Por Alberto Quian | Madrid | 15/01/2020 | Actualizada ás 14:00
Case a metade dos incendios forestais declarados en territorio español peninsular nas últimas cinco décadas producíronse en Galicia; en concreto, o 43,94 % do total de focos rexistrados entre 1968 e 2017. Así o recolle un estudo recente titulado ‘Comportamiento temporal de los incendios forestales en España peninsular’, asinado por investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, do Grupo Mesturas do Departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia ( IIAG-CSIC).
Na España peninsular, segundo datos deste traballo, producíronse ao redor de 590.000 incendios no período estudado –unha media de 11.800 anuais–, sendo Galicia a autonomía que sofre o maior número de lumes, cun 44% dos mesmos, o que equivale a uns 260.000.
Lonxe queda a segunda autonomía máis afectada, Castela e León, cun 12,17%, mentres que A Rioxa e Murcia son as que rexistraron a menor porcentaxe de lumes, con tan só un 0,60% e un 0,66%, respectivamente.
Galicia é a autonomía con maior número medio de incendios por unidade de superficie, cunha taxa anual de 0,180 por quilómetro cadrado
Sobre a ocorrencia de incendios por comunidades autónomas, os datos reflicten que Galicia é o territorio con maior número medio de incendios por unidade de superficie, cunha taxa anual de 0,180 por quilómetro cadrado e total de 83,189, moi por enriba de Asturias, segunda autonomía máis afectada, con 0,0877 e 40,403, respectivamente. Mentres que Aragón e Castela-A Mancha son as que presentan mellores taxas, cunha ocorrencia de incendios anual media de 0,0050 e 0,0055, e total de 0,239 e 0,274, respectivamente.
COMUNIDADE AUTÓNOMA |
Nº de incendios medio (%) |
Nº de incendios anuais/superficie (km2) |
Nº de incendios totais/superficie (km2) |
Andalucía |
6,92 |
0,0092 |
0,430 |
Aragón |
2,13 |
0,0050 |
0,239 |
Asturias |
7,96 |
0,0877 |
40,403 |
Cantabria |
2,85 |
0,0625 |
28,856 |
Castela e León |
12,17 |
0,0159 |
0,717 |
Castela-A Mancha |
4,45 |
0,0055 |
0,274 |
Cataluña |
4,77 |
0,0178 |
0,808 |
Comunidade Valenciana |
3,50 |
0,0180 |
0,829 |
Estremadura |
5,29 |
0,0148 |
0,682 |
Galicia |
43,94 |
0,1805 |
83,189 |
Madrid |
1,67 |
0,0240 |
10,992 |
Murcia |
0,66 |
0,0067 |
0,309 |
Navarra |
1,89 |
0,0280 |
10,413 |
País Vasco |
1,21 |
0,0212 |
0.959 |
Rioxa |
0,60 |
0,0143 |
0,658 |
Entre 1974 e 2010, Galicia sumou 1,6 millóns de hectáreas arrasadas, equivalente ao 54,4 por cento do territorio galego, segundo outro estudo
Outro traballo de investigación anterior, do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA, indicou que o sur de Galicia é a zona do Estado con maior incidencia de lumes forestais entre 1974 e 2010, sendo as provincias de Pontevedra e Ourense as que concentraron unha maior densidade de incendios e máis hectáreas calcinadas.
Galicia sumou nese período case a metade dos incendios en todo o territorio peninsular do Estado e 1,6 millóns de hectáreas arrasadas, o 20 por cento do total calcinado en España, superficie equivalente ao 54,4 por cento do territorio galego.
En relación con isto, un traballo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) sobre a sustentabilidade dos bosques en España a escala provincial alertou de que os bosques e montes das provincias de Pontevedra e Ourense están entre os máis ameazados en todo o Estado, sendo a excepción no norte.
Máis detalladamente, este estudo mostrou que os ecosistemas forestais máis sustentables están nas provincias do centro e norte de España, agás en Galicia, onde Ourense, Pontevedra e A Coruña –aínda que esta última, en menor medida– son as tres provincias co peor índice de sustentabilidade en todo o terzo norte e atópanse entre os peores en toda España, xunto con áreas da costa mediterránea e zonas próximas a grandes cidades do interior.
