Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/02/2020 | Actualizada ás 16:51
A traballadora despedida estaba someténdose a un tratamento de reproducción asistida. Ela mesma comunicou á coordinadora do centro comercial o seu caso e que para iso, necesitaría ir a varias citas médicas, mesmo tería que faltar días. Segundo a CIG, a empresa Mercadona recolle dentro do seu convenio este tipo de tratamento. Non obstante, o sindicato acusa á empresa de aplicar o seu propio convenio de maneira arbitraria.
Así, denuncian que cando a traballadora iniciou o cambio de quendas para asistir ás citas médicas, “a coordinadora comezou a porlle trabas, malia facer eses cambios para non ter que perder horas de traballo”. Segundo explicou a traballadora, existían reticencias da empresa porque o tratamento para fecundación invitro podería esixir unha baixa de dous anos. A explicación que lle vía a afectada é que Mercadona non quere pagar a baixa.
Por outra parte, a traballadora, que estaba naquel momento na área de marisco e peixe, fixo unha baixada de prezo, algo habitual para que os clientes merquen e non se perda produto fresco. A mesma empregada mercou e pagou en caixa un bogavante “algo que é legal e que fai todo o mundo” segundo explica. Ese mesmo día lesionou un xeonllo polo que tivo que comunicar á mutua aseguradora a lesión para solicitar unha baixa.
De acordo co testemuño da despedida, a mutua negouse a darlle a baixa, aplicando a política de tres días de repouso que ten Mercadona para quen estea enfermo ou sufra unha lesión. En vista da negativa a recibir a baixa, a empregada asistiu ao seu médico de cabeceira quen si lle fixo o parte de baixa para levar á empresa. O parte foi entregado o 12 de abril pola mañá e ese mesmo día pola tarde, foille entregado o despedimento por burofax. As causas do despedimento que alegaban desde Mercadona-Novo Milladoiro foi que a aludida “roubara marisco”.
Nestes momentos estase en espera de xuízo do que se prevé a súa celebración o día 12 de abril. Mentres, representantes sindicais estiman que neste caso, o comportamento do persoal directivo seguiu un patrón de comportamento semellante a outros casos de empregados e empregadas despedidas, sen dar baixas por lesións, sen cumprir os convenios asinados e acoso a persoal que consideran “conflitivo”.
A propia Mercadona explicou nun correo electrónico enviado a Galicia Confidencial, que non poden transmitir ningunha información sobre o caso. Alegan que a normativa non permite subministrar ningún tipo de información que teña datos de persoas identificables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.