Por Alberto Quian | Madrid | 20/02/2020 | Actualizada ás 14:00
Pseudomonas aeruginosa é unha bacteria oportunista (aprovéitase dun sistema inmune debilitado) que representa unha das principais causas de pneumonía nosocomial, a segunda infección de orixe hospitalaria, asociada a unha alta mortalidade. Trátase dunha superbacteria, é dicir, cepas que desenvolveron tal capacidade de resistencia aos antibióticos, que estes lles resultan inocuos.
A comunidade científica xa alertou de que a resistencia aos antibióticos será unha das maiores ameazas para a saúde pública mundial nesta década e vindeiras. A causa: un fenómeno natural polo que as bacterias se van facendo cada vez máis resistentes aos fármacos, proceso que se acelerou polo uso abusivo de antibióticos en humanos e animais.
No ano 2050 haberá no mundo máis mortes relacionadas con infeccións causadas por superbacterias resistentes que por cancro
A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa advertiu de que no ano 2050 haberá no mundo máis mortes relacionadas con infeccións causadas por superbacterias resistentes que por cancro. De feito, este organismo supranacional estima que a mediados deste século a resistencia a antibióticos será a principal causa de morte no planeta.
En 2017, a OMS publicou un documento no que enumeraba as superbacterias contra as cales é máis urxente desenvolver novos antibióticos. Entre elas está a Pseudomonas aeruginosa, incluída no grupo máis crítico de bacterias multirresistentes que son especialmente perigosas en hospitais, residencias de anciáns e entre pacientes que necesitan ser atendidos con dispositivos como ventiladores mecánicos e catéteres intravenosos, podendo causar infeccións graves e, a miúdo, mortais, como infeccións do torrente sanguíneo e pneumonía.
Hoxe en día, non hai vacina para previr a infección pulmonar causada por este patóxeno altamente preocupante, e os fármacos están a mostrarse ineficaces. Con todo, a solución podería acharse nun laboratorio galego.
De momento, a vacina só se aplicou en ratos, pero os científicos consideran os resultados prometedores para posibles ensaios en humanos nun futuro
Investigadores do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) –en colaboración con colegas da Universidade do Porto adscritos ao Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, o IBMC - Instituto de Bioloxía Molecular e Celular, o Instituto de Ciências Biomédicas Abel Salazar e o IPATIMUP - Instituto de Patoloxía Molecular e Inmunología–, probaron a inmunoxenicidade (capacidade para reaccionar fronte a un antíxeno) e a eficacia protectora dunha vacina viva experimental contra a pneumonía por Pseudomonas aeruginosa. De momento, só se aplicou en ratos, pero os resultados son prometedores para posibles ensaios en humanos nun futuro.
Coa aplicación da vacina deseñada observouse unha “mellora significativa na supervivencia dos ratos despois da infección pulmonar causada polas cepas PAO1 e PA14, produtoras da proteína ExoU. Case un terzo dos ratos infectados co clon epidémico de alto risco XDR –extremadamente resistente (extensively drug-resistant, en inglés) ST235 tamén se mostraron protexidos tras a administración da vacina (ST111, ST175 e ST235 son os tres principais clons de P. aeruginosa de alto risco internacional; dos tres, ST235 é o que ten maior distribución a nivel mundial).
En opinión dos autores dos ensaios clínicos, aínda que “os resultados obtidos neste estudo aínda son limitados”, debido á novidade desta vacina, cren que este prototipo ten “potencial” para ser considerado un “prometedor candidato a vacina” en humanos contra a pneumonía por P. aeruginosa.
En efecto, o traballo destes científicos abre a posibilidade ao deseño dunha nova xeración de vacinas que poderían ofrecer solucións alternativas aos antibióticos na loita contra as superbacterias.
