Feijóo e a súa política lingüística ou como matar un idioma por decreto

Defensores do galego denuncian o ataque "furibundo" contra o galego desde a Xunta de Galicia. Ven os datos IGE sobre o uso da lingua como unha terxiversación da realidade, mentres que a Consellería de Cultura teima en que reflicten un estado das cousas inmellorable. Por outra parte, empresarios galegos cren que non existen barreiras ao uso do galego para a exportación.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As recomendacións enviadas desde o Consello de Europa (CE) sobre a situación do galego chegaron ao Parlamento o pasado mércores 18 de decembro. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, insistiu en que o galego é a lingua cooficial máis falada. A oposición puxo en dúbida as afirmacións de Rodríguez ademais de estea cuestionando o documento do CE.

Alumnos nunha escola - Arquivo
Alumnos nunha escola - Arquivo

O abandono do galego por parte de xeracións máis novas non é un fenómeno recente. Non obstante, persoas vinculadas á promoción e defensa do galego, consideran que o actual modelo educativo é un ataque furibundo contra a lingua como non se tiña visto. Mesmo para profesionais do ensino, o decreto do ano 2010 ten resucitado vellos complexos de inferioridade que estaban comezando a retroceder.

AGRESIÓN CONTRA O IDIOMA

Con Fraga había unha apariencia de que as cousas ían ben, agora hai unha agresividade moito máis aberta” di Marcos Maceira, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística. “O documento do Consello de Europa fai mención específica á situación que vive Galicia con respecto da súa lingua”. Desde a Mesa interpretan as recomendacións do CE como unha clara mensaxe para a retirada do decreto da Lingua de 2010.

O decreto foi un retroceso en relación aos poucos avances que se tiñan feito en materia lingüística, interpretan tanto desde A Mesa como algúns profesionais do eido educativo. “Pasamos dun 20% a un 24% de mozos e mozas entre 5 e 15 que non teñen destrezas en galego” di Maceira. “Dentro do meu alumnado hai mozos e mozas que non son capaces de pronunciar o “n velar” (unha) ademais dunha perda de léxico ata o punto de moitos non saberen que é o “colo” sinala Marta Dacosta, profesora de lingua galega en Gondomar.

Ou titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA
Ou titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA

A Consellería de Cultura, departamento do que depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, defende o alto grao de galego falantes fronte ao que acontece con outras linguas cooficiais. “Hai unha maior porcentaxe que nunca de persoas que falan ou len en galego e un dato que non é menor, o galego é a lingua cooficial que máis se usa en España", apuntou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez o pasado 18 de decembro en sesión parlamentaria a preguntas da oposición.

Román Rodríguez apuntaba tamén que o Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrecía datos moi favorables ao uso do galego e ás elevadas porcentaxes de falantes. “Sobre os datos do IGE a Consellería queda soa, a maioría de galego falantes son persoas maiores mentres que coa xente nova hai unha ruptura interxeracional” di Maceira.

O 19 de decembro a plataforma Queremos Galego convocou manifestacións dentro das sete principais cidades galegas. “Hai unha sociedade que se mobiliza e creo que hai máis conciencia coa lingua” di Maceira que remata “quen tiña que estar na primeira fila dunha manifestación a prol do galego debera ser o presidente da Xunta”.

O GALEGO NON VALE PARA NADA?

Manuel Vázquez Cobo presidente da Rede Galega de Empresas, recoñece que o uso do galego no sector industrial é deficitario tanto en publicidade e escrito. “O comportamento diario dos empresarios falando entre eles e traballadores é en galego”. Vázquez non ve discriminación sobre empresas que usen o galego, mais si que a presión do castelán é case impositiva. “Coas nosas empresas non tivemos problema co uso de galego, mais moita documentación vén en castelán o que obriga a responder en castelán”.

Benigno Pereira, xerente de Queixos Bama, menciona que “o primeiro queixo que sacamos ao mercado xa ía etiquetado en galego, nese sentido non tivemos problemas agás algún inspector en Madrid que reclamaba todo en castelán, cousa que logo recorríamos e nos daban a razón”. Benigno Pereira sinala que a etiquetaxe en galego non é ningún problema. “Depende dos mercados, se nos piden que vaia tamén en inglés irá texto en galego e inglés, se debe ir con outro idioma farémolo, porque nós poñemos por diante a seguridade do cliente”.

Manuel Vázquez cre que as actitudes agresivas contra o galego dentro da empresa son minoritarias, mais teñen peso? “Penso que non, porque a maioría das empresas galegas son bastante igualitarias, si que me gustaría que houbese máis empresas publicitándose en galego”. Ese uso publicitario do galego, feito por empresas con forte presenza no mercado, podería axudar á lingua galega? “Tería unha grande influencia e sería visto con interese pola cidadanía, sería un punto moi bo para a promoción do idioma”.

