Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/09/2019 | Actualizada ás 14:06
- Por que decidiches poñer en marcha Canal Artai, unha canle en Youtube?
Comecei hai tes anos ao comprobar que na televisión non había nada que ver interesante. Pensei que a mellor forma de facer unha televisión á miña maneira e en Galego era un canal de youtube. Collín o computador e fixen o canal. A miña intención era crear un canal de youtube en Galego, que neste momento pode haber só 50, mentres que noutros idiomas hai millóns.
- Nel tentas falar da túa experiencia como un neno galegofalante. Hai moitas dificultades para que os nenos da túa idade falen en Galego?
Hai, comezando porque á maioría das familias galegas non lles importa o Galego e iso afecta negativamente moito. E hai moitos avós, avoas, pais e nais que son galego falantes e aos seus fillos/netos non lles falan en Galego. Por outro lado, nas escolas e colexios, sobre todo os concertados, non dan as materias que deberían en Galego.
- Como é a relación que tes cos teus amigos e amigas. Son todos e todas galegofalantes?
Eu lévome normalmente ben con todo o mundo. Non, ao contrario, son castelán falantes na gran maioría, menos algunha excepción.
- E os que falan habitualmente en castekán, tentan cambiar a galego cando están contigo?
Non normalmente. Raro que cambien.
- Decidimos contactar contigo logo de ver o famoso vídeo no que dicías que os nenos que falan en castelán son “analfabetos na nosa lingua”. Cres realmente que non saben galego?
Moitos de eles non saben falar nin escribir en Galego minimamente, porque non o aprenden ben nas escolas nin as familias se preoupan diso. Como moito enténdeno.
- E por que cres que se dá esta situación? Quen é o responsable disto?
A sociedade galega que non lle dá importancia á lingua nin á cultura propia.
- Supoño que na túa vida diaria tentarás convencer á xente do fermoso e útil que é falar en galego. Como o fas?
De primeiras, falándoo. En segundo lugar, tentando convencer à xente da súa utilidade e do perigo de que desapareza.
- E tes éxito? Hai quen cambie e decida falar en galego?
Non, é moi difícil ter éxito e mudar unha sociedade con esa mentalidade.
- Que pensan os teus profesores da túa postura lingüística?
Nunca se manifestaron nin a favor nin en contra, menos dous que si me apoiaron.
-Tras publicar a noticia no GC, houbo xente que comentou que estabas “moi politizado” e que iso era, en parte, responsabilidade dos teus pais. É isto certo?
Non creo que defender a lingua propia sexa estar politizado. Tamén entón poderíamos dicir que os que só se expresan en castellano están moi politizados?
- Falabas de que estiveches de vacacións en Cataluña e alí todos falaban catalán. Como foi esa experiencia?
Moi boa. Nótase que é unha sociedade moi diferente á nosa. Teñen moito agarimo á súa lingua, cultura e país.
- Sentiches envexa?
Sentín moitísima envexa.
Falaches con algúns nenos ou nenas sobre a situación lingüística de Galicia e Cataluña?
Non, aínda non, pero non estaría mal.
- Onde cres que poderías vivir sen que ninguén teña complexos falando en galego?
Eu non teño complexo por falar en Galego, todo o contrario. Falo en Galego, pero tamén podo falar sen problema en Castelán. En Portugal ou nalgunha aldea galega habería menos dificultades.
- E como ves o futuro do galego para os nenos e nenas da túa xeración?
Moi mal, nas cidades galego é rarísimo atopar un neno ou nena galegofalante, e no medio rural, cada vez van a menos.
- E algún consello para mellorar a situación actual?
Falarmos en Galego sen complexos e desfrutar da nosa cultura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.