Os traballos, que se iniciaron en 2012, están dirixidos por Germán Bou, xefe de Microbioloxía do CHUAC, cualificado como “o médico español que está a gañar a batalla ás superbacterias”
Os investigadores desenvolveron un sistema tecnolóxico que permitiría crear vacinas bacterianas, con aplicación tanto en saúde humana como animal. Trátase dunha estratexia innovadora que se basea na auxotrofía ao D- glutamato, unha diana universal entre as bacterias. Coa súa solución, os científicos logran a inactivación dos xenes responsables da síntese do D- Glutamato, un compoñente esencial no crecemento e proliferación bacteriana que lles permite replicarse e multiplicarse para infectar o organismo e burlar a acción dos antibióticos. Desta maneira, o patóxeno microbiano queda atenuado, é incapaz de replicarse e termina autodestruíndose, permitindo ao sistema inmunitario recoñecelo e xerar unha resposta inmune de protección.
Tras publicar nas revistas Nature Communications e Virulence a base científica do proxecto co que buscan solucións tecnolóxicas para deseñar vacinas para distintas superbacterias, agora os científicos presentan en PLoS Pathogens os resultados da súa experimentación co prototipo de vacina deseñado contra a bacteria Pseudomonas aeruginosa, nun traballo titulado ‘A live auxotrophic vaccine confers mucosal immunity and protection against lethal pneumonia caused by virulent Pseudomonas aeruginosa’.
Estes traballos, que se iniciaron en 2012, están dirixidos por Germán Bou (Alcoy, 1966), xefe do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e coordinador do Grupo de Microbioloxía do Instituto Investigación Biomédica A Coruña (INIBIC), ao que algúns cualificaron como “o médico español que está a gañar a batalla ás superbacterias”.
CRISE MUNDIAL
En 1945, Alexander Fleming xa predixo a crise causada pola resistencia aos antimicrobianos. Foi no seu discurso ao recibir o Premio Nobel polo descubrimento da penicilina: “Existe o perigo de que unha persoa ignorante poida doadamente aplicarse unha dose insuficiente de antibiótico e, ao expoñer os microbios a unha cantidade non letal do medicamento, fágaos resistentes”
“Se non se toman medidas urxentes, o mundo está abocado a unha era post-antibióticos na que moitas infeccións comúns e lesións menores volverán ser potencialmente mortais”
Setenta e cinco anos despois daquela profecía, o mundo atópase ás portas da que podería ser unha das maiores crises sanitarias dos nosos tempos. A propia OMS así o recoñeceu: “Se non se toman medidas urxentes, o mundo está abocado a unha era post-antibióticos na que moitas infeccións comúns e lesións menores volverán ser potencialmente mortais”, alerta.
A situación é de tal preocupación, que este organismo da ONU activou unha alarma global ante o abuso que a poboación fai dos antibióticos e a xa demostrada perda de efectividade destes medicamentos, que podería levarnos en 2050 a un escenario no que se estima ao redor duns 10 millóns as mortes anuais por esta causa.
“A resistencia aos antibióticos está a aumentar en todo o mundo a niveis perigosos”, constata a OMS, que advirte de que “un crecente número de infeccións, como a pneumonía, a tuberculose, a septicemia ou a gonorrea son cada vez máis difíciles –e ás veces imposibles de tratar– a medida que os antibióticos van perdendo eficacia".
Naqueles sitios onde os antibióticos poden ser adquiridos sen receita médica para uso humano ou veterinario, demostrouse que a aparición e propagación da farmacorresistencia empeora.
Outro problema derivado da resistencia aos antibióticos é o incremento dos custos médicos, ao prolongarse as estancias hospitalarias e aumentar a mortalidade.
Por todo isto, a OMS avisa de que "é necesario que se cambie urxentemente a forma de prescribir e utilizar os antibióticos".
“Aínda que se desenvolvan novos medicamentos, se non se modifican os comportamentos actuais, a resistencia aos antibióticos seguirá representando unha grave ameaza. Os cambios de comportamento tamén deben incluír medidas destinadas a reducir a propagación das infeccións, a través da vacinación, o lavado das mans, a seguridade das relacións sexuais e unha boa hixiene alimentaria", alertan desde este organismo internacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.