Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 20/09/2012 | Actualizada ás 11:41
O Music Way, que se celebra os días 28 e 29 de setembro no Recinto Feiral de Amio (Santiago de Compostela), cerra cartel coa incorporación de We Are Standard e Os Resentidos. O grupo de Getxo de dance-rock, que ten un dos directos máis enérxicos da Península, actuará o venres, día ao que tamén se incorporan os djs Nasty Mondays, famosos polas súas salvaxes sesións con alento rock. Pola súa parte, o grupo capitaneado por Antón Reixa volveu aos escenarios logo de 18 anos de parón para recuperar temas como “Fai un sol de carallo” ou “Galicia sitio distinto”, que os converteron no grupo máis influínte da historia do rock en galego.
O programa do venres 28 está encabezado por Manic Street Preachers, grupo icónico da música británica de guitarras con máis de dúas décadas en activo. Con eles estarán The Courteeners, We Are Standard, Holywater, Maryland e Nasty Mondays. O sábado 29 actúan The Hives, unha das bandas responsables de pór no século XXI no ollo do furacán musical o rock garaxeiro. Xunto a eles estarán Os Resentidos, Heredeiros da Crus, Layabouts, Munich, The Cornelius e Independance Djs. Os dous días as portas ábrense ás 17:30h e os concertos arrancan ás 18h.
We Are Standard, Os Resentidos e Nasty Mondays
En seis anos de traxectoria, We Are Standard situáronse como abanderados da escena indie española, sinalados como tales por medios británicos como Q Magazine, The Guardian, Metro ou Nylon. Os de Getxo practican un son entre o dance rock e o punk funk, que foi evolucionando ao longo dos seus discos e os seus innumerables directos. A finais de 2011 publicou o mini-LP Great State: unha rave con guitarras, ritmos rompepistas e riffs con cheiro a clásico, melodías eternas e arranxos que as multiplican por mil, presentadas en concerto con sección de ventos e coros gospel. Un novo xiro ao seu espectacular directo.
18 anos despois da súa última actuación, Os Resentidos volveron en 2012 aos escenarios para reivindicar o seu papel clave no rock en galego. Os Resentidos desenvolveron unha carreira musical que deu para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e un bo feixe de cancións perennes como “Galicia sitio distinto”, “Jei!”, “Manda Carallo”, “Sector naval” ou “Galicia Caníbal (Fai un sol de carallo)”, un himno bastardo que traspasou fronteiras e xeracións. Con letras críticas e irreverentes revestidas de rock esquimal, funk depresivo, rap, pop e folk, cantan en galego e para o mundo, sen complexos e con vocación expansionista. A súa proposta marcou unha época, logrou celebridade fóra de Galicia e influíu de maneira determinante nas xeracións vindeiras do rock galego.
Nasty Mondays é un pretexto para bailar, cantar e berrar. É unha festa directamente relacionada coa escena skate, surf e snowboard na que soa rock, pop, indie, garage, 80´s e electro rock. Desde Led Zeppelin, The Killers, Mötley Crüe, Daft Punk e Johnny Cash a Joy Division. A festa naceu en 2004 nun frío luns de inverno na rúa Escudellers e foi medrando ata atopar a súa casa e identidade en Apolo. Madmax e Sören son os encargados de enlouquecer ao público coa súa selección musical, os seus torsos tatuados e as súas maneiras de estrelas do rock.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.