Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 19:35
A praga da pataca saltou ata os municipios de Carballo e A Laracha (A Coruña), segundo informou a Consellería de Medio Rural. Estes concellos atópanse na contorna da comarca produtora de Bergantiños. De feito, Carballo é limítrofe con Coristanco, principal concello da zona en cultivo de pataca.
En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos próximos días a declaración pola que dúas parroquias da Laracha (Lendo e Caión) e unha de Carballo (Noicela) pasan a ser declaradas como zonas infestadas pola presenza da couza guatemalteca.
A medida tómase tras ser localizados tubérculos afectados —que xa foron destruídos— en almacéns de autoconsumo. Deste xeito, pásase a tomar as medidas de corentena levadas a cabo no resto de casos, que inclúen a prohibición de plantación durante dous anos e do seu transporte, así como o levantamento de cultivos.
Estas tres parroquias só poderán comercializar patacas embolsadas e etiquetadas preparadas para o consumidor final, dado que o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de municipios infestados.
Esta medida tamén implica que nas parroquias limítrofes se establecen zonas tampón, co fin de que o insecto non se propague, coa instalación de trampeo. As patacas recollidas non se poderán dedicar a sementeira mentres a praga non se dea por erradicada. Así mesmo, o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.
PRAGA
Tras a súa aparición en 2015 en Galicia, a praga foise estendendo por zonas de Ferrolterra e A Mariña, mentres que en 2018 chegou ata o municipio costeiro de Muxía (A Coruña), o que xa puxo en alerta no seu día á próxima zona de produción de Bergantiños. Hai máis dunha trintena de municipios galegos afectados na actualidade.
Con todo, en setembro de 2018 as análises realizadas pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea constataron "unha redución rápida e sostida" da praga da pataca en Galicia, nunha visión compartida pola Xunta.
Os técnicos mesmo prevían erradicala nun futuro próximo se se seguían de forma efectiva as normas de control. Con todo, este venres coñecéronse novos casos da súa propagación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.