Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 18:27
Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a tese de Xurxo Fernández Carballido, constata que a presenza do portugués no sistema educativo galego é deficitaria, tras analizar a evolución desta lingua en Primaria, Secundaria, Bacharelato, escolas oficiais de idiomas e sistema universitario.
"O ensino da lingua portuguesa debería ser unha prioridade colectiva en Galicia, por razóns económicas, políticas, culturais e tamén para mellorar o prestixio social do galego", conclúe a tese doutoral de Fernández Carballido, profesor de portugués e galego para non galegofalantes no Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.
Segundo o estudo, ESO, Bacharelato, FP e Primaria son os ámbitos onde se rexistran máis carencias na oferta e na procura da lingua portuguesa, cunha escasa presenza como primeira lingua ou segunda lingua estranxeira e, "moitas veces", sen continuidade de curso en curso, ou de nivel en nivel.
A situación do ensino do portugués no sistema educativo galego é diferente segundo o ámbito académico, conclúe Fernández Carballido. Por exemplo, está presente nas tres universidades galegas, normalmente nas carreiras ou materias relacionadas coa filoloxía, lingüística, literatura e tradución, aínda que tamén ten presenza nos centros de linguas modernas.
Así mesmo, o portugués está presente en case todas as escolas de idiomas galegas, aínda que non en todas as delegacións. Por exemplo, incide en que non está na oferta educativa da delegación de Verín.
RESISTENCIA A PROMOVER O PORTUGUÉS
Sobre o número de estudantes, rexístrase no período analizado una "certa estabilidade", a pesar de que é en ESO, Bacharelato, FP e Primaria onde se rexistran "máis déficits na oferta e na procura da lingua portuguesa".
No estudo tamén se fan constar "certas resistencias ou reticencias institucionais e administrativas" para promover o portugués, comparado co "co esforzo" realizado neste sentido en Estremadura, engade o profesor do CLM. Finalmente, sinala que os programas establecidos polo Estado portugués, "por insuficientes", tampouco axudaron a ampliar a presenza deste idioma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.