Por Raúl Novoa | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2019 | Actualizada ás 22:00
O sistema público de pensións funciona de forma que as cotizacións das persoas traballadoras en activo financian as prestacións existentes para as persoas xubiladas, considerándose coma un fondo común interxeracional. Os pensionistas continúan a loitar en defensa deste servizo público. Dos -aproximadamente- 9 millóns de pensionistas do Estado, 5 deles están no limiar da pobreza ou preto del. A pensión media en Galicia sitúase en 811 euros (no mes de outubro), a segunda máis baixa en todo o Estado.
No contexto galego, un 11% da xente que esta rozando a pobreza son pensionistas. Son os diferentes casos de Gabriela, Alejandro e Gabriel, que coas súas particularidades, consideran a situación de pobreza na que viven como "lamentable". Os tres pensan tamén que o servizo público de pensións é "moi mellorable".
Así, Gabriela Ladrero, aos seus 73 anos e cobrando unha pensión mínima (677 euros), por debaixo do salario mínimo asegura que o 75% do que percibe vaiselle no aluguer da súa vivenda. "Teño que estar sempre pendente da especulación, porque o prezo da vivenda sube e as pensións non" explica. Traballou desde os 15 anos, pero que cotizados só ten 20, explica que ante isto "non podo facerlle fronte a gastos imprevistos" e que "despois de traballar toda unha vida é un dereito ter unha pensión digna"
Se nos referimos á situación da muller, igual que na fenda salarial, hai diferencias no diñeiro percibido dependendo do xénero. A diferencia salarial de xénero no conxunto do Estado sitúase nun 23,5 % segundo o último estudo do INE e isto reflíctese nas pensións. Así, a pensión media dos homes é de 997 euros e a das mulleres é de 617 euros, case un 30 % menor. No ámbito galego, as mulleres cobran tan só uns 18 euros máis que a pensión mínima e 280 euros menos que a media estatal. "A todo iso temos que sumarlle os coidados da casa, nunca remunerado nas mulleres" subliña Gabriela.
Por outra banda, Alejandro Ruetter, aínda que cotizou 5 anos, foi mimo intinerante case toda a súa vida. Atópase nunha situación na que cobra unha pensión non contributiva, de 392 euros ao mes. Aos seus 71 anos e 6 de xubilado, asegura que "grazas a que me deixan unha casa podo sobrevivir mes a mes".
Nos últimos anos, a Seguridade Social viu reducido os número de cotizantes, sobre todo, trala reforma laboral de 2012. Aínda que se supón que a xeración actual é a máis formada da historia, moitas persoas tiveron que emigrar de novo ante a falta de emprego e oportunidades, polo que dita xeración está a ser rendible en postos de traballo específicos no estranxeiro, sen ingresar cartos no Estado. "Tese que baixar a idade de xubilación, para que así se cren máis postos de traballo e haxa unha evolución na economía". Ademais, partidos coma o PP impulsaron os plans de pensións privados fronte ao actual sistema público. "A publicidade dos plans de pensións privados chega a ser invasiva" sinala Alejandro, pero ten unha "explicación clara": "A banca sempre manda".
O CASO DE GABRIEL, UN CASO DIFERENTE
Gabriel Pérez ten catro idiomas, fixera xa a carreira de turismo e estaba traballando á vez que estudaba maxister. De un día para outro mudou todo. Xusto cando ían a facerlle un contrato fixo na empresa, comezaron os ataques de esquizofrenia e tivo que deixar de traballar, con apenas 1 ano cotizado. Estivo meses de baixa, mais tras declarárselle a incapacidade tivo que solicitar a pensión non contributiva, coa que tería 450 euros e dúas pagas extras. Como tarda de 2 a 3 anos en chegar, no entanto, tivo que solicitar o RISGA (403 euros), "polo que agardei 8 meses sen percibir ningún tipo de cuantía económica", sinala. Ademais, se el vivira con pais ou cunha parella de feito, deixaría de percibir gran parte deses cartos.
Gabriel, ademais de con MODEPEN, colabora con Jóvenes Pensionistas, e sinala que o problema das pensións "afecta a toda xuventude, é un problema que repercutirá moito no futuro". "Temos o risco de quedar sen pensións" subliña. El, tamén pide "unha nova lei de valoracións de saúde mental e estados físicosa" que é apoiada por partidos coma Unidas Podemos.
O MOVEMENTO SOCIAL É A ÚNICA SAÍDA
Todos coinciden da necesidade de reformar a xestión das pensións públicas. Céntranse en revalorizalas tendo en conta o IPC real, así coma unha pensión mínima de 1.084 euros ao mes. Gabriela sinala que "tamén pedimos unha compensación económica por todos estes anos nos que non percibimos un aumento". Ademais, "non poden seguir roubando da ucha das pensións" sinala Alejandro.
Cando lles preguntamos sobre ás maneiras de atender ás demandas, os tres responden o mesmo: "a loita é o único camiño". Aínda así Gabriel é crítico e bota certa a culpa aos sindicatos -coma C.C.O.O, UGT ou a CiG- que " buscando o mesmo, non se unifican e cada un mira ao seu".
"Movementos independentes coma MODEPEN aparecen nun momento no que partidos políticos e sindicatos non son quen de moldear a realidade social" sinala Alejandro, pero tenno claro, "grazas ao movemento das rúas freouse o atraco que se quería facer ás pensións, hai que seguir o movemento con crecemento". Na mesma liña, Gabriela tamén destaca que nas pasadas eleccións "apenas se falou do tema" e que "houbo certa cortina mediática co tema de Catalunya presente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.