Galicia é, ademais, o territorio máis afectado por grandes incendios. En 2017, por exemplo, catro de cada dez grandes lumes en España foron declarados en territorio galego e queimaron o 42% do total ardido no Estado, segundo o informe sobre incendios forestais que publica anualmente a Comisión Europea.
Ese ano, o 73,21% dos grandes incendios forestais e o 74,54% da superficie queimada localizáronse na zona noroeste peninsular. Só no mes de outubro, houbo 31 grandes incendios –o 55% do total anual–, todos eles no noroeste, a maioría en Galicia, onde a maior parte ocorreron nas provincias de Ourense e Pontevedra, con 11 e 9, respectivamente; Lugo sufriu tres e A Coruña, ningún. 22 dos 23 grandes incendios concentráronse no mes de outubro e 17 rexistráronse o fatídico domingo 15 dese mes, cando se iniciou a vaga de lumes que puxo media Galicia en xaque e cobrouse catro vidas humanas.
A España peninsular tivo unha taxa de crecemento no número de incendios entre 1968 e 2000, mentres que presenta unha diminución dos lumes a partir do ano 2001
MENOS INCENDIOS, PERO MÁIS VIRULENTOS
Aínda que a percepción poida ser outra, os datos recollidos polos investigadores das universidades galegas mostran que o número de incendios foi descendendo nas últimas dúas décadas e son menos que en anos anteriores. A España peninsular tivo unha taxa de crecemento no número de incendios entre 1968 e 2000, mentres que presenta unha diminución dos incendios a partir do ano 2001.
Esta tendencia vai na liña doutros estudos, que demostran que o número de incendios se reduciu nas últimas décadas, tanto en España como no conxunto de Europa, aínda que a súa virulencia aumentou, principalmente por mor dos efectos do cambio climático.
Así, por exemplo, un estudo internacional dirixido polo climatólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé indica que un menor número de incendios forestais concentrou cada vez máis superficie queimada en España, Portugal, Francia e Italia, sendo os países da península ibérica os que mostran tendencias significativas crecentes, cun incremento do 7,6% (Portugal) e do 1,3% (España) por década. En Galicia, a tendencia é máis pronunciada que no resto de España, cun aumento do 2,7%.
Tamén o EU Science Hub –servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea emitiu un comunicado que alertou de maiores e máis intensos incendios no futuro e das graves consecuencias que terán para a saúde pública pola contaminación do aire. Fíxoo logo da vaga de lumes de outubro de 2017 en Galicia e Portugal.
O informe anual sobre incendios forestais do Centro Común de Investigación, máis coñecido como JRC (en inglés, Joint Research Centre) confirmou unha tendencia cara a tempadas de incendios máis longas e intensas en Europa e rexións veciñas, con incendios forestais que se sucederán ao longo de todo o ano e non só en tempada cálida.
O SUR DE EUROPA, O MÁIS AFECTADO
Os datos manexados polos investigadores das tres universidades galegas e do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas para o período 1981-2016 indican que, dunha media anual de 74.000 incendios forestais en Europa, máis do 75% ocorreu en países do sur, como Portugal, España, Francia, Italia, Grecia, Croacia e Turquía.
A media de incendios anuais por unidade de área en Galicia está por enriba da de calquera país europeo dos analizados, agás da veciña Portugal
Portugal mostra a media anual máis alta de incendios, cun 30% do total, mentres que España alcanzou o 23%; é dicir, máis da metade dos lumes rexistráronse na península ibérica.
A media de incendios anuais por unidade de área en Europa foi de 0,022 por quilómetro cadrado, obtendo o valor máis alto de Portugal cunha taxa de 0,24. O dato illado para Galicia (0,180) sitúa a incidencia dos lumes só por baixo da portuguesa, estando moi por enriba –oito veces máis– do conxunto europeo e tamén do español (0,033) –5,4 veces máis–. De feito, a media galega está por enriba da de calquera país dos analizados, agás da veciña Portugal.
En conxunto, segundo os datos deste estudo, Europa mostra unha taxa de crecemento no número de incendios entre 1990 e 1998, diminuíndo a partir de 2001.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.