A pesca de palangre pon en xaque as quenllas

Preto do 25 % dos hábitats dos tiburóns oceánicos atópase en zonas de pesca industrial, segundo un estudo internacional que contou coa participación de 109 científicos, incluído o biólogo galego Gonzalo Mucientes. Advirten da necesidade de crear áreas protexidas para diversas especies polo risco de sobrepesca.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/08/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Un equipo internacional, formado por máis dun cento de científicos de 26 países, e no que participa o biólogo galego Gonzalo Mucientes, alerta das ameazas da sobrepesca mundial sobre as poboacións de quenllas nos océanos, na que participa a frota palangreira galega.

Tiburóns amoreados no porto de Vigo
Tiburóns amoreados no porto de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

Os científicos fixeron un seguimento dos movementos de 1.681 exemplares de varias especies de quenllas peláxicas mediante rastrexadores por satélites nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico, entre os anos 2002 e 2017, combinados cos datos de desprazamento de buques de pesca de palangre. Os resultados revelaron que, de media, o 24 % do espazo que ocupan as quenllas coincide coas zonas de pesca industrial. É dicir, unha cuarta das áreas oceánicaw que ocupan estes animais está sometida a unha intensa presión pesqueira e o seu espazo de refuxio está moi limitado.

As porcentaxes máis altas de solapamento déronse no Atlántico Norte para as especies quenlla azul e marraxo –as que explota a frota galega e para as que o porto de Vigo é un dos centros de comercio máis importantes en Europa–, cunha media do 76 % e o 62 %, respectivamente.

“Os nosos resultados mostran que as áreas de hábitat de importancia mundial para as quenllas peláxicas ameazadas se superpoñen considerablemente coa actividade pesqueira industrial, tanto no espazo como no tempo”, alertan os científicos.

En xeral, os patróns observados suxiren que no futuro, e de non reducirse a presión pesqueira, as quenllas terán espazos de refuxio moi limitados. É por isto que os mapas de distribución creados por este equipo internacional son “a primeira, pero esencial, base para un plan de conservación para as quenllas peláxicas en alta mar”, salientan.

Ante a caída das poboacións de quenllas peláxicas a nivel mundial –un terzo das especies está en perigo de extinción–, os investigadores propoñen designar áreas mariñas protexidas a grande escala ao redor de puntos críticos nos que habitan as quenllas ecoloxicamente importantes, para así favorecer a recuperación de especies vulnerables, sen obviar a necesidade de realizar estudos máis completos sobre datos de captura e dunha xestión máis estrita as capturas incidentais, as cotas ou os tamaños mínimos.

Os resultados do estudo foron publicados na revista Nature nun artigo científico titulado ‘Global spatial risk assessment of sharks under the footprint of fisheries’.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta