Denuncia colectiva contra o policía local de Pontedeume por patear un michiño moribundo

Ata doce entidades de protección animal piden que investigue ao axente.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/01/2020 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

Un total de doce organizacións e asociacións dedicadas á protección animal en Galicia interpuxeron unha denuncia colectiva no rexistro no Concello Pontedeume, así como no da Policía Local, contra o axente que pateou a un michiño que acaba de ser atropelado na vía pública e que estaba moribundo. A escea foi gravada por varios estudantes que, nese momento, estaban nun autobús escolar. 

Axente da Policía Local de Pontedeume aparta co pé da estrada un gato ferido logo de ser atropelado.
Axente da Policía Local de Pontedeume aparta co pé da estrada un gato ferido logo de ser atropelado.

Nun comunicado conxunto, as asociacións denuncian o comportamento do policía, polo modo no que se desfixo do animal sen prestarlle axuda nin "asistencia veterinaria". Tamén denuncian que o seu xeito de actuar incumpre "de xeito claro varios puntos da Lei 4/2017 do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañia en Galicia, así como os artigos 337 e 337bis do código penal, onde se expresa con claridade que o gato, nese momento estaba á súa mercé e foi abandonado sen ofrecerlle ningún tipo de asistencia", segundo explica o comunicado.

As doce entidades tamén reivindican "unha formación continua e especializada en benestar animal aos axentes da autoridade" e solicitan ao Concello que impoña ao axente "a sanción oportuna". Ademais, piden "que tanto desde o Concello como desde a Policía Local, se chegue ata o fondo do asunto e eleven ás autoridades pertinentes o caso".

Entre os asinantes da nota figuran a  Asociación por un Comportamento Ético cos Animais (Cometa), InDiCan Iniciativa Dignidad Canina, Asociación Protectora de animales El Hogar de Wilbur, Asociación Benestar Animal Cedeira (ABAC), Asociación Protectora de gatos da rúa Michos de Lugo, Asociación Protectora de Animais Valadouro Alfoz,  Asociación Asistencial de Protección de Animales de Foz, Apadan, Asociación Protectora de Animales Domésticos Abandonados del Noroeste, Asociación Protectora de Animales A.P.A Gatocan, Asociación Asistencial Protectora de Animais Bigotes Burela e a Asociación Protectora de Animales Coletiñas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta