Nace GCdiario, a edición en castelán de Galicia Confidencial

O GC é o primeiro xornal diario en galego en sacar unha edición diaria en español. Segue así os pasos doutros grandes xornais de Euskadi ou Cataluña, como o Naiz.euz, Elnacional.cat ou Ara.cat .

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial, o primeiro medio en galego e un dos xornais dixitais máis lidos de Galicia, segue crecendo. E, desta volta, é tamén o primeiro xornal xeralista en galego en sacar unha edición diaria en castelán, o GCdiario

Un dos lemas de Galicia Confidencial
Un dos lemas de Galicia Confidencial

GC segue así os pasos doutros grandes medios de Cataluña ou Euskadi como son o caso do vasco Naiz.euz ou os cataláns Elnacional.cat ou Ara.cat, tamén, medios dixitais dos máis lidos nestas nacionalidades históricas.

Logo de marcar un fito na prensa galega en 2017, cando Galicia Confidencial se situou como o terceiro xornal de Galicia e se consolidou como o primeiro en lingua galega, este medio continúa en 2019 como a principal alternativa informativa en Galicia a La Voz e Faro de Vigo.

A auditora de sitios web Alexa, do Grupo Amazon, volve situar en 2019 a GC como un dos principais medios de comunicación de Galicia e consolídase como líder da prensa en lingua galega. De feito, vén experimentando un espectacular crecemento nos últimos tempos, superando na clasificación de Alexa a cabeceiras tradicionais —con edicións en papel— como La Opinión da Coruña, La Región de Ourense ou El Progreso de Lugo máis Diario de Pontevedra, todos eles pertencentes a importantes grupos de comunicación con enorme capital e numerosas axudas económicas das administracións públicas. 

CRECEMENTO

Este crecemento ten distintas explicacións. Por un lado, GC ampliou o seu equipo, ao mesmo tempo que se asociou con catro novos xornais en galego de ámbito comarcal que apareceron a mediados de 2018: Xornal de Vigo, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Lugo Xornal. Esta colaboración permitiu enriquecer os contidos de GC coa información de proximidade destes novos medios, grazas ao acordo de cooperación con estes xornais.

Portada do GCdiario
Portada do GCdiario

A isto hai que sumar o crecemento en redes socias. GC é o xornal en galego con máis seguidores (62.000 en total, entre Facebook, Twitter e Instagram), sendo o primeiro en lingua galega que superou os 60.000. Tamén o grande impacto que teñen as publicacións de GC, tanto nas interaccións nas redes sociais (supera, por exemplo, en engagement en Facebook a todos os demais xornais en galego, segundo datos da propia compañía), como polo número visitas, cun millón de usuarios únicos no noso sitio web, segundo datos de Google Analytics.

16 ANOS INFORMANDO

O 28 de outubro de hai 16 anos botaba a andar www.galiciaconfidencial.com. Entón o facía como un blog persoal do xornalista e hoxe director do medio Xurxo Salgado. Desde aquel primeiro post sobre os problemas no Executivo de Fraga ata hoxe pasaron xa tres presidentes diferentes por San Caetano. Durante todos estes anos, xurdiron novos medios en galego pero pecharon outros emblemáticos.

En Nadal de 2009, o GC deu un salto cualitativo técnico e informativo e duplicou a súa audiencia. Hoxe, o GC é un dos medios de referencia de políticos, xornalistas, funcionarios, empresarios ou estudantes e é o xornal xeralista en galego máis lido e máis antigo na rede.

Pola súa portada pasaron os feitos máis significativos de toda unha década en Galicia  e numerosas sinaturas de dirixentes políticos, destacados escritores e poetas, dirixentes sindicais e sociais, xornalistas, historiadores, arqueólogos, empresarios e cidadáns anónimos.

Durante estes anos, o Galicia Confidencial pretendeu ser a conciencia informativa da actualidade galega. Por iso, as súas informacións foron críticas cos poderes establecidos —Goberno de Fraga, bipartito ou Executivo de Feijóo—, pero "sempre co obxectivo de tentar que a honestidade e a transparencia rixan os códigos éticos dos nosos gobernantes políticos e económicos". "A nosa intención non é buscar inimigos nin publicar informacións incómodas, senón dar a coñecer o que, como xornalistas, consideramos que os cidadáns libres deben coñecer", recóllese nos obxectivos xornalísticos do GC.

