Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 29/11/2019 | Actualizada ás 09:00
Título: Humanos. A Roya é um rio
Autores: Jean-Marc Troubet “Troubs” e Edmond Baudoin
Editorial: Figurandorecuerdo(s)
Ano: 2019
O río Roya nace en Francia, nos Alpes Marítimos, e atinxe o Mediterráneo en Ventimiglia, na Liguria italiana. O lugar no que a corrente do río atravesa a fronteira entre ambos países constitúe dende hai tempo un camiño de paso para os migrantes que chegan a Italia polo Mediterráneo e se dirixen cara o norte de Europa. Nos últimos anos, as autoridades de ambos países reforzaron a presenza das súas forzas de seguridade na zona, mais tamén os propios veciños se organizaron para axudar aos refuxiados. Así xurdiu a asociación Roya Citoyenne, promovida por un labrego local, Cédric Herrou, e integrada por habitantes dos cinco concellos que forman o val do Roya ademais dalgúns voluntarios, que proporciona aos migrantes aloxamento, comida e tamén consello legal. O Val do Roya converteuse, xa que logo, nun pequeno escenario no que a diario se representa un dos grandes dramas humanitarios do noso tempo.
No verán de 2017, os debuxantes franceses Jean-Marc Troubet “Troubs” e Edmond Baudoin viaxaron ao Val do Roya para coñecer de primeira man o que alí acontece. Acompañaron a migrantes na súa viaxe, retratáronos e escoitaron os seus relatos, historias que parten de países como Sudán, Chad ou Eritrea e nas que a fuxida cara Europa se presenta sempre como a solución desesperada a unha situación insostible de guerra e miseria. E cómpre non esquecelo: os que chegan son os afortunados. Tamén recolleron o testemuño do activista Herrou, de certa proxección mediática en Francia tras ser xulgado pola súa actividade a prol dos refuxiados, e de moitos dos e das cooperantes que proporcionan a súa axuda en distintos lugares da ruta do Roya. Cada un expón os seus motivos, mais todos eles resultan ser moi semellantes: a incapacidade para percibir o drama da emigración como un asunto alleo e o desexo de axudar. “Preguntei-me várias vezes por que fago isto”, di Léa, unha voluntaria francesa, “non achei resposta, com certeza porque isto agora aparezeseme como umha evidéncia e é assim que non o podo explicar”. En Humanos. A Roya é um rio vemos os rostros de todos eles riscados con liñas urxentes e tamén as paisaxes do Roya, cuxa beleza natural se intúe no trazo abrupto dos autores. Baudoin e Troubs teñen estilos diferentes e facilmente recoñecibles. O primeiro gusta máis da mancha e o trazo inacabado; Troubs debuxa con liñas mellor definidas e con certa tendencia á caricatura. E sen embargo, os deseños de ambos sucédense con naturalidade e o libro non perde nunca o sentido de unidade.
Non é esta a primeira vez que Troubs e Baudoin colaboran. Ambos asinaron conxuntamente Viva la vida. Los sueños de Ciudad Juárez (2011), na que se achegaban a unha das capitais mundiais do feminicidio. Tamén transitaron por unha Colombia esgotada por unha guerra interminable e recolleron a súa viaxe en Le goûte de la terre (2013). En ambos casos ensaiaron xa a mesma fórmula na que recuncan neste novo título, darlle a voz a quen carece dos medios para facerse oír e facer dos seus testemuños a materia principal dos seus libros. No caso de Humanos. A Roya é um rio, non hai xeito máis contundente de denunciar as políticas racistas e aporofóbicas que encarna o miserable Salvini que revelar o rostro humano do migrante.
A editora coruñesa Figurandorecuerdo(s) segue a divulgar entre nós a obra de Troubs, do que xa publicou Muuh! No prado das vacas (2015) e A alquitara (2017), e amplía agora o seu catálogo de autores ao incluír a Edmond Baudoin, sen dúbida un dos nomes fundamentais do cómic francés do cambio de século. Nun mercado editorial no que apenas se publica banda deseñada traducida ao galego, a aparición deste título (inédito en castelán, por certo) constitúe un pequeno acontecemento, tanto pola relevancia dos autores como por abordar un tema que, pola súa actualidade, pode interesar a un público maioritario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.