En Venecia, con Paul Morand

Esta semana Armando Requeixo trasládanos ao mundo poético e literario dun dos renovadores da estética literaria francesa de comezos do XX cunha crítica de 'Vencias', unha obra traducida por Alejandro Tobar e publicado pola editorial Hugin e Munin.

Por Armando Requeixo | Ames | 16/05/2012 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Título: Venecias
Autor: Paul Morand
Tradutor: Alejandro Tobar
Editorial: Hugin e Munin
Lugar: Compostela
Ano: 2012
Páxinas: 172

Por esas cousas que ten a caprichosa posteridade —e tamén por cuestións que nada teñen que ver coa literatura—, ben poucos son hoxe os que se acordan do poeta e narrador francés Paul Morand.
    
Considerado no seu día como un dos renovadores de estética literaria francesa dos albores do século XX, autor de títulos que gozaron de grande éxito no París máis bohemio (Ouvert la nuit, 1922; Fermé la nuit, 1923; L’Homme pressé, 1941…), Morand sufriu en vida o ostracismo literario polo seu colaboracionismo co réxime de Vichy, ata o punto de que durante lustros o propio De Gaulle obstaculizou o seu nomeamento como inmortel da Académie Française.

E, secasí, Morand pasou á inmortal historia da literatura como un extraordinario autor de crónicas viaxeiras, de relatos sobre cidades e lugares aos que imprimía un selo inconfundible que nacía da súa xenuína ollada ás xentes e espazos, unha captación exercitada en longuísimos anos de viaxes, estancias e demoradas visitas, pois a vida do escritor foi toda ela un ir de aquí para acolá sen ningunha paraxe.
    A este nomadismo intelectual axudou a súa familia sendo el aínda neno. Os veraneos por Europa adiante e o seu trato próximo con artistas e intelectuais diversos estimularon de xeito decisivo as inquedanzas literarias de quen, de rapazolo, tratou con familiaridade a Marcel Proust, Jean Giraudoux (que mesmo chegou a ser preceptor seu) ou o escultor Auguste Rodin.

Mozo xa, faríase diplomático e, con escasos vinte e catro anos, desempeñou o cargo de agregado cultural da embaixada francesa en Londres, o primeiro doutros destinos que desempeñou a través dos anos e que logo o levaron ata Romanía ou Suíza.

Esta vida de flâneur, de impenitente visitador das marabillas de aquí e acolá explica a nacenza dos seus moitos libros dedicados a cidades, entre os que salientan, moi particularmente, tres: New York (1929), Londres (1933) e mais Bucarest (1935).

Mais se unha obra deste xorne destaca de entre todas esa é, a non dubidalo, Venises (1971), para moitos o mellor libro escrito endexamais sobre a cidade dos canais.

Esa alfaia de prosa medida e suxestiva, esa sorte de esencia alambicada en libro que Venises é, pode agora lerse en galego mercé á tradución que do orixinal francés fixo Alejandro Tobar, quen publicou a súa versión deste texto referencial na casa editora que el mesmo dirixe en Compostela, Hugin e Munin.

Venecias é a un tempo un testamento literario —por canto nel Morand fai un singular repaso a toda a súa vida a través das súas diferentes estadías na cidade— e mais un admirable guieiro emotivo e sentimental da paisaxe veneciana e cada un dos seus incomparables recantos.

É ben certo que foron moitos os que escribiron sobre a cidade dos gondolieri (Shelley, Stendhal, Browning, James, Cocteau, Byron, Proust, Ruskin, Mann, Pound, Hemingway…), mais seguramente ningún deles foi quen de atrapar a maxia que desprende a Serenísima tan ben como Morand.

Ese Morand que fala para nós por boca de Tobar, exquisito no traslado do texto de partida, respectuoso coa solución dada á adaptación de topónimos, títulos de obras e demais, así como oportuno nas súas notas a pé de páxina, nin excesivas nin insuficientes, apenas as que o texto demandaba.
Se queren lembrar a Venecia que algún día visitaron, se desexan soñar con ela e cunha futura viaxe, mesmo se prefiren unicamente deixar voar a imaxinación entre páxinas de finísima filigrana e sutil fío de ouro, Venecias de Paul Morand axudaralles a comprender por que Proust chamou a esta cidade líquida o ‘santuario da relixión da beleza’.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta