Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2019 | Actualizada ás 15:24
A asociación que agrupa a mariñeiros españois Long Hope —na súa maioría galegos que traballaron en barcos noruegueses sen xerar dereito a pensión— presentou o pasado 5 de novembro ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos unha demanda contra Noruega para reclamar o pago das súas prestacións.
Deste asunto informou este venres o profesor de Dereito de Traballo e Seguridade Social da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Manuel Carril, que asesora desinteresadamente a Long Hope, e o portavoz desta asociación, Alberto Paz, acompañados polo avogado que leva a causa no Tribunal Europeo, Marius Reikeras.
Paz destacou que o Goberno central lle comunicou onte nunha reunión en Madrid que se personará como parte interesada neste proceso ao que Long Hope recorre tras esgotar a vía interna xudicial en Noruega.
"As cousas deben materializarse e o Goberno debe dar un paso á fronte", indicou o portavoz da asociación que representa a 212 mariñeiros galegos.
"PRÁCTICA INACEPTABLE"
Pola súa banda, o avogado que representa a Long Hope en Estrasburgo lamentou que o xulgado de Noruega "non tomase en serio" este caso no que, di, concorren "aspectos discriminatorios". E é que, tal e como sinala, "esta práctica de Noruega é totalmente inaceptable". "A pensión é un dereito social igualitario en todos os sitios", engade.
Long Hope tamén acudira á vía diplomática para evitar chegar a Estrasburgo, pero seguen sen data para a reunión de negociación. "A estas alturas o convenio chegará tarde e mal", di Carril.
"Queremos os dereitos sociais que nos corresponden", lembra Alberto Paz, que encabeza esta loita desde hai varios anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.