Por Galicia Confidencial | Ponte da Lima | 03/10/2019 | Actualizada ás 10:55
Os ríos, a historia ou a natureza non teñen fronteira, especialmente, nunha área como a antiga Gallaecia onde conviviron multitude de pobos irmáns durante milleiros de anos. Por iso, e para afincar máis esa relación, preto dun milleiro de nenos de Xinzo da Limia e de Ponte de Lima, en Portugal, participaron este martes nun "abrazo" ao río Lima (en portugués) ou Limia (en galego).
A iniciativa, comemorativa do Día Nacional da Auga e do Día Internacional do Ancián, tivo lugar no centro histórico de Ponte de Lima, ponte romana e marxes deste río como forma de sensibilización ambiental.
Foi a 10.ª edición do Abrazo ao Río Lima, promovido por este concello portugués, a través do seu Servizo Área Protexida. "É uma iniciativa que tem tido um enorme sucesso. Procuramos também reforçar e consolidar a geminação que temos com Xinzo de Límia há mais de 30 anos, já que este cordão umbilical que é o rio Lima, nasce exatamente nessa localidade", destacou o presidente da Câmara de Ponte de Lima, Vítor Mendes, tal e como recolle o Jornal de Noticias.
"Entendemos que esta é a melhor forma de valorizar e preservar o maior e mais importante ecossistema que atravessa o nosso território. E dar a conhecer às crianças a sua importância no contexto do desporto, do turismo náutico, na pesca e do ponto de vista económico", suliñou.
O cordón humano que abrazou o río, nunha extensión de "cerca de 800 metros", cumpriu así, segundo o alcalde, o seu papel de "transmitir os valores de Ponte de Lima de xeración en xeración".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.