Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 14:50
A sanción que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo ao denominado "cártel do leite" deu a posibilidade aos gandeiros galegos de reclamar ás grandes industrias lácteas un importe que podería alcanzar os 16 millóns de euros só polo último exercicio, segundo indicou o despacho de avogados Caruncho, Tomei & Judel.
Segundo Ignacio Caruncho, director do bufete, "as prácticas sancionadas abren a porta a que as explotacións gandeiras inicien procesos xudiciais contra as grandes empresas de recollida do leite. Pola importancia deste sector para a comunidade, estamos a falar de miles de reclamacións que ascenderán a millóns de euros en base á sanción da CNMC segundo o volume de produción afectado", engadiu.
Galicia, apuntan, é a comunidade máis afectada en España polas prácticas do cártel do leite. "É a oitava rexión láctea a nivel europeo, concentra o 55% das explotacións lácteas de España e produce preto da metade do leite, pero as súas granxas son as que menos cobran. Esta situación supuxo que en 10 anos pecháronse máis de 6.000 explotacións gandeiras, ante unha situación insustentable para o sector", denunciaron.
O despacho de avogados explicou que "a práctica totalidade das explotacións gandeiras galegas foron afectadas por estas prácticas", xa que "o sector lácteo galego está operado por catro grandes industrias: Leite Río, Leite Celta, Feiraco e Lactalis". "Todas elas foron expedientadas, pero no caso do tres primeiras, as súas infraccións xa prescribiron, polo que só poderán reclamar os gandeiros que traballan con Lactalis", precisaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.