Por iso, este medio apostou por potenciar a función social e humana das novas e por practicar un xornalismo liberado de intereses económicos, partidos políticos, sindicatos ou grupos de poder. "Xornalismo sustentable". Ese é o lema deste medio que en 2009 puxo en marcha un muro de pago pioneiro en Galicia, o GC Plus, unha sección de noticias de investigación pechada e de pago para aqueles lectores que, realmente, confían nun xornalismo sen ataduras de ningún tipo e que contribúen de xeito anónimo e solidario ao mantemento deste medio. Un sistema que dez anos despois, hai uns meses, tamén activaron outros xornais como La Voz de Galicia ou Faro de Vigo.

Xornais de Lugo e Galicia Confidencial.
Xornais de Lugo e Galicia Confidencial.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Gamela

Reflexión sobre os "nichos de mercado" e o nacemento do novo xornal en papel de SermosGaliza // https://youtu.be/nA5b3ZS6RM0?t=9m35... // Seica xa acadaron os 3.000 suscritores e hoxe lanzan Nós Diario https://www.galiciapress.es/texto-d... O que resulta curioso é ver como os 19 comentarios ao pé desta nova en GaliciaPress están feitos na edición en castelán (e non na súa edición en galego) // Creo que o proxecto de GaliciaConfidencial é moito máis asequibel e deberamos sumar forzas para mantelo ben arriba neste novo MERCADO DE MERCADERES (?)

4 Gamela

Respecto ao Muro de Pago que están utilizando Medios pouco recomendables -LVG e FdV- NON parece ser un camiño sensato en tempos de precariedade... Aínda que se alguén ten dereito a COBRAR por informar será quen NON recibe subvencións de partidos, sindicatos nin gobernos: GaliciaConfidencial é LIBRE grazas a non ter débedas con ninguén (agás as súas propias débedas e gastos de funcionamento que deberan ser sufragados, en parte, polos lectores) VALORANDO -con cautela esta nova andaina- penso que os vellos lectores temos unha débeda con GC e non fora mala cousa ser mínimamente agradecidos a quen nolo deu todo "gratis et amore". Se QUEREMOS SEGUIR MANTENDO UN MEDIO LIBRE E INDEPENDENTE EN GALICIA cómpre rascar o bolsillo (4 euros ao mes, non son siquera dúas cañas!) supoño que tódolos militantes da UPG teránlle algo máis de amor a Galiza que dúas cañas! A ver se é certo que valoramos o que é noso?

3 Trolls

O que irão fazer os trolls hispánicos? Trolling na versão castelhana? Trolling na versão galegoide? Trolling em ambas? Dá-me que alguns hão ter duplo trabalho... Já a sério, o que faz falta é uma versão em inglês para comunicarmo-nos com o primeiro mundo.

1 ga nham

Moito correto o que dis

2 Arangután

Agora só lle falta Mellorar moito pero que moitirmo a súa Calidade Xornalística e deixar de usar o Traductor de textos...que teña tanta Audiencia só indica a Hexemonía do Frikigamelismo neste país...e o da versión en español, máxime tendo en conta a case total ausencia de visibilidade do galego na rede, non o vexo nada pero que nada claro...Galiza non pode permitir-se tais Luxos (como si Euskadi ou Catalunya, cunhas Línguas proprias moitirmo mais Fortalecidas).

1 Gamela

Manda carallo, teño a alma divida! Nunca pensei que chegaría este momento, e posiblemente a outros lectores sucédalle o mesmo, ate hoxe sabíamos que estabamos a defender o único medio libre en galego, e agora co salto ao castelán perdemos algo (e gañamos algo tamén) (?) Comprendo perfectamente que GaliciaConfidencial ten que seguir MEDRANDO, e sen dúbida, centos de milleiros de novos lectores achegaránse ao GCDiario que hoxe nace... NORABOA POR ABRIR GALICIA AO MUNDO !!! Tamén sei que haberá quen non comprenda os motivos desta nova cabeceira, pero a todos os que busquen "traicións lingüísticas" diríalles que VALOREN o GRAN TRABALLO que GC leva feito a prol da lingua galega dende hai DEZ ANOS LONGOS! Sobre todo pola súa autonomía informativa que fixo del o mellor medio de comunicación en lingua galega! Galicia Confidencial é xa un MEDIO INDEPENDENTE no Mundo da Comunicación. Deséxolle a mellor das Singladuras ! Gamela