Cal é a política sanitaria da Xunta?... entre os argumentos "científicos" e os de "ataque" ao rural e aos dereitos das mulleres

As razóns para pechar o servizo de partos do hospital de Verín obedecen a criterios "científicos" e "técnicos" segundo a Xunta. Mentres, veciños e profesionais do Hospital de Verín apuntan a" manobras cuestionables" para xustificar recortes na sanidade. Galicia Confidencial tenta afondar neses argumentos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/12/2019 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

A tese que manteñen as autoridades sanitarias para pechar o paridoiro e urxencias pediátricas do hospital de Verín, non é válida para a maioría do cadro sanitario. “Non tiveron en conta para nada o criterio das matronas nin doutros colectivos profesionais” sinala Isabel Abel, presidenta da Sociedade Galega de Matronas. Abel denuncia ademais a incerterza para as matronas de Verín. “Díxoselles que algunhas ingresarían para función primaria e polo de agora está todo no aire”. E por que non se tivo en conta a opinión do resto de profesionais do hospital verinés? “Porque o SERGAS é un sistema médico-centrista onde non importan as outras opinións” remata Abel.

Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal
Manifestación en Verín en contra do peche do paritorio e outros servizos no Hospital comarcal

Jesús Vila, membro da Comisión delegada de Verín, fala dun desmantelamento paulatino do centro hospitalario. Denuncia a falta de profesionais noutras seccións do hospital, “retrasan as operacións e as probas e logo derivan xente á sanidade privada ou concertada”. Vila sinala que desde hai oito ou nove anos lles están “quitando” partos aludindo que o número de partos de risco é alto, ademais “o abano para a tipoloxía de embarazo de risco tense ampliado, por exemplo, hai risco cando a nai ten Rh negativo no sangue e sempre deron luz aquí sen problema”. Outras áreas do hospital como pediatría e anestesia viron reducido o número de profesionais ou son atendidas por especialistas que veñen desde Ourense para facer gardas.

INFORMES QUE AVALAN O PECHE

O día 30 de novembro estaba convocada unha manifestación contra o proxecto de peche. O día un de decembro comunícase o peche do paridoiro e urxencias pediátricas. Os e as traballadoras do hospital de Verín fan peche indefinido e piden reunirse con Almuíña. A reunión co conselleiro de Sanidade celébrase en Ourense o día 3 de decembro. Almuíña non se moveu da súa posición de clausurar os servizos sanitarios mencionados.

“Baséase nun informe de 2009 onde indica que cunha taxa de 600 partos por ano, un centro sanitario ten práctica neste servizo” di Eva Fernández, administrativa do hospital de Verín e membro da CIG. A atención centralizada dos partos en Ourense capital incluiría o desprazamento de nais e nenos desde concellos como A Mezquita a dúas horas de camiño. “A cifra é unha recomendación feita nese informe do Ministerio de Sanidade, ningún hospital da rede sanitaria cumpriría ese ratio” di Pilar González de UGT Sanidade en Ourense.

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.

Pilar González apunta que no caso de pediatría en Verín as gardas virían desde Ourense, cousa que se facía esporadicamente ata que para o mes de xullo pasado, a ausencia de pediatras era continua. González engade que “pediatría non quería vir a Verín desde Ourense, os pediatras levaron a xuízo ao SERGAS aducindo que os seus contratos eran só para a cidade de Ourense”. Non obstante, o tribunal declarou que “eran médicos de área e por tanto debían cubrir toda a área sanitaria” incluíndo Verín. Desde ese momento comezaron as derivacións para o hospital da capital provincial. “Ese foi o argumento aproveitado pola Xerencia para realizar este peche, pola falta de partos”.

“Alegan que os informes técnicos os avalan, mais só usan unha parte deses informes” di Eva Rodríguez de CCOO. “Eses mesmos informes sinalan por exemplo que non pode quedar un médico de garda en primaria e realmente é iso o que acontece”. Por outra banda, Rodríguez e outros compañeiros e compañeiras comunicáronlle ao conselleiro Almuíña que as distancias nalgúns casos, para dar a luz, son inasumibles.

Desde o Colexio de Médicos de Ourense, o seu presidente, José Luis Jiménez, declara que “desde os colexios médicos cremos que a decisión dos xestores é correcta porque está baseada en criterios científicos”. Jiménez remarca tamén que tanto os profesionais da xinecoloxía como da pediatría “cren tamén que é correcto non instalar unha maternidade con menos de setenta partos ao ano”.

Os datos que menciona Jiménez apuntan a que unha baixada do número de nacementos faría aumentar o número de incidencias. “Entendemos que detrás desta decisión hai criterios de eficiencia, pois hai carencia de pediatras e un pediatra en Verín posiblemente estaría man sobre man”. A todo isto engade como unha cuestión de fondo o feito de non terse xestionado os Recursos Humanos durante moito tempo e si ter mercado equipamentos.

UNHA COMARCA SEN HOSPITAL

As sospeitas de peche do paridoiro e urxencias pediátricas collían cada vez máis forza logo do peche doutros servizos. “Preguntáronlle xa daquela se ían pechar estes dous servizos, a resposta foi que non, mesmo mercaran novo material para atención aos partos” di Eva Fernández.

Desde o Concello de Verín, o seu tenente alcalde, Diego Lourenzo, declara que “en Verín ninguén avala a decisión de pechar o paridoiro, existe unidade de criterio entre os grupos representados no Concello e con outros municipios, algún con maioría absoluta do PP”.  A sensación que perciben as forzas políticas e tamén sindicais é a de contradicción desde o goberno galego. “É que isto é un erro, unha contradicción, por unha banda queren apostar polo rural e logo pechan servizos sanitarios en áreas onde prima o rural” di Lourenzo.

O peche do paridoiro supón ademais para o tenente de alcalde  un acto “contra o dereito da muller a escoller onde quere parir”.  Lourenzo valora o que está acontecendo como unha manobra para desmantelar o hospital comarcal baixo criterios de aforro e ideolóxicos. “Vemos que minten nas listas e derivan xente á sanidade privada ou concertada”.

A resolución da Consellería de Sanidade pode afectar a unha área de 30.000 habitantes aproximadamente, ademais de xente doutras comarcas por teren perto o hospital de Verín. Outros hospitais comarcais tamén viron centralizados algúns dos seus servizos en hospitais provinciais. Os profesionais estiman que as medidas de aforro en sanidade da Xunta, acabarán por eliminar os centros hospitalarios comarcais. “Serán como centros de saúde máis grandes, así de simple” sinala unha fonte sindical.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 SAN ANTONIO

onte o hospital era un autentico caos un monicomio verdadeiro, ben onte e antrantonte igualiño centos e centos de persoas aglomeradas nas urxencias a cousa non andaba mellor noutros servizos e alguns preocupados POLOS NENOS NON NASCITURUS DO VERIN!!!

1 noxoTodo

Tamén se podería incentivar con algún complemento por parte do sergas aquelas plazas que non quere ninguén, como as de pediatras en Verín. Non é normal que un acto fisiolóxico, completamente natural para unha muller, teña que facelo recorrendo tanta distancia. Os pediatras aducen que non se sinten seguros no paritorio de Verín, i é certo que os partos están moi por debaixo dos mínimos esixidos para considerar que o acto médico é seguro. Se ocurrira algo, os médicos quedarían exonerados de responsabilidade porque avisaron que non se sentían seguros. Pringarían son os directivos do sergas por non atender ao peche do paritorio.