Por Europa Press / Redacción | | 26/11/2019 | Actualizada ás 13:30
A taxa de actividade emprendedora creceu en 2018 ata o seu nivel máis alto na última década (sobe do 5,06% de 2017 ao 5,60% actual), segundo o informe do grupo GEM Galicia (Global Entrepreneurship Monitor), que é un consorcio composto por equipos investigadores de distintas nacionalidades.
Na presentación do documento este martes en Santiago, a directora técnica do GEM Galicia, Isabel Neira, debullou os datos deste informe no que participan a Universidade de Santiago (USC), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe).
No estudo recóllese que este incremento do emprendemento galego está liderado por mulleres, pois xa supoñen o 57,7% das iniciativas incipientes en Galicia, o que supón un avance de 13 puntos respecto de 2017.
Ademais, o abandono entre as emprendedoras descende ao 40,5% en 2018 (era do 43% en 2017) e é menor que o dos homes. Deste xeito, o informe sinala que "as mulleres emprendedoras en Galicia convertéronse nun colectivo estable con vocación de futuro".
A actividade emprendedora feminina actual sobe case dous puntos e alcanza xa o 6,43%, maior que a taxa masculina galega (4,76%) e a media feminina española (6%). Con todo, a porcentaxe de homes que manifestan a súa intención de emprender nos próximos anos é superior que o das mulleres.
Aquí, identifícase que o 7,6% da poboación galega espera emprender no futuro inmediato (en 2017 era o 5,9%), por encima da media española (do 6,8%).
MÁIS POR OPORTUNIDADE E MENOS POR NECESIDADE
Respecto da motivación para emprender, en 2018 as iniciativas por necesidade baixan ao 31,48% (eran do 34% en 2017), mentres que aquelas que responden á oportunidade crecen ata o 64,86% (era o 60% un ano antes).
O incremento da actividade emprendedora incipiente duplícase entre as persoas que contan con estudos universitarios en Galicia, ata o 14,58%. A media de idade nos emprendedores galegos é de pouco máis de 40 anos. Xunto a isto, detéctase un avance nas iniciativas innovadoras, sobre todo nas que comezan (soben do 23,15% ao 37,84%).
Por outra banda, hai un "estancamento" na previsión de creación de emprego entre as iniciativas consolidadas. Aínda que, nas incipientes aumenta en cinco puntos. De forma global, un 46,8% ten previsto aumentar o cadro de persoa no próximos cinco anos.
APOIO DE IGAPE E USC
Na presentación este martes en Santiago, o director do Igape, Juan Cividanes, destacou que as iniciativas que se emprenden por oportunidade están "a mellorar moitísimo", nunha dinámica "positiva" que identifica cunhas expectativas de confianza empresarial á alza.
Así mesmo, Cividanes resaltou que se traballa para superar dous dos maiores obstáculos cos que se atopan os emprendedores como son a burocracia e a dispoñibilidade de instrumentos financeiros.
Pola súa banda, o decano da Facultade de Económicas e Empresariais da USC, Xoán Ramón Doldán, subliñou que este informe é "especialmente relevante", xa que serve para avaliar se "son correctas" as políticas públicas que se executan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.