Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/10/2019 | Actualizada ás 16:12
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo un chamamento este xoves a deixar a situación de Alcoa e Endesa fóra do "debate electoral" e chamou a "sentar" para "dar certezas" aos traballadores coa firma dun acordo que garanta que Alcoa "segue funcionando" e Endesa "se reactive" nas Pontes.
"Se Alemaña, Polonia ou Reino Unido teñen centrais térmicas funcionando, por que non poden seguir en España?", preguntouse Feijóo, quen afeou ao Goberno central que non dea "respostas" nin achegar "solucións" mentres "as sucursais" do PSOE en Galicia "se limitan a dicir que é problema da Xunta".
"Non coa; se a Xunta tivese competencias, isto non sucedería", asegurou, antes de reafirmarse en que a única resposta que debe dar o Executivo de Pedro Sánchez é "se quere pechar Alcoa ou non; se quere pechar a central das Pontes ou non".
AS PONTES
Ao seu modo de ver, no caso de Endesa, o Goberno ten "marxe de manobra", pero "está por ver se a súa decisión é pechar todas as térmicas do país de forma simultánea para dar unha rolda de prensa na que diga que España é o primeiro país da UE en facelo" ou se opta por "facer o que fan a maioría dos países, unha transición xusta".
De feito, aludiu á súa reunión co alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, e incidiu en que o rexedor forma parte "da maioría" que reivindica "unha transición xusta" que non penalice a miles de familias con traballadores ligados á central térmica. O peche da central, sinalou, "supón que desapareza o pobo das Pontes".
Por iso, repasou algunhas das propostas concretadas co rexedor das Pontes e mencionou os axustes impositivos en tributos que gravan a enerxía térmica, incorporar fondos europeos en 2021 e abrir unha mesa técnica entre Endesa, o Ministerio, a Xunta, o goberno local e os sindicatos.
Non en balde, apuntou que "hai máis de cen centrais térmicas como a das Pontes que funcionan en Europa e que seguirán funcionando; e que, ademais, a da localidade coruñesa é "a única", xunto "probablemente a de Almería", que cumpre coa emisión de gases. "Non dicimos que haxa que seguir queimando carbón, senón que hai que ir substituíndoo paulatinamente", dixo.
ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS
En canto a Alcoa, o presidente apuntou que o suposto é "parecido" e apelou á necesidade de "enfocar o asunto" e buscar solucións para a única factoría que produce aluminio primario. Tamén apuntou ás medidas fiscais como vía, na liña do que manifestou no Parlamento este mércores: urxe o estatuto das electrointensivas.
Aínda que rexeitou ser "descortés" coa ministra de Industria, Reyes Maroto, por vir dar "algunha explicación" a Alcoa nun asunto que é "competencia do Ministerio de Transición Ecolóxica", Feijóo censurou que o Executivo expuxese na factoría que "se está traballando nun estatuto (para as electrointensivas) pero que non pode aprobalo e non queira ensinalo".
"Alá eles, só é necesaria unha resposta: se se vai a manter o prezo da enerxía para Alcoa nos termos nos que se pagaba antes de 2018", indicou, para engadir que, se a resposta é "si", a Mariña lucense poderá "durmir tranquila". Se é que non, o presidente apuntou a unha crise industrial na zona e, se non hai resposta, apelou a "prepararse para o peor" igualmente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.