As análises indican que a auga de Corme non é potable

Sindicatos cren que "o brote hídrico de gastroenterite" foi "xestionado incorrectamente" pola Consellería.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública asegura que os parámetros analizados tras o brote de gastroenterite no municipio coruñés de Ponteceso indican que a auga da traída de Corme "non é potable", polo que seguirá cos controis ata que se poida "garantir" a súa potabilidade.

O director xeral de Saúde Pública, Andres Paz-Ares
O director xeral de Saúde Pública, Andres Paz-Ares | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, quen explicou que a situación "non está liquidada" despois de confirmar a analíticas da auga que o norovirus foi "o causante do brote da semana pasada".

Con todo, o director xeral explicou que o número de casos de afectados "vai diminuíndo" e a día de hoxe "non hai seguridade de que a auga sexa potable". "Os parámetros cualifícana como auga non potable", aseverou.

Por iso, reiterou a recomendación de non inxerir auga da traída, así como non lavar con ela ningún produto que se vaia consumir cru e tampouco os dentes.

Agora, Sanidade está á espera de que a empresa concesionaria da auga e o Concello de Ponteceso analicen as causas da contaminación da auga da traída e, unha vez que se efectúen as actuacións oportunas para mellorar as condicións, realizaranse controis para garantir a potabilidade e ter "garantías" do laboratorio da Consellería tamén, comentou o director xeral.

RESPOSTA EN TEMPO E FORMA

Por mor do sucedido en Ponteceso, os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciaron que "o brote hídrico de gastroenterite" producido en Corme, que afectou a "decenas de veciños da localidade, con vómitos e diarrea", foi "xestionado incorrectamente polos responsables da Consellería de Sanidade".

"Non se entende que un brote de gastroenterite iniciado o sábado 21 de setembro, non se investigase ata o luns 23, expondo durante varios días á poboación a riscos para a súa saúde", lamentaron.

Por iso, consideran que "unha vez máis a Consellería de Sanidade é incapaz de dar unha resposta en tempo e forma a este tipo de alertas sanitarias", por, engaden os sindicatos, "negarse sistematicamente a negociar coas organizacións sindicais un sistema de garda para que os farmacéuticos inspectores de Saúde Pública poidan actuar neste tipo de emerxencias todos os días do ano".

Neste sentido, CIG, CCOO, CSIF e UGT emprazan a Sanidade a convocar "inmediatamente" a comisión de seguimento do acordo de dispoñibilidade horaria, asinado o 23 de novembro de 2016, que, lembran, "permite abordar o problema da falta dun sistema de alertas sanitarias, que demandan as organizacións sindicais e os propios inspectores farmacéuticos, para dar un mellor servizo e protección á poboación en todo o que se refire a sanidade ambiental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta