Por Alberto Quian | Madrid | 24/10/2019 | Actualizada ás 21:50
Investigadores veñen de presentar os resultados dun estudo no que mediron o grao de cohesión territorial en Galicia en función da accesibilidade real aos núcleos de poboación mediante transporte público e privado. Para visualizalos, elaboraron mapas que mostran desequilibrios que afectan particularmente a áreas interiores da provincia de Lugo, do sueste de Ourense e da costa norte e noroeste da Coruña, onde o nivel de accesibilidade é menor que no resto do territorio galego.
"As comunicacións do Eixo Atlántico e do eixo que une Santiago con Ourense (e Madrid) presentan niveis de accesibilidade moi superiores"
O equipo de traballo de investigación estivo formado por Lukas Ambuhl e Mónica Menéndez (ambos os dous da Escola Politécnica Federal de Zúric, Suíza), Alex Pentland (MIT Media Lab, do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, Estados Unidos), Rubén Lois (Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago) e José Balsa Barreiro, investigador principal, adscrito en distintos períodos a todos e cada un dos centros de investigación anteriores.
Para a realización do estudo aplicaron “un enfoque de traballo moi transversal que inclúe a cartografía, a xeografía, a enxeñería do transporte e a ciencia social computacional”, detalla Balsa Barreiro en conversa para este xornal.
"A Costa da Morte, A Mariña lucense e certas zonas do leste mostran niveis de accesibilidade pobres"
Con toda a información recompilada e analizada crearon un mapa distorsionado no que as distancias entre puntos expresan os tempos de viaxe e non as distancias reais entre estes. Os resultados, explica Balsa Barreiro, evidencian a existencia de “diferenzas moi sensibles por horas”, poidéndose “estimar uns patróns moi claros”, a saber: “As comunicacións do Eixo Atlántico e do eixo que une Santiago con Ourense (e Madrid) presentan niveis de accesibilidade moi superiores en calquera escenario. No outro extremo, certas áreas como A Costa da Morte, A Mariña lucense e certas zonas do leste mostran niveis de accesibilidade pobres en case todos os escenarios”.
“Se os tempos de viaxe correspondesen a distancias, o mapa sería moi similar ao que estamos afeitos a ver. Porén, os resultados son moi diferentes. Por que pasa isto? Pois porque algunhas áreas teñen evidentemente niveis de accesibilidade moi superiores a outras (e viceversa)”, engade o investigador.
Na súa opinión, este estudo deixa “algunhas conclusións lóxicas e outras que son máis rechamantes”. Particularmente, chámalle moito a atención a “inaccesibilidade en boa parte da Costa da Morte para certos escenarios, e iso a pesar de estar xeograficamente moi próxima ao Eixo Atlántico”.
Máis detalladamente, no estudo téntase explicar por que a zona costeira do noroeste é pouco accesible, malia a súa proximidade a algunhas das cidades máis poboadas (A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol). Segundo os autores da investigación, “isto débese a que as súas conexións de transporte público teñen frecuencias moi baixas”.
Por outro lado, observaron que nas áreas norte e leste de Galicia “a maioría dos nodos non están directamente conectados entre si e os tempos de transferencia entre os diferentes nodos de transporte poden variar substancialmente”.
"As autoridades gobernamentais priorizaron as conexións radiais con Madrid”, algo que se fai especialmente visible na “área estirada representada polo eixo Santiago-Ourense"
Así, mediante os mapas xerados, identificaron os tempos de transferencia máis altos e as peores conexións no leste de Galicia, o cal “se pode explicar por un horario subóptimo, unha subministración limitada de servizos de transporte e atrasos no tempo causados por opcións de intermodalidade limitadas, impulsadas por unha conectividade deficiente entre diferentes sistemas de transporte”.
En canto ás áreas cos niveis máis altos de accesibilidade, estas “coinciden cos dous eixos dinámicos principais que dan forma a Galicia”: un, “o interno”, o coñecido como Corredor Atlántico, e o outro, o “externo”, identificado como a “conexión radial española”, a cal vincula Galicia con Madrid.
A maioría dos mapas xerados neste estudo mostran como “as autoridades gobernamentais priorizaron as conexións radiais con Madrid”, algo que se fai notablemente visible na “área estirada representada polo eixo Santiago-Ourense, especialmente cando se compara con outros situados nas áreas occidental, central e norte”, nos que “a infraestrutura ferroviaria aínda non existe ou está obsoleta, como por exemplo o ferrocarril de vía estreita, chamado FEVE, que corre ao longo do Corredor Norte”.
Tamén se observou que a topografía do territorio galego “non ten xa unha influencia decisiva nos tempos de viaxe, agás no caso do leste da provincia de Lugo”.
METODOLOXÍA
A metodoloxía de traballo foi “relativamente simple”. A accesibilidade entre unha serie de nodos mediuse para medios de transporte privado (coche) e público (tren/autobús). E consideráronse tres escenarios posibles: un primeiro escenario que é o transporte en coche privado e dous escenarios relacionados co transporte público, aplicando os tempos de espera no caso de que haxa transbordos e non considerando estes tempos de espera; así, no primeiro escenario relacionado co transporte público medíronse os tempos reais e no segundo, os tempos efectivos de viaxe. Ademais, estes tempos calculáronse para tres horarios distintos: 8 da mañá, 4 da tarde e 12 da noite.
"A relación entre a accesibilidade territorial e o desenvolvemento económico dentro dunha rexión non é un asunto trivial”
Para establecer a rede de nodos entre os cales se mediron os tempos de viaxe seleccionáronse puntos que engloban todo o territorio galego e que se corresponde coas capitais comarcais. O “problema”, engade Balsa Barreiro, é que “son moi diferentes en poboación e en niveis de accesibilidade”.
