Temas: MúSICA

Concerto da guitarrista galega Alba López en Dublín

A guitarrista ferrolá, Alba López Sánchez, compartirá o escenario do Auditorio Nacional de Dublín, en Irlanda, con máis de trinta guitarristas, a maioría deles irlandeses, no concerto de presentación do primeiro albume do ensemble "Diversus Guitar Ensemble".

Por Paco Gallego | Dublín | 14/04/2012 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A guitarrista ferrolá, Alba López Sánchez, subirá ao escenario do Auditorio Nacional de Dublín, en Irlanda, este domingo 15 de abril xunto a máis de trinta guitarristas, a maioría deles irlandeses, no concerto presentación do primeiro albume do ensemble Diversus Guitar Ensemble.

None

Esta nova concertista, formada entre Galiza, Holanda e Alemaña xa integraba o ensemble que gravou un CD en Suíza no ano 2010 cunha formación dirixida polo guitarrista e compositor irlandés Brendan Walsh que destaca pola reunión de excelentes músicos e intérpretes profesionais. O primeiro traballo discográfico conta co Concerto para violín e orquestra de guitarras, composto polo mesmo director; obras de David Stalling, John Greaney e Abigail Smith asi coma dúas versións de Bachelorette de Björk e A day in the Life de Beatles.

No concerto do vindeiro domingo 15 de Abril, titulado Haydn would have loved Shostakovic -a Haydn teríalle encaantado Shostakovic- interpretarán parte do repertorio dese primeiro cd así coma unha versión de Manic Depression de Jimi Hendrix.

Información de Diversus Guitar Ensemble

Información sobre o concerto

ENTREVISTA A ALBA LÓPEZ SÁNCHEZ

None

GC Tendencias: Dublín queda un pouco lonxe para a xente que habitamos aquí, na túa casa. Cando poderemos verte tocando en Galicia?

Alba: Polo momento non teño ningún outro concerto na axenda; estou centrada en dar aulas ate o mes de xullo e a cousa está nestes momentos moi complicada para atopar concertos nos que o músico cobre en euros e non en especie. Vivo temporalmente na Alemaña, en Weimar, no corazón verde. Estou facendo unha estancia de investigación na universidade de Jena, na Friedrich- Schiller Universität, no Instituto de Musicoloxía.

GC Tendencias: Como comezou a túa colaboración con esta formación musical tan exclusiva?

Alba: O meu contacto co ensemble irlandés foi no ano 2010 con motivo dunha xira de concertos dunha semana en Francia, Suiza e Alemania, e despois deses concertos gravamos ese primeiro cd. A formación é moi profesional, case todos os integrantes son interpretes profesionais cunha traxectoria detrás. Atopei alí a guitarristas con moi boa técnica. Na gravación estiveron case todos os compositores, o que me pareceu moi interesante; eles escoitaban e logo ensinánbannos como eles concebiran a peza. Gostei moitísimo da experiencia; foi moi intensa e moitísimo traballo para unha semana e media mais mereceu a pena.

GC Tendencias: Como vives este concerto de Dublín do domingo?

Alba: Pois moi ilusionada coa presentación oficial do CD no Auditorio Nacional de Irlanda. Nunca estiven en Irlanda,  aínda que levo moitos anos desexando ir. Temos moitísimas cousas en común, os galegos e os irlandeses. No ensemble caéuselles o estereotipo "español", xa que son a única integrante do Estado. Eles pensaban que todos escoitabamos flamenco, gostabamos dos touros... en fin, esas cousas que ten que esa sexa a imaxe que se exporte dun Estado. E logo sorprendidos polo meu pel branco, o meu acento doce e a miña negación a todos os estereotipos, escoitaron con atención de onde eu veño. Lembro que nese primeiro encontro, houbo quen me dixo que me vían máis irlandesa que española, comparando coas que ate o momento coñeceran; e non sei por que... mais fíxome moita ilusión.

GC Tendencias: Botas algo de menos da túa terra desde ese verde lugar chamado Weimar, no centro de Europa?

Alba: Aquí onde estou non teño con quen falar en galego, non sendo polo Skype, e iso é dunha tristura moi grande á que non me acostumo. Escribo artigos para un medio de comunicación galego dentro dunha sección chamada (De)mentes espertas. O derradeiro que escrebín titúlase Artista e crise?, e vai sobre a dificultade de atopar concertos pagados en cartos e non en falsas promesas de concertos posteriores.

Deixámosvos este vídeo dun concerto da Diversus Guitar Ensemble do ano 2008 no National Concert Hall de Dublín. 

Lembrade seguir a nosa actualidade no twitter @GcTendencias

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta