Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 19:17
A Consellería de Cultura e Turismo disparará un 42,6% o seu gasto en persoal eventual o próximo ano 2020. En concreto, esta partida alcanzará os 577.701 euros, cando durante 2019 foron un total de 405.147 euros.
Así o reflicte o proxecto de orzamentos da Xunta para o próximo exercicio entregado no Parlamento este sábado polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para o inicio da súa tramitación.
O documento recolle que as contas do departamento de Cultura e Turismo son as que máis aumentan, cunha alza do 8,9%, en vista da celebración do Xacobeo 2021.
Neste contexto, a consellería que dirixe Román Rodríguez gastará en 2020 máis de 26,7 millóns de euros en persoal, o que supón un aumento do 5,7% con respecto a 2019.
Ademais, o incremento do 42,6% da partida destinada ao persoal eventual consolida a Cultura e Turismo como a consellería que máis destina a este tipo de traballadores --sen contar Presidencia e Vicepresidencia--, un total de 577.701 euros. Esta cifra implica uns 165.000 euros máis que Economía (415.805) e máis do dobre que o resto (268.333).
En canto a Presidencia, destina a este efecto máis de 1,6 millóns de euros, mentres que Vicepresidencia --que inclúe Administracións Públicas e Xustiza-- gasta ao redor de 825.000 euros.
Entre todos os departamentos que compoñen o Goberno galego, o gasto en persoal ascende a máis de 2.100 millóns de euros, case un quinto do total orzado pola Xunta para o próximo exercicio. Gran parte desta partida correspóndese coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: 1.450 millóns.
SOLDOS PÚBLICOS
En canto aos salarios dos empregados públicos, os orzamentos do 2020 reflicten xa a subida do 2,5% implementada ao longo do 2019, a cal tamén repercutirá nos altos cargos.
Deste xeito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cobrará uns 76.558,68 euros anuais --á espera de que revalide o seu cargo, xa que no outono do 2020 haberá eleccións autonómicas--, mentres que o vicepresidente, Alfonso Rueda, e os dez conselleiros, percibirán 66.817,92 euros. Os directores e secretarios xerais cobrarán 58.578,56 euros en 2020.
Este aumento do 2,5% é froito dun acordo asinado a principios do 2019 entre a Administración autonómica e os sindicatos CC.OO. e UXT. En concreto, o convenio estableceu unha subida do 2,25% na nómina do mes de xaneiro e outra do 0,25% a partir de xullo vinculada ao crecemento do PIB en España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.