Así que nesa rede de nodos consideráronse once con menos de 2.500 habitantes e comparáronse con nodos que están cen veces máis poboados. “Sen dúbida, isto pode explicar algunhas diferenzas existentes entre os niveis de servizo, tanto desde unha perspectiva cuantitativa como cualitativa”, xustifican os autores do traballo.
A metodoloxía aplicada permitiu crear mapas distorsionados que “mostran como a relación entre a accesibilidade territorial e o desenvolvemento económico dentro dunha rexión non é un asunto trivial”, explícase no estudo.
Preséntase, así, “dunha forma clara, o grao de cohesión e accesibilidade física real que ten un territorio”, aporta Balsa Barreiro, quen cre que “os resultados das políticas territoriais en termos de infraestruturas deberían presentarse desta forma, considerando redes máis complexas”.
“Esta representación é a forma máis eficiente de avaliar as potencialidades e o éxito real de certas políticas e estratexias de actuación relativas a infraestruturas de transporte e mobilidade. O mapa ideal debe tender ao real e se existen deformacións é porque hai desequilibrios de accesibilidade”, argúe o investigador.
SINGULARIDADES DO CASO GALEGO
O caso galego é particularmente interesante por “toda a transformación que houbo nas últimas décadas do modelo tradicional de poboamento e a súa distribución espacial”, o cal “permite entender o que vemos nos mapas”, expón Balsa Barreiro.
Máis amplamente, fala dunha “realidade externa” e doutra “interna” que afectan a estes desequilibrios. A realidade externa é, segundo Balsa Barreiro, “o sistema económico global”, que leva a crear “unha estrutura socioeconómica moi centrada no sector servizos e na que o sector primario ten un peso cada vez máis reducido”. A iso, prosegue, “únese a realidade europea e toda a reconversión que esta supuxo”. E, “como consecuencia, os mozos vanse ás cidades ou, na súa falta, aos referentes urbanos máis próximos”.
"Reconverter un modelo tradicional equilibrado a un desequilibrado, no que as cidades do Eixo Atlántico concentran a maior parte da poboación, levou a problemas territoriais"
En relación con isto, considera que “existe algo de hipermodernidade” fomentada desde “series, películas e medios” que “tenden a presentar as cidades como os centros do mundo”, como algo “cool”, mentres que “a vida que nos presentan do campo é idílica, pero sempre desde unha perspectiva urbana”.
“O campo é como un parque urbano ao que o urbanita vai pasar un tempo de descanso. Todo isto vese a nivel individual, pero tamén colectivo. A política expuxo unha proposta de concentración artificial da poboación creando cidades a pequena escala en contornas puramente rurais”, argumenta.
Unido a isto, sinala que “as cidades, aínda que fosen creadas como nodos nos que a diversidade xera riqueza e novas oportunidades, teñen unha capacidade limitada de absorción de persoas”, de xeito que “no momento no que as cidades exceden este limiar, empeza o precariado, a pobreza e a violencia (entre outros), xerándose certas dinámicas que algúns autores chamaron deseconomías urbanas”.
E todo isto aconteceu “dentro dun contexto no que non importa nada a realidade local”, a cal “era moi importante”, subliña.
“Maior accesibilidade implica tempos de viaxe máis reducidos e unha maior conectividade entre nodos, a cal favorece a diversidade e xera máis oportunidades e riqueza”
No caso de Galicia, sendo un territorio eminentemente rural, “as crises económicas se resolvían basicamente a base de emigración”. Falamos dun país cun “hábitat disperso moi marcado”. “De feito, ao redor da metade das entidades de poboación de España están en Galicia, e iso que a súa poboación só representa un 6% do total estatal”, salienta o investigador.
“Pois ben, reconverter un modelo tradicional equilibrado a un desequilibrado, no que as cidades do Eixo Atlántico concentran a maior parte da poboación, levou a unha serie de problemas territoriais sempre vixentes, debidos a un modelo de desenvolvemento insustentable do territorio e que se manifestan nunha forte presión en certas áreas e un abandono doutras”, clarifica o autor principal do estudo.
Isto é o que explicaría, por exemplo, “a ausencia de servizos públicos en determinadas áreas, a presión e sobreexplotación de recursos noutras, a aparición e propagación dos incendios forestais, etc”, explica o experto.
PRINCIPIO DE COHESIÓN TERRITORIAL
En relación con todo isto, Balsa Barreiro recorda que “existe un principio moi repetido e que está no centro do debate social, económico e político actual: o principio de cohesión territorial”. “Fálase dos problemas de concentración de poboación en Madrid e Barcelona, pero tamén entra o debate do despoboamento, aludíndose á chamada ‘España baleirada’. Por tanto, todos estes problemas, tanto por exceso como por defecto, son parte dun mesmo sistema”, argúe.
O investigador apela á Constitución Española, na que se establece que “calquera persoa debe ter as mesmas oportunidades independentemente do lugar onde resida”, algo que na súa opinión pode ser “medido mediante a accesibilidade física”, de xeito que “unha maior accesibilidade implica tempos de viaxe máis reducidos e unha maior conectividade entre nodos, a cal favorece a diversidade e xera máis oportunidades e riqueza”.
Este traballo sobre a análise dos niveis de cohesión territorial en función da accesibilidade en Galicia vén de ser publicado nun artigo publicado na revista científica IEEE Access co título 'Mapping Time-Varying Accessibility and Territorial Cohesion With Time-Distorted Maps'. Anteriormente, os investigadores presentaran tres estudos similares –e máis simples– sobre esta mesma temática, tanto aplicados á rede de Galicia (17th Swiss Transport Research Conference e 97th Transportation Research Board Annual Meeting) como á de Suíza (Congreso da AGE).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.