Como afrontar o cambio climático e as súas ameazas

O grupo en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC impulsa este estudo que pode servir para orientar as políticas públicas que faciliten a transición ecolóxica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2019 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

Abordar como a cidadanía coñece e valora a problemática climática e como esta pode influenciar os comportamentos individuais e colectivos, resulta clave para orientar as políticas públicas orientadas a facilitar a transición ecolóxica na sociedade española. Este é o obxectivo principal dun proxecto sobre cambio climático da USC.

Estación metereolóxica. Entre outras funcións realiza medicións para estudar o cambio climático
Estación metereolóxica. Entre outras funcións realiza medicións para estudar o cambio climático | Fonte: meteorologiaenred.com

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA-interea) colabora coa empresa Ideara no desenvolvemento deste proxecto para realizar un estudo demoscópico que permita coñecer con maior profundidade como está a ser asumido na sociedade española o cambio climático e a forma en que a humanidade pode afrontar as ameazas que comporta. Esta iniciativa acaba de obter o respaldo da Fundación Biodiversidad a través dunha convocatoria de concorrencia competitiva para a realización de proxectos en materia de adaptación ao cambio climático.

Para a realización deste estudo deseñarase un cuestionario específico que se aplicará telefonicamente a unha mostra representativa do conxunto da poboación española de 16 e máis anos, incorporando a chamada Xeración Greta. O cuestionario explorará os coñecementos, as valoracións e os comportamentos da poboación con relación á crise climática, coa intención de analizar a súa evolución no tempo e de ofrecer un retrato do escenario social actual. 

Tamén se realizarán comparacións dos resultados obtidos con outras sociedades da contorna europea e latinoamericana. Con este traballo preténdese xerar unha secuencia de investigacións que permitan ter unha visión lonxitudinal de como vai evolucionando a percepción da sociedade española sobre a crise climática. O proxecto dá continuidade aos estudos similares realizados polo Grupo SEPA-interea nos anos 2009, 2011 e 2012, sobre a representación do cambio climático na sociedade española, financiados pola Fundación Mapfre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta