Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 13:58
O Consorcio de Santiago, no marco do seu programa de restauración de monumentos, acondicionará o cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público.
Segundo informou o organismo, as obras de acondicionamento licitáronse por un importe global de 40.979 euros e adxudicáronse a Obras Gallaecia S.L., coa previsión de que estean terminadas nun período de dous meses e medio.
O cemiterio atópase no Camiño de San Francisco, encostado á parte traseira da igrexa da Orde Terceira e ten acceso desde o propio espazo verde por unha porta con reixa situada no sur do muro da casa reitoral. O seu perímetro está pechado por un muro de pedra.
Neste cemiterio, un espazo practicamente descoñecido ata o momento, atópanse panteóns de diferentes familias compostelás, así como tumbas dos franciscanos do convento, que teñen un apartado específico.
O responsable do proxecto, o arquitecto Xosé Allegue, precisou que a falta de mantemento neste recinto faise evidente en cuestións como o "crecemento incontrolado da vexetación", dificultades na escorrentía de augas ou sucidade, xunto a "intervencións desordenadas que alteran a coherencia construtiva e histórica do conxunto".
Por iso, acondicionarase o recinto limpando os elementos de pedra existentes, mellorando os pavimentos e realizando unha reordenación das especies vexetais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.