“Non son amigo das fronteiras mais si do respecto” di Benigno Pereira.  O sector da alimentación é un dos que máis volume move dentro da economía galega. A apertura de mercados é fundamental para a súa supervivencia. “Exportamos queixos galegos, poñer textos noutras linguas coma o ruso non é un problema, eu só pido o mesmo respecto que se me pode pedir a min” di Pereira. “A cultura nace nun contexto onde interactúan os seres humanos coa natureza, iso tamén crea unha maneira de alimentarse e tamén crea unha lingua”.

“Fomos a única delegación en Luanda, Angola, durante un encontro empresarial, fomos a Xangai en China, e os nosos rótulos estaban en inglés e galego e o resultado foi positivo” di Manuel Vázquez. “En Angola contamos que nós viñamos de Galicia, falabamos a mesma lingua e que tiñamos interese en abrir portas no mercado de lingua portuguesa, o resultado foi positivo”. Vázquez ve unha barreira superada dentro do ámbito lusófono, por iso ve necesaria a apertura a eses mercados.

HAI FUTURO PARA O GALEGO?

“Son optimista, cos mozos e mozas que traballo e cos que facemos enquisas dentro do seu ámbito, cando descobren que os textos que len coinciden co léxico que recollen, son conscientes do pouco que falan en galego” sinala Marta Dacosta. “Todos temos responsabilidades, non se pode gobernar contra a lingua” sinala Dacosta en referencia ao decreto de 2010. A reducción de aulas impartidas en galego foi restando falantes dentro dos centros de ensino.

A xente nova sería o relevo natural para a supervivencia dunha lingua, isto non quitaría a introdución doutras linguas no sistema educativo. A aprendizaxe do inglés foi un dos puntos que pretendían xustificar o decreto de plurilingüísmo. “Os diferentes informes do Consello de Europa din que a introducción dun terceiro idioma non debe impedir o desenvolvemento da lingua propia” sinala Maceira. Por outra parte, o presidente da Mesa pola Normalización é consciente de que dentro de partidos como o PP e o PSOE hai persoas concienciadas sobre o galego. “Oxalá saian do armario lingüístico”.

A política lingüística da Xunta de Galicia é, para moitas asociacións a prol da lingua, un ataque directo contra a mesma. Senten que se reavivaron complexos de inferioridade e a maior expresión disto foi o decreto de 2010 para o ensino. Sectores do empresariado non ven obstáculo ningún no uso do galego, considérano unha chave para abrir mercados. Mentres tanto, a administración autonómica defende a súa postura amparándose en datos que outros cualifican de terxiversados.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

2 Galeguiña

Cal é a alternativa que propoñen estes nacionalistas? O que a Carta Europea demanda de España é unha maior presenza nas Administracións públicas (Xustiza, Sanidade...) pero non a costa da eliminación do español neses mesmos espazos. E no ensino acontence o mesmo: a inmersión lingüística na língua rexional minorizada debe ser ofertada mais non obrigatoria para todo o alumnado e as familias deben poder elexir. Así sucede no Reino Unido, Alemaña, Italia ou Finlandia... O modelo catalán de inmersión obrigatoria non ten parangón en Europa. Esa é a realidade que estes de Mesa ocultan aos galegos.

1 Sentidiño

Estes da Mesa? Qué ignorancia! Le o tratado, a ratificación, e os informes periódicos na web do Consello de Europa (coe.int). Logo fala.

1 CastelaoPaSogama

Pedro Sánchez atopou o método perfecto para dividir ao PP en favor de Vox co tema de Franco. Os nacionalistas enarbolan a bandeira da inmersión lingüística, para alarmar a unha parte dos votantes do PP e que o fagan a Vox, que son os únicos que darían liberdade de elección de lingua. As premisas son absurdas: non porque o ensino sexa en galego vai haber mais xente que se pase ou quede nesta lingua, como non se pasan ao inglés malia a súa utilidade ou ter incrementado a presenza. Guste ou non, o galego non ten valor engadido, porque compite co español que ofrece moitísimas máis posiblidades. Carece de futuro porque o decrecemento poboacional haberá que enchelo con xente de fora, respetando a súa cultura, lingua, etc. Dito todo o anterior poñendo porriba os datos empíricos, a realidade, fronte á teoría.

1 Gamela

Discrepo, non carece de futuro cando as cousas fanse ben, a xente de fóra terá que se integrar na cultura e lingua propias do país, mira esta boa experiencia de integración en Galicia e verás que "os de fóra aman máis a lingua que os propios" (?) http://www.galiciaconfidencial.com/...