Concello de Santiago e USC acordan estratexias para humanizar o Campus Vida

As accións estarán en marcha no primeiro trimestre do ano e o goberno local incluirá unha partida de 400.000 euros nos seus orzamentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O mantemento e humanización do Campus Vida ou a cesión de parcelas e inmobles pendentes entre Goberno local e Universidade de Santiago abordaranse a través dun protocolo de colaboración que subscribirán o Concello e a institución académica en xaneiro do próximo exercicio.

Así o acordaron este martes nun encontro entre o rexedor local, Xosé Sánchez Bugallo, e o reitor da Universidade compostelá, Antonio López, e que dá continuidade á comisión de seguimento de todos os asuntos de interese mutuo entre ambas as institucións constituída hai uns meses.

A idea clave dese protocolo é fixar un marco de relación e colaboración para darlle solución a todas estas demandas, carencias e necesidades en materia de regularización patrimonial, cesión de parcelas e accións de mellora.

Entre os temas que quedarán resoltos atópanse as respectivas cesións da Casa de Elisa e Jimena e do edificio que ocupa a actual Facultade de Odontoloxía, propiedades da USC e do Concello, respectivamente. Así mesmo, o Goberno local asumirá parte das accións da sociedade 'Uninova', participada entre ambas as institucións, para pasar a ser a entidade maioritaria a partir do próximo ano.

A pesar diso, a prioridade e o máis inmediato será solucionar a situación do Campus Vida da Universidade de Santiago. O reitor Antonio López explicou, en declaracións aos medios, que están a analizar os pasos a dar e as obras necesaria, pero que as actuacións irán encamiñadas á humanización do conxunto.

Entre as accións previstas atópase a mellora da iluminación, limpeza de árbores que reducían a visibilidade, a seguridade, accións en beirarrúas e rúas, e dar visibilidade á chamada 'senda segura', que conecte as residencias, as principais facultades, a biblioteca Concepción Arenal e o resto da cidade.

Unha das principais novidades radica na intención de liberar zonas de aparcadoiro nas zonas que se sitúan ante as facultades de Dereito e Farmacia (en concreto "as franxas do medio") para mellorar a seguridade viaria, que actualmente provoca dificultades para o paso de vehículos (sobre todo os autobuses).

Neste sentido, ambas as administracións estudarán alternativas de aparcadoiro e buscarán contactos con outras institucións ou entidades.

PRIMEIRO TRIMESTRE

Bugallo destacou a USC como "aposta estratéxica de futuro" e "parte esencial da historia e conformación de Santiago". Así, segundo insistiu, este novo protocolo axudará a afianzar aínda máis estas relacións e a darlle solución ás "necesidades" e accións pendentes no Campus.

O alcalde sinalou que as contas de 2020 incorporarán unha partida de 400.000 euros para estas actuacións, principalmente aquelas accións que se levarán a cabo no Campus Sur. En todo caso, as medidas estarán "en marcha" no primeiro trimestre do ano, incluída a cesión da Casa de Elisa e Jimena.

Reunión entre o reitor da USC, Antonio López, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
Reunión entre o reitor da USC, Antonio López, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta