Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 20:10
A Mesa pola Normalización Lingüística instou a Xunta a "acompañar" a mobilización social como vía para reverter a "situación de crise" da lingua galega. Este luns, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, comentou os datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego, publicada o pasado venres.
"Se non fose pola mobilización social, estariamos nunha situación de desastre lingüístico", sinalou Maceira, que apela á Xunta para "acompañar" esta "vontade" da cidadanía de Galicia por falar a lingua propia como vía para "reparar" as tendencias que apunta a enquisa.
Así, A Mesa destaca a "importante fenda" que existe entre a esfera privada e a social, pois o uso do galego cae "un 15 por cento fóra do fogar".
"Unha situación favorecida pola sistemática vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galicia de gran parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita", remarca Maceira.
SITUACIÓN "ATERRADORA" ENTRE OS MOZOS
Ademais, considera "aterradora" a situación que pinta a enquisa achega do uso do galego entre os máis novos, vinculado, segundo A Mesa, polo "mal chamado decreto de plurilingüismo".
Como lembra Maceira, no tramo de idade no que se aplica o decreto —de 5 a 15 anos—, o 30% recoñece non saber escribir en galego, o 18,3% non sabe lelo e o 23,9% non sabe falalo, índices que experimentan aumentos de entre o 4 e o 8% repecto a 2008, última mostra antes da entrada en vigor do decreto.
"Por primeira vez na historia un estudo indica que un de cada catro estudantes de primaria e secundaria en Galicia non sabe falar galego", aseverou Marcos Maceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.