Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/09/2012 | Actualizada ás 16:31
A suba do IVE nos libros de texto e materiais pedagóxicos e os recortes xeralizados na Educación están a afogar ás familias con menos recursos económicos. Un dos maiores problemas atópase na adquisición de libros. Segundo datos da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), un de cada tres escolares en España non poderá ter todos os libros este curso e terán que recorrer a alternativas como os mercadños de libros ou os préstamos entre as propias familias. Por iso, Piratas de Galicia, xunto cos seus colegas de Cataluña e Madrid, puxo en marcha un portal web con ligazóns p2p onde todas as familias poderán acceder aos materiais que precisen.
Para conseguir o material só hai que acceder á url piratasdegalicia.org/
De momento, o portal ofrece material en galego, catalán e castelán, e cada día engádense novos contidos accesíbeis ás familias.
A iniciativa foi posta en marcha co lema "De volta ao cole, ningún neno sen libros" e é posíbel grazas á colaboración de Piratas de Holanda, República Checa e Serbia. A nivel global, o proxecto recibe o nome "Parents 2 Parents" ("De pais a pais"), en alusión á tecnoloxía p2p, que permite a compartición de arquivos entre persoas.
"Grazas a esta tecnoloxía, o eventual bloqueo da nosa páxina web por parte das autoridades (por aplicación da lei Sinde-Wert) non poderá deter o acceso aos materiais", explican os responsábeis do proxecto.
Os Piratas entenden que o acceso á cultura e ao coñecemento debe ser universal e é un "requisito indispensábel en calquera estado democrático" e, polo tanto, un dereito de todos os cidadáns. Precisamente por iso, consideran que "o ensino ten que basearse en materiais libres creados por profesionais do ensino, e non no modelo actual de compra ou aluguer de materiais a un pequeno grupo de empresas editoriais".
O colectivo lembra tamén que "compartir sen ánimo de lucro é legal, e non se corre ningún risco como as editoriais e a industria cultural queren facer crer", advirten.
Por todo isto, os Piratas convidan "a toda persoa interesada na mellora da educación a darse de alta na web e a completala cos materiais que atope dispoñíbeis na rede, ou ben de creación propia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.