Por Galicia Confidencial | Braga | 10/02/2020 | Actualizada ás 09:00
“Braga, ao acoller a Capital da Cultura, renova o seu compromiso con este proxecto do Eixo Atlántico que consideramos fundamental desde o punto de vista da repartición de experiencias, de proxectos, de identidade con este gran territorio que é a eurorrexión, na que sentimos plenamente integrados”. Foron parte das verbas de Ricardo Río, alcalde de Braga e novo presidente do Eixo Atlántico, na cerimonia de apertura da Capital da Cultura do Eixo Atlántico - Braga 2020 que tivo lugar o pasado sábado no Altice Forum de Braga.
E o certo é que Braga foi a capital da música tradicional, tanto galega como portuguesa, da vella Gallaecia esta fin de semana cun gran concerto que arrincou cos acordes de “Fazer o Piñeiro” do recoñecido músico portugués Daniel Pereira Cristo. A súa actuación puxo en pé ao público cando acabou cunha canción de Zeca Afonso.
Despois foi a quenda de Sondeseu, unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. A música de Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, ou José Enrique Comesaña Pedreira, entre outros compositores, acenderon a un público entregado que abarrotou o Altice Fórum de Braga. Até unha ducia de temas foron salpicando a súa actuación de máis dunha hora , colofón de exaltación da música popular, tanto galega como portuguesa, onde as emocións pasaban de temas intimistas, até a celebración máis alegre e desenfadada.
Rodrigo Romaní e Daniel Pereira Cristo dirixíronse ao público para agradecer non só que fosen os elixidos para a inauguración, “senón pola oportunidade de formar parte de dous territorios que levan unha vida en común e pór en conxunto a riqueza musical e cultural da eurorrexión”.
A programación deseñada para este ano inclúe 52 eventos de referencia do Municipio de Braga e un conxunto de novas iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia. A tipoloxía dos eventos abarca Cultura Urbana; Artes plásticas: pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, ourivaría, artesanía; Música contemporánea, clásica, Ópera e Folk; Poesía; Teatro; Cinema; Exposicións; concertos; encontros de industria cultural; fotografía ; encontros sectoriais do mundo da cultura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.