Sanidade segue recomendando evitar o consumo de auga de traída en Corme e confirma a diminución do brote

A consellería sinala que "os procedementos da analítica necesitan dun período de varios días, polo que non se terán os resultados, polo menos, ata o venres 27".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2019 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade mantén a recomendación de evitar tanto a inxesta como a manipulación de alimentos con auga da traída municipal de Corme-Porto no municipio coruñés de Ponteceso tras o brote de gastroenterite rexistrado na zona. Así mesmo, Sanidade informou nun comunicado de prensa da "diminución de casos de gastroenterites que se rexistraron no transcurso destes días".

Así, lembrou que os primeiros casos producíronse o domingo 22 de setembro e a Consellería, tras detectar "un número elevado dos afectados", declarou "a alerta sanitaria de modo inmediato, actuando coa máxima celeridade en poucas horas". Por iso, insistiu Sanidade en que "desde o primeiro momento, contactou co Concello de Ponteceso, que é o responsable do fornezo da auga, comunicándolle cal era o procedemento a seguir".

ORIXE

Os expertos do equipo do brote, no mesmo día da súa constitución detectaron que "todos os casos enquisados tiveron exposición á auga da traída, ben bebéndoa, ben empregándoa para o lavado de froita e verduras", explicou Sanidade.

Por iso, "polos síntomas e o período de incubación o brote é compatible cunha gastroenterite por norovirus", destacou Sanidade, que lembrou que "de inmediato" se iniciou unha recollida de mostras para a análise da auga.

"Os procedementos da analítica necesitan dun período de varios días, polo que non se terán os resultados, polo menos, ata o venres 27", comentou a Consellería. Neste sentido, "ata a obtención dos resultados de norovirus, a Consellería de Sanidade mantén a recomendación de evitar a inxesta e manipulación de alimentos coa auga da traída municipal de Corme-Porto".

NOVOS CASOS

Aínda que a "causa orixinaria probable sexa a inxesta da auga", Sanidade advirte de que poden aparecer "novos casos illados" por contaxio entre as persoas.

Por iso, recomenda lavar ben as mans, así como evitar os alimentos e a auga contaminados. No caso de ter síntomas, aconsella, así mesmo, permanecer en casa sen ir traballar, "especialmente se o traballo implica manipulación de alimentos". E engade que os nenos afectados "non deben asistir á escola ou á gardaría".

Jesús Vázquez Almuíña
Jesús Vázquez Almuíña | Fonte: Cadena Ser

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta