Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 10:04
Galicia terá este martes avisos de nivel amarelo e laranxa por forte vento con refachos que poden superar os 100 quilómetros por hora nalgúns puntos do territorio e ondas superiores ao cinco metros de altura.
Segundo o Boletín de tempo meteorólogico con avisos publicado por Meteogalicia, recollido por Europa Press, o aviso será amarelo por refachos superiores aos 80 quilómetros por hora ata as 18,00 horas na Mariña, tras o que pasará a laranxa por refachos de máis de 100 km/h; así como no noroeste da Coruña ata as 21,00 horas, tras o que se elevará a laranxa; e todo o día no oeste da provincia coruñesa.
Ademais, desde as 12,00 horas deste martes o aviso será amarelo no interior da provincia de Pontevedra e na da Coruña por refachos de máis de 80 quilómetros por hora; e desde as 18,00 horas no litoral de Pontevedra.
Pola súa banda, tamén desde as 12,00 horas haberá aviso amarelo por refachos de vento superiores aos 70-80 quilómetros por hora no sur e montaña da provincia de Ourense, así como na montaña de Lugo.
Mentres, este martes o aviso será laranxa todo o día no litoral da Coruña por ondas superiores aos cinco metros de altura; e ata as 6,00 horas amarelo no litoral de Pontevedra --tras o que pasará a laranxa-- e na Mariña por ondas superiores ao catro metros --elevarase a laranxa entre as 6,00 e as 15,00 horas--.
TEMPERATURAS
O municipio ourensán de Calvos de Randín rexistrou este luns a temperatura mínima de Galicia, con -5,6 graos centígrados, nunha xornada na que numerosas localidades da provincia tiveron valores baixo cero.
Así consta nos rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, que reflicten que os termómetros baixaron ata os -4,6ºC en Verín; aos -4,2ºC en Baltar; aos -2,3ºC en Viladervós; e aos -2,2ºC en Riós.
Mentres, en localidades de montaña tamén corresponderon os valores máis baixos a municipios ourensáns, como os -2,4ºC en Vilariño de Conso e -1,2ºC na Veiga. Mentres, as temperaturas descenderon aos -0,8ºC en Pedrafita e aos -0,4ºC nas localidades ourensás de San Xoán de Río e Manzaneda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.