Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/08/2019 | Actualizada ás 11:36
A xornalista, escritora e deputada por Ciudadanos no Congreso Marta Rivera de la Cruz, nacida en Lugo, será a nova conselleira de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid, segundo informaron fontes da formación laranxa.
Rivera, que accedeu á súa acta nas Cortes primeiro por Madrid e logo pola Coruña, renunciará a ela para dedicarse en exclusiva aos labores executivos que desempeñará no futuro Goberno rexional, segundo estas fontes.
A seguinte na lista pola provincia coruñesa é a compostelá María Vilas, polo que sería o nome natural para darlle a substitución, aínda que fontes do partido en Galicia precisan que "é unha decisión que ten que tomar ela". Vilas foi candidata á súa vez na capital galega nas pasadas eleccións municipais.
Así as cousas, Marta Rivera sumarase aos seus compañeiros de filas Ángel Garrido, que será designado conselleiro de Transportes; a Alberto Reyero, quen ocupará a carteira de Políticas Sociais, Familias e Natalidade; e ao líder da formación laranxa, Ignacio Augado, quen será o vicepresidente autonómico.
Substituirá na área de Cultura ao popular Jaime de los Santos, quen desempeñou estas tarefas executivas na anterior lexislatura cando foi designado para o cargo pola expresidenta rexional Cristina Cifuentes.
A propia presidenta electa da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, sinalou este venres que lle "encantaría" que Rivera fose a nova titular de Cultura se finalmente a formación laranxa optaba por esa opción, ao entender que era unha persoa "extraordinaria" e sensata que xa coñecía anteriormente ao participar ambas as dúas nalgúns faladoiros.
O vindeiro luns será a toma de posesión de Díaz Ayuso como presidenta rexional e está previsto que ao día seguinte o fagan o resto de integrantes do Executivo autonómico de coalición entre PP e Cs.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.