Volve Internet máis parvos a rapaces e rapazas da nova Xeración Alpha?

Existe a idea de que a exposición dos máis novos a todos os estimulos da Internet pode afectar ao seu desenvolvemento intelectual e neurolóxico. Os educadores son prudentes cando falan deste tema, mais si son testemuñas de cambios actitudinais cara ao ensino dentro dos máis novos. Unha maior interacción entre profesores, pais e alumnos podería ser un avance para evitar efectos secundarios da Internet nos mozos e mozas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os métodos memorísticos no ensino nunca tiveron moi boa prensa, mesmo houbo momentos en que se cuestionou este tipo de aprendizaxe como contraproducente. O paso dos anos fixo chegar libros de texto máis visuais que, ata certo punto, permitía unha interacción entre o alumnado e o soporte en papel. Coa chegada dos medios audiovisuais a interacción entre o que se quería ensinar e o estudantado aumentou. Mais a aparición das tecnoloxías dixitais cunha maior “instantaneidade” de acceso a coñecementos permitiu acelerar procesos de aprendizaxe. Non obstante, poderían os usos da tecnoloxía dixital impedir o desenvolvemento educativo pleno dos máis novos, os bautizados xa como Xeración Alpha, nados na última década e xa completamente nativos dixitais?.

Ilustración en ramanujan25449.blogspot.com
Ilustración en ramanujan25449.blogspot.com

USO E ABUSO DE INTERNET

A porta que ofrece a Internet a coñecementos antes moi difíciles de recoller, tamén abre a posibilidade dun abuso a xeito de sobrexposición á rede. Unha explicación plausible estaría no estilo de interacción entre xente nova e contidos. Dita interacción é máis intensa que con libros de texto por ser a rede unha plataforma totalmente audiovisual. Isto facilita nalgúns casos a comprensión de materias ou conceptos que non comprenderían os mozos e mozas mediante unha explicación “convencional”.

Esta mellora da facilidade para interactuar cos soportes educativos xa se viña practicando desde hai varios lustros. “Todo cada vez é máis visual, contidos moi breves en texto, mais se vas aos libros de texto de hai 30 ou 40 anos, non teñen que ver cos de hai dez anos ou agora que son máis esquemáticos”, di Xesús Bermello de CIG-Ensino. Esa esquematización busca a comprensión inmediata de conceptos sen recorrer a textos extensos.

Mais a resposta inmediata a cuestións académicas ou da vida diaria fai que os máis novos teñan a rede como unha fonte de coñecemento case única. Entre as consecuencias disto estaría o uso ilimitado da Internet. “Temos claro que o abuso das novas tecnoloxías pode levar precisamente a que non haxa unha capacidade de discriminación e retención de conceptos por parte do alumnado” apunta Julio Díaz do sindicato ANPE. O alumnado, por tanto, deixa de lado a retención de coñecementos porque non a ve como imprescindible.

José Manuel Cabezudo, do sindicato STEG, non sente a instantaneidade da rede como tal. As respostas que se poden ter sacar poden non ser válidas, por tanto é necesaria unha busca máis profunda. “O saber dar coa información correcta é algo que lles temos que aprender aos máis novos dentro dos centros de ensino, mais é complicado”. Esa complicación viría dada en gran parte pola necesidade de autorregulación desde o alumnado en canto o acceso a segundo que contidos.

CUESTIÓN DE REDES?

Existe un debate sobre se o uso da Internet por parte das persoas máis novas, non estará limitando as súas capacidades cognitivias e de desenvolvemento tanto a nivel intelectual como neurolóxico. Estaríase cuestionando se existen efectos secundarios polo uso da rede e os soportes que permiten acceder a ela. Este debate si é coñecido en círculos de educadores, mais non se ten trasladado en firme á comunidade educativa, segundo algunhas fontes ligadas ao profesorado de primaria e secundaria.

A cuestión de se a sobrexposición aos estímulos procedentes de computadores, móbiles ou tablets, pode interromper o desenvolvemento neuronal da persoa nos seus primeiros anos, é vista con prudencia desde os profesionais da educación. Hainos que non se atreven a afirmar con rotundidade cambios evidentes dentro das capacidades do alumnado. “Persoalmente, entendo que se pode producir un cambio en como accedemos aos contidos e como se conecta o cerebro” declara Xesús Bermello.

Antes apuntabamos aos cambios de interacción entre alumnos e a rede por ser un medio audiovisual. Este feito non tería que ser unha eiva ou un perigo. A información recibida de maneira auditiva e visual queda máis facilmente retida na memoria. “Os estímulos auditivos e visuais que recibes axudan á creación de redes neuronais no cerebro, que se forman en base a coñecementos” di José Manuel Cabezudo.

A retención de coñecementos  capacita ás persoas de cara resolver situacións na vida diaria e noutros niveis. O uso da capacidade retentiva e a súa aplicación redundaría nunha mellor calidade de vida para as persoas segundo Julio Díaz. “En temas relacionados coa terceira idade, aprender e reter é imprescindible para ter o cerebro funcionando”. Mais tamén estamos diante dun adestramento da capacidade de “discernir e sobre todo diferenciar, criticar e xestionar determinadas situacións que non se fan sentados diante dunha máquina”.

E están formados os máis novos para discernir, diferenciar, criticar e xestionar situacións? Para algúns educadores existen trazos entre as novas xeracións de alumnos de primaria e secundaria, que indicarían unha necesidade de mellora sobre determinados aspectos entre o alumnado. As máis notables serían “unha menor capacidade de regulación de comportamentos, a importancia que lle dean eses alumnos e alumnas á recollida de coñecementos e tamén a falta de tolerancia cara á frustración” sinala José Manuel Cabezudo.

Non todo queda en mans dos estudantes, as familias tamén deberan participar dunha educación sobre o uso de Internet, sinalan estes educadores. Os pais e nais poderían controlar o acceso dos fillos e fillas a determinados contidos e de paso, facer que esta xente nova se relacione cos seus iguais de maneira persoal, non mediante redes sociais. Por tanto, para os educadores é necesario un cambio de actitude cara ao acceso como aos coñecementos que se podan sacar da rede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Efectivamente

Pois eu quedo coa primeira acepción da RAG: "Que ten ou demostra pouca intelixencia ou disposición". Moi apropiada para a rapazada que pasa horas e horas diante dun móbil.

1 Sentidiño

"Volver parvos" non parece a linguaxe máis axeitada... Talvez volvelas menos reflexivas, máis impulsivas, mesmo máis torpes na comprensión de conceptos abstractos... Está por ver. Por desgraza, non seremos conscientes dos efectos ata que pase o tempo.