Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2019 | Actualizada ás 12:57
O grupo parlamentario En Marea denunciou o "uso de voluntariado" por parte da Xunta para "evitar as contratacións" en festivais privados de música, despois de que o Goberno galego publicase este mércores a convocatoria de 20 prazas de voluntarios para o Festival da Luz, en Boimorto .
En Marea instou á Xunta a que estableza "algún tipo de inspección" e "elabore un informe" de cada un dos festivais que se acollen neste programa, para coñecer "que tipo de traballo realizaron os voluntarios" e se "substitúen a postos de emprego remunerados".
Para esta formación, o programa SON Voluntario da Dirección Xeral de Xuventude, en colaboración coa Asociación Empresarial Festivais de Galicia, "funcionou todo o verán como unha práctica encuberta para aforrar custos de persoal a cambio dunha entrada e un certificado de experiencias voluntarias".
A deputada de En Marea no Parlamento Paula Quinteiro presentou "varias preguntas" ao Executivo autonómico sobre este programa e asegurou que segue "sen resposta". Ademais, cualificou esta convocatoria de voluntariado como "unha práctica perversa amparada por unha administración pública".
Quinteiro concluíu que "sería interesante coñecer cantos postos de traballo están a perderse con esta proposta de voluntariado que non contempla a realización de ningún labor altruísta e que nin sequera cobre os gastos de aloxamento nin transporte".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.