Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 16:54
Galicia rexistrou ao longo de 2018 un total de 4.953 divorcios, o que supón un 8,6% menos que o ano anterior. Destes, a maior parte foron de mutuo acordo e o 36,8% dos matrimonios rotos levaban máis de 20 anos casados.
Así o reflicte a estatística de rupturas matrimoniais feita pública este luns polo Instituto Nacional de Estatística, que recolle que Galicia é unha das comunidades españolas con menor taxa de rupturas, concretamente a cuarta pola cola, por enriba de País Vasco, Estremadura e Castela e León.
Ao longo do ano pasado producíronse en Galicia 4.953 divorcios, 466 menos que o ano anterior. Deles, o 77% (3.814) foron de mutuo acordo, mentres que 1.138 terminaron nos tribunais.
Así mesmo, o 36,8% dos matrimonios divorciados ao longo do ano pasado en Galicia levaba máis de 20 anos casados, mentres que outro 30,7% levaba entre 10 e 19 anos. Case a metade dos matrimonios divorciados non tiñan fillos dependentes e 19 eran de persoas do mesmo sexo.
Por outra banda, en 2018 producíronse en Galicia 213 separacións, 20 máis que o ano anterior. O 86% foron de mutuo acordo (184), mentres que 29 foron por vía contenciosa.
A maiores, 8 de cada 10 parellas separadas durante o ano pasado levaban casadas 10 ou máis anos, en concreto 185. Aproximadamente a metade, 105, non tiñan fillos dependentes. Finalmente, a enquisa recolle que en 2018 se produciron en Galicia dúas nulidades matrimoniais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.