Por Alberto Quian | Madrid | 03/12/2019 | Actualizada ás 14:00
Cales son os concellos máis sustentables de Galicia? En xeral, os máis grandes e, por áreas xeográficas, os do norte, coa excepción de Ferrol. Así o indica un estudo feito por investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Para medir a sustentabilidade dos municipios galegos, os autores do estudo deseñaron unha metodoloxía baseándose en 38 indicadores que inclúen os tres alicerces da sustentabilidade: social, económico e ambiental. Para levar a cabo esta avaliación, seleccionáronse 64 municipios dos 313 que hai en Galicia e clasificáronse en tres grupos segundo o seu tamaño de poboación: máis de 50.000 habitantes, entre 5.000 e 50.000, e menos de 5.000.
"Ao redor dun 40% dos municipios galegos analizados, os cales se poden considerar representativos de toda a comunidade, serían considerados sustentables”
“De acordo coa definición de sustentabilidade establecida, ao redor dun 40% dos municipios galegos analizados, os cales se poden considerar representativos de toda a comunidade, serían considerados sustentables”, explica para Galicia Confidencial Sara González García, doutora en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago.
“Os resultados mostran que os municipios máis sustentables están no norte de Galicia”, saliéntase no estudo, no que se destaca que, independentemente do método de ponderación, o 57% dos municipios con máis de 50.000 habitantes (as sete principais cidades de Galicia) clasifícanse como sustentables, fronte o 45% do resto de concellos.
CONCELLOS SUSTENTABLES E NON SUSTENTABLES
As localidades clasificáronse mediante unha etiqueta de sustentabilidade na que se combinan tres letras (A, B ou C), sendo AAA o mellor resultado posible e CCC, o peor. Nesa combinación de tres letras, a primeira corresponde á dimensión social, a segunda á económica e a terceira á ambiental, de xeito que un municipio coa etiqueta de sustentabilidade AAA debe considerarse sustentable en todas as súas dimensións; pola contra, unha etiqueta CCC sitúao lonxe de patróns sustentables.
Da lista de 64 municipios analizados, 30 foron identificados como sustentables: 12 con menos de 5.000 habitantes, 14 entre 5.000 e 50.000 e catro das grandes cidades galegas.
Entre as principais cidades galegas, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Lugo poden considerarse sustentables, mentres que Ourense, Vigo e, sobre todo, Ferrol, non
De toda a mostra, só dous municipios conseguiron a mellor combinación de letras (AAA): Muxía e Vilariño de Conso. E, “sorprendentemente”, ningunha das sete grandes cidades de Galicia acadou a cualificación tripla A. Entre estas, A Coruña e Santiago foron clasificadas como AAB e Pontevedra e Lugo como BBA. Peores cualificacións obtiveron Ourense (BBB), Vigo (BBC) e, sobre todo, Ferrol (CCB), que se sitúa entre os concellos galegos con peores resultados.
Aínda que entre as urbes máis grandes “non hai un grao de diversidade tan grande nos indicadores, nin nas súas características, como pode existir nos municipios de menor número de habitantes”, explica González García, sobresaen os casos da Coruña e Santiago, que destacan en aspectos sociais e económicos, seguidas por Lugo e Pontevedra, con mellores resultados en aspectos ambientais. Pola contra, Ferrol é a grande urbe que máis se afasta dos criterios de sustentabilidade e acada unha das peores cualificacións de todos os concellos analizados, sendo a excepción do norte.
Non se identificou ningún municipio cunha combinación CCC (o peor resultado), aínda que se etiquetaron sete municipios como non sustentables: Salvaterra de Miño (CCB), A Cañiza (CCA), Monterrei (CCB), Lobeira (CBC), Castrelo de Miño (BCC), Celanova (CCB) e Ferrol (CCB).
Con todo, “de acordo cos resultados obtidos coa metodoloxía desenvolta, non podemos seleccionar un municipio como o máis ou menos sustentable, senón unha colección de concellos”, aclara Sara González García.
O orzamento municipal por habitante é “un indicador cun claro efecto sobre outros indicadores" para determinar a sustenbilidade dos municipios
Así, “independentemente do peso que se lle dea aos 38 indicadores seleccionados, os municipios localizados na metade norte adquiriron unha combinación de letras na etiqueta que os clasifica cun comportamento máis sustentable”, expón Sara González García.
Analizando máis en detalle este comportamento, os investigadores observaron que o orzamento municipal por habitante é “un indicador cun claro efecto sobre outros indicadores (xa non só sociais, senón ambientais e económicos), o cal ten un claro efecto nos resultados alcanzados, é dicir, na etiqueta de sustentabilidade de cada municipio”, esclarece González García.
A investigadora engade, ademais, que “hai factores que poden ser discriminatorios; por exemplo, hai municipios pequenos que teñen unha industria relevante a nivel galego que beneficia aos seus habitantes, por exemplo en termos sociais e económicos, fronte a outros que non presentan ese motor”.
METODOLOXÍA DO “PRIMEIRO ESTUDO” A NIVEL MUNICIPAL
Como principal novidade aos estudos deste tipo, este traballo aporta, segundo González García, “o desenvolvemento dunha metodoloxía para analizar a sustentabilidade desde unha perspectiva multicriterio que podería ser aplicada a outras contornas urbanas, así como a representación GIS [Geographic Information System] dos resultados”.
“A metodoloxía desenvolta neste traballo permite analizar a sustentabilidade de sistemas urbanos xa non só a nivel de municipio, senón tamén a nivel de cidade. Esta metodoloxía podería ser empregada para analizar a sustentabilidade doutras zonas de España e Europa”, destaca a investigadora da Universidade de Santiago.
Este é o “primeiro estudo de sustentabilidade realizado en Galicia e/ou España a nivel municipio”
Para a selección de municipios partiuse dos 313 municipios existentes en Galicia e desenvolveuse unha metodoloxía de selección considerando variables demográficas como a poboación, densidade de poboación e número de entidades singulares de poboación de cada municipio, entre outros criterios. Posteriormente desenvolveuse unha matriz de Leopold para identificar un número reducido de municipios representativos. Esta matriz considerou aspectos tales como transparencia e dispoñibilidade de datos a nivel de cada municipio, representatividade demográfica e administrativa e concienciación ambiental (a chamada matriz de Leopold foi o primeiro método que se estableceu para a avaliación do impacto ambiental; a base do sistema é unha matriz na que as columnas conteñen unha lista de actividades a ser xeradas polo proxecto e que poidan alterar o medio ambiente, e as filas, que están conformadas por listas das características do medio –ou factores ambientais– que poden ser alterados; deste xeito, defínense as relacións existentes).
Trátase, segundo González García, do “primeiro estudo de sustentabilidade realizado en Galicia e/ou España a nivel municipio”, un traballo “multicriterio que inclúe expertos dos tres alicerces da sustentabilidade” e que “se puido realizar grazas á contorna multidicisplinar do Instituto Cretus da USC e á colaboración e interese da Fegamp”, e o cal “podería axudar” ás administración locais a decidir “sobre que indicadores sería máis necesario actuar para mellorar os niveis de sustentabilidade dos mesmos, tanto a nivel económico, social e ambiental”.
Os resultados deste estudo veñen de ser publicados na revista científica Journal of Cleaner Production, nun artigo titulado ‘Embedding environmental, economic and social indicators in the evaluation of the sustainability of the municipalities of Galicia (northwest of Spain)’, asinado por Sara González García, Manuel Rama, Antonio Cortés, Fernando García Guaita, María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo, do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, e Andrés Núñez e Lucía González Louro, da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.