pode ser mortal. A hepatite fulminante é máis frecuente durante o embarazo. As xestantes con hepatite E, sobre todo no segundo e terceiro trimestres, presentan maior risco de insuficiencia hepática aguda e de morte propia e do feto. No terceiro trimestre rexístranse taxas de letalidade de ata un 20 % - 25 %.

Describíronse casos de infección crónica por VHE dos xenotipos 3 (o identificado nos moluscos galegos) e 4 en persoas inmunodeprimidas, sobre todo en receptores de transplantes e pacientes tratados con inmunosupresores. Con todo, son casos infrecuentes, segundo a OMS.

Non existe ningún tratamento específico que altere a evolución da hepatite E aguda. Como a enfermidade adoita remitir espontaneamente, non acostuma ser necesario hospitalizar o paciente. De feito, a OMS indica que é importante non administrar fármacos innecesarios, como paracetamol ou antieméticos.

Con todo, débese hospitalizar os pacientes con hepatite fulminante e, en certos casos, as embarazadas  sintomáticas.

O antivírico ribavirina pode ser de utilidade para tratar pacientes inmunodeprimidos con hepatite E crónica e, en determinadas situacións, tamén se utilizou con éxito o interferón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Anonimo

Científicos? Quem são estes científicos e onde trabalham? Está o estudo reduzido a só dous rias? Devemos de comer os moluscos galegos e comer os moluscos importados de pacifico ou do mediterrâneo? Está-nos a dizer que as nossa rias estão contaminadas? Há alguma solução? Noticia alarmista sem mais. Todos sabemos que o presente e o futuro passa por conservar os nossos recursos naturais, dos que vivemos toda a vida e dos que as futuras gerações poderão viver se nós não acabamos com eles.

1 Sentidiño

Viva a hepatite galega! E não são dous nem dois rias, são dúas.

1 animales

Esto es lo que estamos haciendo nuestros océanos y animales, sobre todo los animales carnívoros que buscar presas y se confunden, luego consumen pásticos y cosas que no0 deberías y esos mismos son los que luego ingerimos y por ello tanta enfermedad.