Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/08/2019 | Actualizada ás 20:35
Un dos dirixentes locais do BNG de Mondariz, Alexandre Estévez Gil, acudiu a semana pasada a un acto relixioso xunto con concelleiros do PP. Este feito, que podería pasar por anécdora, causou certa sorpresa en sectores da esqueda e do propio BNG.
Preguntada sobre deste tema, a portavoz nacional do partido, Ana Pontón, asegurou que teñen unha posición moi clara como organización nacional. "Cremos na separación de poderes Igrexa-Estado, e polo tanto, como cargos públicos non debemos participar". Con todo, fai unha diferenciación co nivel persoal: "outra cousa son as crenzas crenzas persoais de cadaquén, que nós respectamos", asegura. "Formamos parte da pluralidade da sociedade galega".
O certo é que os principais dirixentes da formación son contrarios a participar en eventos de tipo relixioso, e mesmo teñen criticado a dirixentes doutros partidos da esquerda por facelo, como é o caso de Yolanda Díaz, agora no núcleo duro de Pablo Iglesias. Neste caso, Estévez Gil é un dos homes fortes do BNG de Mondariz e unha das persoas da máxima confianza do alcalde, o nacionalista Emilio Barros. Durante o día grande das festas da Peña de Francia, o pasado 15 de agosto, este cargo participou en primeira fila cos concelleiros do PP na procesión relixiosa. Mentres, tanto o alcalde, Emilio Barros, coma os dous tenentes de alcalde do BNG, Leopoldo Tato e Lita Carballo, agardaban na praza central de Mondariz.
PACTO ENTRE BNG, PSdeG E PP
Esta boa relación entre nacionalistas e populares en festas relixiosas coincide, ademais, co pacto acadado entre BNG, PSdeG e PP neste concello, onde os populares apoiaron a investidura de Emilio Barros como alcalde a pesar de que a marea local, Alternativa por Mondariz, fora a máis votada.
O acordo do PP co BNG en Mondariz foi moi criticado por dirixentes nacionalistas, entre eles, o ex voceiro nacional desta formación Guillerme Vázquez. Con todo, a dirección do BNG apoiou este acordo alegando que fora o PP quen apoiara ao BNG e que non había pacto. Este caso foi xulgado de xeito diferente ao de Catoira, onde a Executiva nacionalista abriu expediente de expulsión aos seus edís por pactar co PP para que lle dera a alcaldía en detrimento do PSOE.
CATOIRA
Preguntada sobre este expediente na rolda de prensa posterior á Executiva deste luns, a líder do BNG evitou comentar en que situación se atopan os edís nacionalistas que se atopan apartados puntualmente da militancia ata que se resolva a súa situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.